O prezo do leite tende á baixa en Europa polo aumento da produción e o abaratamento dos lácteos industriais

O prezo do leite tende á baixa en Europa polo aumento da produción e o abaratamento dos lácteos industriais

O prezo do leite no campo semella ter chegado ó seu pico, segundo as perspectivas que debuxa o Observatorio do Mercado Lácteo da UE. En decembro, rexistrouse a primeira baixada do prezo medio do leite (-0,6 %), tras un ano de escalada continua, e para xaneiro o Observatorio pronostica outra lixeira baixada da media europea (-0,8 %).

O prezo europeo previsto para xaneiro é de 56,97 céntimos / Kg., se ben con importantes variacións por países, pois Irlanda continuaría en cifras inusitadas (68,37 céntimos), co matiz de que ten unha produción moi estacional, mínima en xaneiro. España, segundo a mesma fonte, estaría en 57,96 céntimos, en tanto entre os países veciños, Portugal sitúase en 54,85 céntimos e Francia en 49,86 céntimos.

Os dous países da Península Ibérica son os que acumulan a maior subida anual de toda Europa, cun + 72% no caso portugués e un + 64% no caso español, ata o punto de que superaron con moita marxe as cotizacións francesas, un feito inédito.

De feito, en España os prezos continuaron á alza en decembro, chegando a 59,7 céntimos / litro de media (+ 1 céntimo, en comparación con novembro), segundo os datos do Fondo Español de Garantía Agraria. En Galicia, o prezo foi de 58,7 céntimos e entre as comunidades próximas, destacan Castilla y León, con 61,5 e Asturias, con 60,5 céntimos.

Perspectivas
O cambio de tendencia que se percibe en Europa nos prezos no campo vén marcado por dous factores principais: o aumento da produción e a caída de produtos lácteos industriais como a manteiga e o leite en po, se ben os queixos continúan en topes históricos de prezos.

Desde o final do verán, as entregas de leite en Europa están aumentando, en comparación cos mesmos meses do ano anterior. O último dato que se coñece, do mes de novembro, foi o terceiro mes consecutivo de incrementos de produción, en novembro cun + 1,9 % en Europa (204.000 toneladas), cos principais países produtores (Alemania e Francia) aumentando entregas.

O aumento da produción de leite en Francia, con prezos sensiblemente inferiores ós españois, abre a porta a un aumento das exportacións cara a España

En España, ese aumento de entregas non se está a producir todavía, pois en decembro do 2022 a produción mantíñase 11.000 toneladas por baixo das do decembro do 2021, o que contribuíu a fortalecer un mes máis a tendencia á alza dos prezos do campo. Nesta información, analizamos o escenario de prezos e contratos que se presenta no campo esta primavera.

A cuestión é que o aumento de produción en Francia, cun prezo do leite inferior ó español, abre a porta a un aumento das exportacións de leite e de produtos lácteos cara a España.

A ese factor hai que unir o abaratamento que está experimentando o mercado de produtos lácteos industriais como o leite en po ( -8% nas últimas catro semanas) ou a manteiga ( -9% nas últimas catro semanas). A nota positiva é que os queixos industriais (cheddar, edam, etc.) mantéñense en máximos históricos de prezos.

A evolución durante este ano das exportacións extracomunitarias de lácteos é outro factor a seguir, pois para as granxas sería positivo se o aumento de produción en Europa se acompaña de incrementos importantes de exportacións.

Os contratos do leite a curto prazo gañan peso no campo pola incertidume do mercado

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información