A carne de porcino foi unha das que máis demanda rexistrou nos primeiros días do estado de alarma, quedando estampas de baldas de supermercados baleiras. A día de hoxe, dende distintas entidades de toda a cadea aseguran que o sector está mantendo a súa actividade, con certa normalidade, para asegurar o abastecemento ós consumidores.
A demanda parece estar xa estabilizada logo duns picos de consumo que deron paso a un parón da venta de carne de porco, de case o 60% a principios da pasada semana, segundo estiman dende a Federación Galega de Produtores de Porcino (Fegapor).
O sector mira con incerteza cara ás exportacións, destino de máis de 2 millóns de toneladas de carne de porco
O sector mira agora con incerteza cara ás exportacións, logo das restricións que comezaron a notarse nalgúns mercados europeos. Non en van, dos 4,6 millóns de toneladas de carne e produtos elaborados que se producen en España, máis de 2 millóns teñen como destino a exportación, segundo os datos que manexan dende a Interprofesional do Porcino de Capa Branca (Interporc).
A pandemia do coronavirus tamén está a deixar unha caída dos prezos nun momento do ano no que a tendencia adoita ser á alza. A lonxa de Lleida marcaba a semana pasada a primeira baixada na cotización tanto dos animais cebados, os leitóns, como da carne de porco.
O sector blíndase contra o Covid19
Como o resto de sectores primarios, os distintos chanzos da cadea de produción están a blindarse para evitar os contaxios e para seguir garantindo a actividade, aínda no caso de que se detecten brotes da enfermidade. “Estamos moi atentos á evolución do Covid19 e todo o sector traballa en dúas liñas: protexer ós traballadores e garantir o subministro á poboación”, declara Alberto Herránz, director de Interporc.
“Temos que protexer a todo o persoal, porque non podemos parar. Nós temos que seguir alimentando ós animais”: Miguel Ángel Higuera, Anprogapor
“Temos que protexer a todo o persoal, porque calquera outra empresa poderá parar, aínda que iso supoña perdas, pero nós temos que seguir alimentando ós nosos animais”, indica Miguel Ángel Higuera, director da Asociación Nacional de Produtores de Gando Porcino (Anprogapor).
“Todas as empresas están implementando plans de continxencia para protexer ós traballadores, previr situacións de risco e manter a actividade en toda a cadea”, apunta Manuel García, presidente de Interporc.
Así, en firmas como a silledense Nudesa, centrada na cría de porcos e tamén na fabricación de pensos seguen a traballar a pleno rendemento, pero con menos persoal e extremando as medidas de bioseguridade. “Nas granxas establecemos quendas por semanas para evitar que os traballadores coincidan e garantir a atención ós animais aínda que algunha persoa enferme e o resto dos seus compañeiros teñan que facer corentena”, explican dende a directiva de Nudesa.
“Estamos co mesmo ritmo de traballo pero con menos persoal, o que supón un gran esforzo”, afirman dende a directiva de Nudesa
Unha situación similar están a ter na fábrica de pensos, onde o número de traballadores que adoita haber nas instalacións reduciuse ó mínimo imprescindible e comezaron a aplicar medidas restritivas de acceso a determinadas zonas, para evitar o contacto do persoal. Tamén instalaron cristais de protección nalgunhas áreas, a modo de protección. “Estamos co mesmo ritmo de traballo pero con menos persoal, o que supón un gran esforzo”, concretan.
Primeiras baixadas dos prezos
En canto á comercialización, esta semana a demanda por parte dos supermercados está comezando a estabilizarse, logo do gran volume de compras rexistradas ó comezo do estado de alarma. “Nos primeiros días tivo que axilizarse o provisionamento ós supermercados polo aumento de demanda, agora produciuse un repunte negativo que parece indicar que o mercado xa se está estabilizando”, explica Miguel Ángel Higuera de Anprogapor.
Ó igual que noutros sectores, toda a demanda está agora centrada nos supermercados e o peche da hostalería e restauración así como a redución da actividade comercial estase a notar. Un dos principais afectados no sector están sendo os produtores das zonas de Castela especializados na comercialización de bacoriño. “É un consumo moi asociado a celebracións e que está completamente paralizado o que está afectando a toda a cadea, dende granxas a matadoiros ou distribuidores”, comentan dende Anprogapor.
A paralización das exportacións e as primeiras caídas dos prezos preocupan ós produtores galegos
Outro dos aspectos que preocupa no sector son as exportacións, xa que a incerteza do avance da pandemia fai que tamén se paralizasen boa parte das ventas fóra de España e que haxa preocupación pola evolución da situación. “Na produción non nos está afectando polo momento pero hai moita incerteza en canto ós mercados”, apunta José Antonio Vidal, presidente de Fegapor.
A pasada semana xa se detectou unha baixada importante dos prezos e ó sector preocúpalle que se converta en tendencia. “Na anterior semana xa houbo un axuste importante do prezo, non sabemos se foi unha adaptación do mercado ou se vai continuar nesa liña”, indica Vidal. A comezos de semana o prezo baixara xa en 3 céntimos por quilo, 3 euros no porco cebado e en 6 euros para os leitóns. “Estamos pendentes día a día de como van indo os mercados e pendentes do que vaia marcando a lonxa de Lérida”, concretan dende Fegapor.
O pasado martes activáronse de novo as mesas de prezos do porcino en Silleda de xeito telemático pola demanda do sector. Os prezos evidenciaron unha baixada de 8 euros no caso dos leitóns e de entre 5 e 6 céntimos para os porcos cebados. A tendencia continuou este martes, cunha nova baixada de 5 euros para os leitóns e de 2 céntimos para as diferentes categorías de porco cebado. “Estas baixadas dos prezos preocupan ó sector porque se están producindo nun momento en que é habitual que os prezos estean á alza”, explican dende Anprogapor.
Ademais, nos últimos meses esta tendencia á alza estaba a ser xeralizada en toda Europa pola gran exportación que se estaba a producir cara a China, tanto de leitóns como de porco cebado.
Segundo apuntan dende o sector, a baixada dos prezos tamén se pode deber á maior oferta detectada a raíz da redución das exportacións e pola desconfianza ante a evolución da pandemia. “Os mercados son moi temerosos e os produtores están tentando sacar a produción adiante por se despois se producen restricións debido a contaxios e iso está incrementando a oferta e baixando os prezos”, concretan en Anprogapor.
Os produtores optan por sacar a produción para evitar restricións polo coronavirus
As medidas tomadas noutros países europeos como Alemaña, que reduciu os sacrificios para incrementar as medidas de bioseguridade fixo que baixaran tamén as exportacións. Porén, “o sector porcino é moi dinámico e xa afrontou noutras ocasións o peche dos mercados e nunca estivo a expensas, senón que segue a procurar oportunidades para a súa produción”, apunta Alberto Herránz de Interporc.
Así, en firmas como Nudesa, onde a súa produción se comercializa en vivo en Portugal, polo momento non tiveron dificultades para seguir coas ventas. “Supoñemos que pronto comezaremos a notar o peche dos restaurantes e do turismo, sobre todo nunha época coma a Semana Santa onde se incrementaban os consumos nestes ámbitos”, indican dende a firma, que conta cunha produción anual de 250.000 porcos.
No medio desta situación extraordinaria provocada pola pandemia do coronavirus, o sector non esquece tampouco outras problemáticas propias e que levaban preocupando ós produtores dende hai meses. “Preocúpanos que, no medio desta situación, se descoiden as medidas para seguir alerta ante a expansión da peste porcina africana polo que nós seguimos esforzándonos por blindar as explotacións e garantir as mellores condicións tanto para traballadores como para os animais”, recordan dende a Federación Galega de Produtores de Porcino.