O prezo do leite en Galicia mantense 5 céntimos por baixo da media europea

A recuperación de cotizacións que viviu a UE no último ano continúa sen plasmarse en España. Sobe a produción en outubro por oitavo mes consecutivo

O prezo do leite en Galicia mantense 5 céntimos por baixo da media europea

Lactalis - Puleva mantén un diferencial de 5 céntimos no prezo base entre Francia e Galicia.

Os prezos do leite repuntaron lixeiramente este outono tanto en Galicia como no conxunto de España, se ben aínda se manteñen lonxe da media europea. Os últimos datos do Ministerio, correspondentes ó mes de outubro, revelan unha suba de 0,6 céntimos en relación a setembro, ata chegar a un prezo medio de 32,8 céntimos en España, que se queda en Galicia en 31,7 céntimos. Entre as comunidades veciñas, destaca como é habitual o caso de Asturias (34,7 céntimos) e Castilla y León (33) sitúase tamén por enriba da media española.

No conxunto da UE, os prezos do leite cru situáronse de media en setembro en 36,7 céntimos (último mes con datos), cinco céntimos máis da media do prezo galego. A recuperación de prezos que viviu Europa desde o outono pasado a penas se notou en España, onde o valor do leite en granxa permaneceu practicamente estancado todo o ano, salvo este lixeiro repunte outonal.

O sector agardaba xa o pasado inverno unha recuperación de cotizacións que non chegou e viu este verán como a principal industria con base en Galicia, Lactalis, comprometía un prezo base en Francia para o terceiro trimestre do ano de 33 céntimos, en tanto en Galicia continuaba a pagar 28 céntimos de base.

Aumentos de produción
España continúa aumentando a produción en relación ó ano pasado por oitavo mes consecutivo, cunha suba en outubro dun 3,5% en relación ó mesmo mes do ano anterior. En Galicia, a suba supera o 5% en relación a outubro do 2016.

O último informe ministerial do sector lácteo apunta tamén os datos medios de proteína (3,31) e graxa (3,73) a nivel de España. Galicia sitúase á cabeza das comunidades peninsulares en graxa (3,86) e está na media en proteína (3,29).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información