O prezo do leite toca fondo en agosto, á espera da posible recuperación do outono

O prezo do leite toca fondo en agosto, á espera da posible recuperación do outono

Vacas en produción. / Arquivo.

O último informe lácteo do Fondo Español de Garantía Agraria (Fega), correspondente ó mes de agosto, amosa que en Galicia o prezo do leite continuou o seu descenso, pasando dos 31,8 de xullo ós 31,6 de agosto. No conxunto de España, repetiuse en agosto o prezo medio de xullo, 32,5 céntimos, co cal semella que a baixada das cotizacións tocou xa fondo, á espera dunha posible recuperación outonal.

Os sinais do mercado internacional convidan a un lixeiro optimismo. Nas últimas dúas semanas, os prezos do queixo cheddar subiron en Estados Unidos un 19%, en tanto en Oceanía aumentaron os prezos do leite en po desnatado un 9,3%. En canto a Europa, os prezos dos produtos lácteos industriais mantéñense estables no último mes, con lixeiras melloras nalgunha categoría, como a manteiga, que sobe un 1,3% nas últimas catro semanas.

Entregas
As entregas de leite no que vai de ano subiron en España un 2,9%, se ben en agosto caeron un 0,6% en relación ó mesmo mes do pasado ano. En Galicia, en agosto mantívose sen embargo a tendencia de crecemento, cunha produción un 2% por riba da de agosto do 2019.

En calidades, a produción galega destaca un mes máis como líder en graxa na España peninsular, 3,73% fronte ó 3,63 de media estatal; en tanto en proteína mantense por riba da media, 3,25 fronte a 3,23.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información