Continúa a suba de prezos do leite de vaca en España nun outono marcado pola caída da produción, e pola alza dos prezos do penso. Se en outubro xa houbo unha suba media de algo máis dun céntimo, a tendencia á alza continuou no mes de novembro, segundo os datos do Fondo Español de Garantía Agraria que veñen de ser publicados.
En concreto, o prezo medio do leite en orixe en España situouse nos 0,362 euros o litro, fronte aos 0,353 euros de outubro. Sen embargo, en Galicia a suba do prezo foi lixeiramente menos que en España: 0,35 euros o litro, polos 0,342 de outubro.
Esta lixeira suba estacional atribúese á mellora dos sólidos do leite, unhas calidades medias que en novembro foron do 3,92 de graxa e do 3,41 de proteína. En Galicia, a porcentaxe media de graxa foi do 3,98 e a de proteína do 3,40. Tamén ao compromiso de industrias e distribución de subir o prezo medio aos produtores -entre 1 e 2 céntimos por litro- para compensar a forte suba dos pensos, fertilizantes, electricidade e combustible.
En canto aos volumes de entregas, en novembro foron á alza no dato interanual: na media española a produción foi un 3,33% superior ó mesmo mes do ano 2020 (un 2,94% sen contar a produción galega). Galicia mantivo o seu contínuo aumento de produción, que chegou ao 3,46% en relación a novembro do 2020.