O mercado da madeira en Galicia atravesa nos últimos anos unha situación de estabilidade de prezos, no caso do piñeiro de “estabilidade en valores baixos”, como precisa o técnico da Asociación Forestal de Galicia Xosé Covelo. En madeira de piñeiro de calidade, a noticia positiva chega do mercado do sur de Pontevedra, no que as cotizacións foron repuntando ata acadar un destacado diferencial co resto de Galicia.
Se nas comarcas próximas a Portugal, o piñeiro para serra ronda os 30-38 euros tonelada (madeira en pé, sen IVE), no resto de Galicia resulta complicado que pase dos 28 euros, según os datos que manexa a Asociación Forestal de Galicia (AFG), unha entidade que elabora de xeito periódico uns índices de prezos da madeira en Galicia a partir das consultas que formula a propietarios e industrias do sector.
O mercado do piñeiro quedou tocado logo dunha forte crise de cotizacións no 2009, con depreciacións de máis de 20 euros por tonelada na madeira de calidade. A partir do 2010, os valores remontaron, aínda que se quedaron a medio camiño de recuperar as cifras anteriores á caída de prezos.
O piñeiro foi remontando tras a caída de 20 euros no 2009, pero sen chegar ós niveis de antes da crise
Onde mellor situación presenta o mercado é no sur de Pontevedra, unha circunstancia que desde a Asociación Forestal de Galicia (AFG) explican principalmente polo dinamismo dos serradoiros e do sector industrial da madeira daquelas comarcas.
En madeira de baixa calidade, destinada a trituración, os prezos preséntanse máis uniformes en toda Galicia, según os datos que baralla a AFG, con valores que rondan os 12-14 euros de media por tonelada, sempre falando de madeira vendida en pé, antes da corta, e sen engadirlle o IVE. A demanda para este tipo de madeira mantense estable nos últimos anos, centrada nas industrias do taboleiro, caso de Finsa ou Intasa, e nunha industria lusa de cartón para embalaxes, Europac, ubicada en Viana do Castelo.
Madeira para biomasa
Unha terceira vía para o puntal de piñeiro, non apto para serra, está chegando da man das industrias adicadas á produción de pellets para caldeiras de biomasa, un novo actor que está a introducir máis competencia no sector. “O mercado da biomasa favorece ademais que se movan os traballos silvícolas de rareos e desmestas”, considera o técnico da AFG Xosé Covelo, responsable de comercialización de madeira na asociación.
“En Galicia falta unha cultura de coidado das plantacións. O mercado da biomasa pode fomentala” (Xosé Covelo, AFG)
“Unha das grandes eivas nas plantacións forestais en Galicia é que, en xeral, non hai cultura de seleccionar e coidar os pés de maior calidade” -explica Covelo-. “Pénsase que facer unha plantación consiste só en plantar e esperar 25-35 anos. Que haxa un mercado para as sacas de madeira procedentes de tratamentos silvícolas é un elemento que pode axudar a ir cambiando esta cultura”, valora.
Un posible crecemento futuro do dinamismo do mercado de madeira de baixa calidade para trituración tamén presenta a outra cara da moeda: “En determinadas zonas, un bo mercado de madeira para taboleiros ou biomasa pode favorecer que se corte a madeira en turnos curtos, en lugar de esperar 25-35 anos a ter madeira de calidade”, sopesa Xosé Covelo.
Incertezas no eucalipto
O eucalipto vive nos últimos anos un periodo con escasas fluctuacións, pero coa incerteza de como evolucionarán os prezos tras a recente retirada do mercado lucense das papeleiras portuguesas Portucel e Celbi, un escenario que deixa a Ence nunha posición ventaxosa, como principal referente para a venda da madeira.
A situación actual dos prezos é de estabilidade, con cotizacións en madeira certificada FSC que rondan os 29-30 euros en madeira con corteza (árbores en pé, sen IVE) e os 34-36 en madeira sen corteza. Promafoz, unha asociación de propietarios da zona de Foz (Lugo), vén de asinar un acordo con Ence para a venda en 2015 de ata 10.000 toneladas de madeira a prezos máximos de 28,75 euros a madeira con corteza e de 34,75 a madeira sen corteza, sempre falando de pés certificados en FSC.
Saída de Portucel e Celbi de Lugo
O presidente de Promafoz, Ramón Reimunde, tamén presidente de Promagal, entidade paraugas dunha quincena de asociacións de propietarios de eucaliptos, considera complicada a actual situación do mercado, tras a saída das pasteiras lusas Portucel e Celbi da Mariña lucense. “En Lugo, Ence queda agora nunha situación case de monopolio, xa que as pasteiras lusas pasan a operar só no entorno de Ferrolterra e abandonaron os portos da Mariña”, apunta.
O peche da factoría de Ence en Huelva deixou expédito o mercado de eucalipto do sur de Portugal para Celbi e Portucel, que operan no entorno de Lisboa, co que se rexistrou un reaxuste dos mercados atlánticos do eucalipto. As pasteiras lusas abandonaron as compras en Lugo, un mercado que queda franco para Ence, cunha industria en Navia (Asturias). Desde o sector dos propietarios forestais entenden que houbo un reparto do mercado; en tanto Ence explica a saída das industrias lusas como un reaxuste lóxico do mercado na busca dos menores custos operativos.
Promafoz, que o ano pasado vendía a Portugal, asinou este ano un acordo con Ence co que Reimunde se amosa resignado. “A dificultade vai estar en que os socios queiran vender a súa madeira a estes prezos a través da asociación, xa que hai empresas que traballan para Ence mercando a 30 euros a tonelada con corteza e a 36 sen corteza. Non podemos competir e na mesma situación atópanse algúns madeireiros da zona”, asegura Reimunde. Ence, consultada sobre esta situación, aínda non puido facilitar unha resposta.
[Actualización] – O prezo do piñeiro mantense estable. Baixada no eucalipto nitens (23-10-2015)