“Os nosos gandeiros arriscan moito, pero saben que van cobrar un prezo do leite obxectivo”

A cooperativa neozelandesa Fonterra é unha das principais compañías fabricantes de produtos lácteos industriais a nivel internacional e a súa subasta quincenal Global Dairy Trade é a referencia para establecer a cotización do leite en po ou a manteiga en todo o mundo

Paul Radich, director rexional de Fonterra en Taranaki, unha das principais zonas produtoras de leite de Nova Zelandia

Paul Radich, director rexional de Fonterra en Taranaki, unha das principais zonas produtoras de leite de Nova Zelandia

O prezo do leite que cobra un gandeiro galego decídese, en boa medida, nas súas antípodas, a 20.000 quilómetros de distancia. Nova Zelandia exporta o 95% da súa produción leiteira e é a referencia para o mercado internacional de produtos lácteos.

Por iso, os movementos que a nivel global se producen na oferta ou a demanda por factores diversos (climatolóxicos, inflacionarios, etc) acaban repercutindo nas explotacións produtoras de leite de todo o mundo.

Máis aló dos condicionantes e especificidades locais, o mercado do leite é cada vez máis global

No marco da visita que un grupo de gandeiros e técnicos galegos veñen de facer a Nova Zelandia, grazas ao apoio económico da área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, entrevistamos a Paul Radich, director rexional de Fonterra en Taranaki, unha das principais zonas produtoras de leite do país maorí, para saber como pode evolucionar o prezo do leite a nivel internacional en 2025, avanzar novas tendencias de mercado e coñecer o sistema de integración de produción, transformación e comercialización da cooperativa, exemplo de eficiencia na valorización industrial da produción leiteira.

– Como industria cooperativa, cal é a fórmula que utiliza Fonterra para remunerar o leite aos seus socios?
– O prezo do leite en Nova Zelandia está vencellado directamente aos prezos de exportación e á situación do mercado internacional en cada momento, o que fai que o que cobran os gandeiros estea suxeito a unha grande volatilidade. A campaña pode iniciarse a 8 dólares neozelandeses (44 céntimos de euro) e en dúas semanas caer a 7 dólares (38,5 céntimos de euro) ou ao revés. Iso pasa moitas veces.

Prodúcense cambios en ventás de tempo moi curtas. Por exemplo, houbo catro cambios no último ano, neste caso foron subidas de 20 céntimos de dólar cada unha. Estes axustes danse pola influencia do mercado internacional, por exemplo, se hai moito leite en EEUU ou en Europa. É a oferta e a demanda.

En Nova Zelandia o leite pagase por kg de materia seca e o prezo está suxeito a moita volatilidade. Os gandeiros asumen ese risco

O pago é por kg de sólidos contidos no leite, precisamente por ese enfoque cara a exportación do leite que se produce en Nova Zelandia e a construción do prezo ten en conta a produción total prevista de leite e o seu valor estimado nos mercados aos que nos enfocamos, restando o custo da transformación industrial (amortización das instalacións e custo operacional). 

– Tanto aquí en Nova Zelandia como tamén en Europa o prezo do leite está subindo neste momento. Agardades que esta tendencia se manteña o ano que vén?
– É difícil prever como estará o mercado mesmo nun escenario curto de prezos a un ano, pero os prezos altos actuais animan aos gandeiros a producir máis e pode haber un exceso de oferta. Eu creo que o prezo do leite vai baixar, pero agardo que non sexa moito.

“Prevemos que o prezo do leite baixará o ano que vén, pero esperemos que non sexa moito”

Non sabemos cal vai ser o prezo do leite que van cobrar os nosos gandeiros, pero o que si sabemos é que vai ser obxectivo, suxeito á lei da oferta e a demanda. As subidas van directamente para os gandeiros, non hai intermediarios que se quedan con eses cartos, pero tamén as baixadas repercuten directamente nos produtores; os gandeiros asumen ese risco.

Leite en pó de Fonterra vendido como produto delicatessen no aeroporto internacional de Doha (Qatar)

Leite en pó de Fonterra vendido como produto delicatessen no aeroporto internacional de Doha (Qatar)

– Cal é o principal destino do leite de Fonterra?
– Fabricamos unha ampla gama de produtos, tratamos de diversificar. Producimos por exemplo 1 millón de toneladas de leite en po. Moito vai para China, para outros países do sudeste asiático e para os países árabes. Tamén facemos leite desnatado en po, manteiga e proteína en po. Pero ou facemos unha cousa ou a outra, é dicir, ou facemos leite enteiro en po ou descompoñemos o leite neses outros tres produtos (leite desnatado en po, manteiga e proteína en po).

Na nosa planta de maior capacidade procesamos 12 millóns de litros cada día

Elaboramos tamén queixo: moitísima mozzarela para China, onde a alimentación está a cambiar e estase a incrementar o consumo de pizzas, e tamén chedar e queixos delicatessen. O suero procedente da elaboración dos queixos antes usábase para cebar porcos, pero agora considérase un produto de alto valor para a industria farmacéutica e con el producimos excipientes para medicamentos ou para inhaladores.

Fonterra é un dos principais provedores de ingredientes lácteos para a multinacional suíza Nestlé en todo o mundo

Tamén facemos ingredientes lácteos industriais para outras empresas multinacionais como por exemplo Nestlé. Estas empresas esíxennos que traballemos con granxas que sexan respectuosas co medio ambiente.

As boas granxas son as que destacan na calidade do leite e no coidado do territorio

– Pode ser ese un condicionante para a produción de leite en Nova Zelandia nos vindeiros anos?
– Por suposto. Xa o é na actualidade. As boas granxas son aquelas que destacan pola calidade do leite que producen e polo coidado do territorio. O máis importante para nós segue a ser a seguridade alimentaria, pero a nivel internacional hai unha demanda crecente que ten que ver con cuestións como o benestar animal ou o medio ambiente.

En Nova Zelandia as granxas leiteiras clasifícanse do 1 ao 5 en función do peso do pasto na alimentación das súas vacas e hai unha diferenza de 10 centavos de dólar neozelandés (uns cinco céntimos de euro) segundo o seu grao de autosuficiencia alimentaria, pero é moi probable que ese bonus por menos insumos e máis servizos ecosistémicos vaia aumentando. 

En Nova Zelandia estase a investigar unha vacina para reducir as emisións entéricas das vacas

Como empresa, en Fonterra temos o compromiso de reducir un 30% a nosa pegada de carbono entre o 2018 e o 2030. Ese é un grande desafío. Unha das opcións sería plantar máis árbores e outra é reducir as emisións do gando.

Hai un programa de mellora xenética para reducir metano, seleccionando por ese aspecto a través dun índice específico e existen algúns produtos no mercado para iso, como por exemplo aditivos con efectos sobre o rume pero son difíciles de usar en vacas en pastoreo. En Nova Zelandia estase a investigar tamén unha vacina fronte ás emisións entéricas, que sería moi útil tendo en conta o noso sistema produtivo.

Gama de produtos lácteos industriais de Fonterra, que inclúe leite enteiro en po, desnatado, queixo e manteiga

A gama de produtos lácteos industriais de Fonterra inclúe leite enteiro en po, desnatado, queixo e manteiga

– Nova Zelandia conta cunha superficie de 1,64 millóns de hectáreas destinadas á produción de leite e 4,67 millóns de vacas, o que supón unha carga gandeira de 2,85 vacas por hectárea. A redución de emisións pode obrigar a reducir o número de vacas?
– A nosa estratexia nunca vai ser reducir cabana gandeira, senón facer as cousas mellor dentro do noso sistema de produción. A pegada de carbono de Fonterra procede nun 90% da produción leiteira, un 9% da transformación industrial e un 1% do transporte a destino en todo o mundo. Polo tanto, para lograr avances significativos hai que poñer o foco principalmente nas granxas e centrarse en alimentación do gando, redución de fertilizantes e diminución das necesidades de recría.

A nosa estratexia nunca vai ser reducir cabana gandeira, senón facer as cousas mellor dentro do noso sistema de produción

É probable que esa redución da pegada de carbono nos faga incrementar custos de produción e que poida aparecer algún competidor, pero seguramente procedan de sistemas con gando estabulado porque usando alimentación con carro mesturador pódense controlar mellor as emisións de metano que con animais no pasto.

Con todo, podemos considerar que somos un país con baixas emisións de gases de efecto invernadoiro porque hai menor transporte de insumos ás granxas en comparación con outros países produtores de leite a nivel mundial.

– Estanse a facer en Nova Zelandia auditorías ás granxas para a súa cuantificación?
– Si. Cada ano dámoslles un informe aos gandeiros sobre a súa pegada de carbono, diferenciando os distintos tipos de gases de efecto invernadoiro pero estamos aínda nunha fase moi primaria diso.

Cada ano entregámoslle aos gandeiros un informe sobre a súa pegada de carbono

Non se ten en conta a capacidade de fixación de carbono dos pastos porque non está aínda cuantificado nin totalmente demostrado desde un punto de vista científico. Está en estudo, pero non temos nada concluínte sobre iso.

Vacas leiteiras nunha das 9.000 granxas neozelandesas que entregan o leite a Fonterra

Vacas leiteiras nunha das 9.000 granxas neozelandesas que entregan o leite a Fonterra

– Que porcentaxe representa a produción ecolóxica en relación á produción total de leite?
– Os gandeiros ecolóxicos representan menos do 5% e teñen un pago extra, unha prima que varía entre 0,8 e 2 dólares por quilo de sólidos entregado. Neste momento ese bonus é de 1,6 dólares, o que equivale a un 16% máis sobre o prezo base actual (10 dólares).

Fonterra está a apostar por sacar ao mercado novas liñas de produtos funcionais

Fonterra ten interese en ter máis leite ecolóxico. Aquí en Nova Zelandia o selo eco é unha etiqueta moi forte no mercado. Tamén hai demanda en países como China, a onde estamos a mandar leite fresco pasteurizado ecolóxico mediante transporte aéreo.

– Nova Zelandia foi, xunto cos EEUU, un dos países pioneiros na produción de leite A2A2. Está a medrar a demanda?
– O leite A2 é máis doado de dixerir pero cando foi da covid-19 sufriu moito esta liña de produto. De feito, non estou seguro de que vaia continuar. Cando se comezou en Fonterra a producir fai 5 anos arrincou con moita forza, pero ese interese está decaendo. Está en discusión se continuar con ela ou non e os gandeiros están agora máis interesados en seleccionar as súas vacas por eficiencia na alimentación e emisións de metano no canto de fixarse se as súas vacas son A1 ou A2.

O camiño da diferenciación de produto neste momento está centrado nas novas liñas de produtos funcionais: leite pediátrico infantil, produtos altos en proteína para deportistas e outros específicos para a xente maior. Temos 300 investigadores no noso centro de I+D+i investigando para desenvolver novos produtos.

“Que a industria estea nas mans dos gandeiros é a mellor fórmula para transformar o leite”

Produtos lácteos funcionais con alto contido en proteína nunha das granxas proveedoras de leite de Fonterra

Produtos lácteos funcionais con alto contido en proteína fabricados por Fonterra

– Fonterra é unha das maiores compañías lácteas do mundo. Ser unha cooperativa é unha vantaxe ou unha desvantaxe?
– O modelo cooperativo é o ideal para transformar leite. Que a industria estea nas mans dos gandeiros é a mellor fórmula porque son eles os que corren cos riscos que supón producir e os que teñen que se adaptar a desafíos como o cambio climático.

Fonterra está formada por 9.000 gandeiros socios, que reciben accións en función do leite entregado. Na actualidade a equivalencia é unha acción por cada 3 kg de sólidos producidos. Unha vez ao ano reciben un pago en forma de dividendo polos beneficios obtidos pola compañía.  

– O feito de estar enfocados á exportación, supón un maior risco para os gandeiros?
– Supón unha maior volatilidade no prezo do leite. Procesamos uns 16 millóns de toneladas de leite, dos que exportamos o 95%, con destino a 140 países. Temos 30 factorías e podemos procesar 12 millóns de litros diarios na planta con maior capacidade.

Os gandeiros neozelandeses están todos mirando a Bolsa de Chicago

O 70% da nosa produción total está sendo ofertada no Global Dairy Trade (GDT), onde mercan operadores de todo o mundo. Por iso, os gandeiros de Nova Zelandia están todos mirando os mercados internacionais, ou o que acontece en China ou na Bolsa de Chicago.

– Non tendes medo a que China, que é un dos vosos principais mercados, incremente nos vindeiros anos a súa produción de leite e, como consecuencia diso, caian as importacións que está a facer neste momento?
– Non temos medo a iso porque nunca van poder ser tan eficientes coma nós producindo leite cuns custos de produción baixos coma os que temos nós aquí en Nova Zelandia, simplemente polo feito de producirmos o leite a base de pasto, que é o xeito máis barato que existe de producir leite.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información