O prezo do leite no campo mantén a tendencia á baixa

O prezo do leite no campo mantén a tendencia á baixa

O último informe do Fondo Español de Garantía Agraria sobre prezos do leite amosa que no mes de xullo mantívose a tendencia á baixa. No conxunto de España, o prezo medio en xullo foi de 32,5 céntimos (-0,2 céntimos en relación a xuño), en tanto en Galicia foi de 31,8 céntimos (-0,1 céntimos en relación a xuño).

Os prezos no campo continúan á baixa desde o mes de febreiro. Daquela, en España o valor medio era de 33,6 céntimos e en Galicia era 32,6 céntimos. Queda por ver agora se se repite o patrón do ano pasado, cando o prezo do leite tocara fondo en xullo e remontara progresivamente nos últimos cinco meses do ano.

A evolución que teña a crise do coronavirus, co conseguinte impacto no sector, é o factor clave que marcará os próximos meses. A situación no contexto europeo revela tamén por agora que os prezos no campo evolucionan á baixa, situándose en Europa nunha media de 32,5 céntimos.

Mercado de produtos lácteos industriais
A situación no mercado de produtos lácteos industriais, con todo, non é tan mala como se puidera pensar. Nos 6 primeiros meses do ano, as exportacións europeas de queixo medraron un 10% e as de leite en po un 15%, aínda que o leite en po desnatado caiu un 16%. En canto a prezos, tanto o leite en po como a manteiga mantéñense estables e en niveis similares ós do pasado verán (212 euros / 100 Kg. o leite en po e 340 euros / 100 Kg. a manteiga).

No 2019, tanto leite en po como manteiga protagonizaran unha segunda parte do ano con aumento de cotizacións. Se esa tendencia se repetise, tería o seu lóxico eco nos prezos no campo a nivel europeo, pero a día de hoxe, é unha incógnita se haberá unha recuperación outonal dos prezos e en que medida.

Aumentos de produción
España aumentou a súa produción de leite un 1,9% nos primeiros sete meses do ano (+3,4% no mes de xullo), unha porcentaxe idéntica á media europea (+1,4% en xullo).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información