
Fonte: FOGGA e elaboración propia
O prezo do leite en Galicia subiu entre xaneiro e agosto un 6,76%, pasando dunha media de 47,27 céntimos por litro aos 50,69, segundo os últimos datos oficiais publicados polo Ministerio de Agricultura.
Porén, se analizamos os datos desglosados por volume de entregas das explotacións ou estratos -información que publica a posteriori a Consellería do Medio Rural- as diferencias son notables segundo o tamaño da explotación.
Así, se nas ganderías máis pequenas, con menos de 200.000 litros de entregas, a suba foi de apenas 1,50 céntimos, ou o que é o mesmo, arredor dun 3,50%, nas de maior tamaño, as que entregan máis de 700.000 litros ao ano, a suba foi de 3,54 céntimos, un 7,34%.
No estrato máis representativo en canto a porcentaxe da produción de leite en Galicia, o de 400.000 a 700.000 litros de entregas ao ano, a suba foi de 2,53 céntimos de media, un 5,38%.
En resumo, as diferenzas de prezo por volume de entrega que establece a industria provocan que o prezo para o mesmo litro de leite varíe case 9 céntimos entre a explotación máis pequena e a de maior tamaño, ou de arredor de 3 céntimos se comparamos unha gandería de vacún de leite de tamaño mediano coas máis dimensionadas.
Neste sentido, dende hai tempo organizacións como Unións Agrarias ou o Sindicato Labrego Galego veñen denunciando estas prácticas de prima por volume establecidas polas industrias lácteas ao consideralo unha reconversión forzada do sector, e sen ter en conta criterios sociais ou de sustentabilidade, cunha diferenza de prezo que non se xustifica polos custos de recollida.
Galego









Control OJD