Unións Agrarias presentou hoxe un balance do último ano no sector lácteo galego. Para a organización, a gran cuestión que continúa pendente de resolver é o tema do prezo do leite en Galicia, que no último ano se situou nunha media de – 4,18 céntimos por litro en relación ó conxunto da UE. Se se analizan os datos doutras comunidades autónomas importantes no sector lácteo, o diferencial é de – 3,22 céntimos en relación a Asturias, -2,01 con Andalucía ou -1,43 con Castilla y León.
O menor prezo do leite en Galicia en relación a Europa supón que as explotacións galegas cobraron no último ano 113 millóns de euros menos, arredor de 14.000 euros por granxa. O secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, considera que o diferencial negativo que soporta Galicia débese a “factores de decisión política, non a cuestións de mercado”.
García valorou como positivo que en xaneiro do 2019 entre en vigoren España o decreto que obrigará á etiquetaxe da orixe dos produtos lácteos, “que xa permitiu reducir a importación de leite líquido”. Sen embargo, o secretario xeral de Unións advirte de que quedan cuestións prioritarias pendentes de afrontar, en concreto o decreto que reformará o paquete lácteo, do que espera a súa publicación en xaneiro.
A reforma do paquete lácteo, entre outras cuestións, obrigará a que as industrias lácteas negocien a través das organizacións de produtores (OPs) todo o leite das explotacións asociadas a unha OP, non podendo xestionar a contratación do leite de xeito individual a través de cada gandería. Desde Unións Agrarias advirten de que a publicación do decreto que reforma o paquete lácteo debe ser inminente, pois a maioría das ganderías renovan os contratos a 1 de abril do 2019, co cal é necesario iniciar as negociacións oportunas en xaneiro.
Acordos coa distribución
Unións tamén anunciou que a partir de xaneiro retomará contactos coa distribución para evolucionar o acordo suscrito en decembro do 2015 coas principais cadeas de distribución, polo que estas se comprometían a aumentar en 2 céntimos os pagos do leite de marca branca, co compromiso de que lle serían trasladados ós gandeiros.
O obxectivo da organización é que as cadeas da distribución se comprometan en acordos como os que está cerrando a cadea gala Intermarché coas súas industrias proveedoras, ás que lles ofreceu un aumento do prezo, sempre que garantan determinados prezos en orixe.
Unións lembra tamén que na actualidade está á espera da resolución do xuízo que mantén contra Lactalis – Puleva por presunta apropiación indebida dos cartos que a industria está cobrando a maiores desde hai tres anos, pois as cadeas de distribución acreditaron un aumento dos pagos á industria gala, pero eses cartos non repercutiron nas ganderías proveedoras.
Cambios lexislativos
A organización agraria, por último, aspira a que haxa unha regulación dos prezos do leite no campo que impida a “venda a perdas”. “Xa está prohibida a venda a perdas nos supermercados, pero hai que regulala tamén en orixe”, defende Roberto García. “É unha cuestión que se está afrontando en Francia e que tamén haberá que lexislar en España. Temos que determinar prezos mínimos razonables para o leite, en función dos datos técnicos de custos estándar, e impedir que as industrias abusen da súa posición dominante para forzar prezos menores”, demanda Unións.