O prezo do leite dispara a recría nas explotacións e a demanda de vacas e xovencas de importación

Os prezos dunha xata preñada próxima ao parto sitúase entre os 2.600 e os 2.800€, mentres que recén parida acada os 3.000, uns 500 ou 600€ máis que hai seis meses. Para as que veñen de Francia ou Alemaña hai lista de espera de ata 3 meses

PULUÁN SC (Monforte) recriaDi o refrán que hai que limpar cando fai vento. Por iso, as granxas galegas están a tratar neste momento de producir máis leite pola vía de meter máis animais nos establos, o que está a disparar a demanda de vacas paridas e xovencas preñadas próximas ao parto.

Pero ao igual que a falta de leite no mercado disparou o prezo pagado ás granxas, tamén a falta de xovencas multiplicou o seu valor, con subas de entre un 30 e un 50% desde a primavera ata agora.

O prezo actual do leite, con niveis próximos aos 60 céntimos, está a levar ás explotacións a tratar de aumentar a súas entregas de xeito inmediato, para aproveitar a situación favorable e facer caixa por se volven a vir mal dadas, pero tamén a aumentar a recría propia nunha estratexia máis a longo prazo.

Ao igual que a falta de leite no mercado disparou o prezo pagado ás granxas, tamén a falta de xovencas multiplicou o seu valor

Prevese que os prezos do leite en orixe se manteñan altos nos próximos anos, repetindo os valores actuais cando menos nas renovacións de contratos que se produzan durante o 2023, o que está a facer que as ganderías aposten por seguir medrando, un camiño que se vira conxelado coa suba de custos iniciada a finais de 2021 e confirmada coa escalada de prezos dos pensos, os fertilizantes, o gasóleo e a luz desencadeada trala invasión rusa de Ucraína en febreiro deste ano.

Recuperar as cabezas perdidas

O desfase, de máis de medio ano, producido entre a suba dos custos de produción e a revalorización do leite, vivida sobre todo despois do verán, levou ás explotacións que sufriron no treito inicial deste 2022 varios meses de rendibilidade negativa, nos que perdían cartos vendendo o leite por baixo do que lles custaba producilo, a desfacerse de parte dos seus animais, sobre todo vacas en produción de máis idade, como unha estratexia para reducir custos, animada polos bos prezos do desvelle nos matadoiros.

A situación favorable actual de prezos elevados do leite colleu co pé cambiado a moitas ganderías, que reduciran o número de animais debido á suba dos custos de produción

Por iso a suba posterior do prezo do leite en orixe ata acadar os niveis históricos actuais, colleu en moitos casos ás ganderías co pé cambiado, xa que moitas delas contan neste momento cunha capacidade de produción limitada tras ter reducido no último ano a súa cabana gandeira.

Máis seme sexado para aumentar a recría

A escaseza de animais dispoñibles no mercado e o seu alto prezo está a empurrar tamén ás ganderías a recuperar a recría, que malia ao incremento sufrido no prezo do penso, se ve como unha garantía á hora de asegurar o reemprazo necesario na explotación e unha fonte de ingresos complementaria en caso de ter excedente de xovencas.

A estratexia de aumentar a recría nas granxas augura un escenario de maior produción de leite a dous anos vista

Pero a estratexia de aumentar a recría nas granxas augura un escenario de maior produción de leite a dous anos vista, o que podería nivelar o desfase entre oferta e demanda e xogar en contra da alza de prezos actual, tanto do leite como das xovencas, mitigando as subas producidas nos últimos meses.

Falamos con importadores de gando, con empresas de xenética e con centros de recría para pulsar cal é a situación actual. Confírmannos o aumento tanto da demanda como dos prezos, e a escaseza de animais dispoñibles.  

Antonio Barreira, Ganados Barreira Bascuas

“Hai moita máis demanda. Temos unha lista de espera de 2 a 3 meses”

barreira antonio fleckvieh 1 estandarGanados Barreira Bascuas é unha das empresas que en Galicia se adica á venda de gando de importación. Antonio Barreira recoñece que neste momento “hai moita máis demanda”, unha situación que se comezou a notar “desde que empezaron a subir os prezos do leite aló por marzo e abril” pero que se acentuou tralo verán.

Desde a primavera os prezos aumentaron uns 500€ por animal, xa que ao incremento da demanda engádese unha situación de escaseza de oferta. “Hai moitas menos xovencas. A oferta dos principais países europeos é menos da metade das que había antes. Aínda que por motivos distintos, tanto Francia como Alemaña reduciron a oferta á metade”, asegura.

Os prezos subiron uns 500 euros. Fóra hai moitas menos xovencas e aquí o que criou non as vende

As posibilidades para mercar en Galicia ou noutras zonas de España tamén minguaron. “En España hai moi pouca dispoñibilidade. As vacas de matadoiro levan meses valendo moito e matáronse moitas, e agora que o leite subiu o que non criou quere comprar. Pero o que ten xatas non as vende ou ponas a un prezo moi alto”, afirma.

Esixencia de vacinación contra a lingua azul en Francia

“España surtíase fundamentalmente de xovencas de Francia pero este ano viñeron a metade polos problemas da lingua azul”, explica Antonio. A finais do ano 2021 o Goberno español impuxo a obriga da vacinación para a importación de animais procedentes de determinadas zonas con alta incidencia desta enfermidade o que levou a moitos gandeiros franceses a buscar outros mercados.

Os gandeiros franceses prefiren mandar para Italia, Holanda ou Irlanda onde non lles piden a vacina; a oferta de Francia caeu á metade

“Antes podían mandar os animais cunha proba de PCR de lingua azul negativa, pero agora a maiores desa proba pídese que a vaca estea vacinada. Ese proceso require dúas doses cun período de espera de máis de 20 días o que supón un gasto para as explotacións de orixe e retrasa a saída dos animais. Por iso os gandeiros franceses prefiren mandalas para Italia, Holanda ou Irlanda, onde non piden a vacina. Así evitan facer a vacinación e revacinación e ao final cóbranas ao mesmo prezo”, di.

Por ese motivo, asegura Antonio, “Francia está mandando a metade dos animais que mandaba no ano 2019 e 2020”. “No 2019 nós traiamos unha viaxe de xovencas semanal e agora veñen 2 ao mes”, compara.

Cambio de estratexia dos gandeiros europeos

Para suplir os animais de procedencia francesa, Barreira Bascuas está acudindo a outros países, como Alemaña ou Dinamarca, que non teñen esa problemática coa lingua azul. Sen embargo, di, non é posible subministrar a demanda actual.

En España matáronse infinidade de vacas cando empezou a subir o penso

“En España matáronse infinidade de vacas cando empezou a subir o penso. Pero agora que tamén subiu o leite a xente quere meter vacas pero non has hai, temos unha lista de espera de 2 a 3 meses”, recoñece Antonio.

A xente quere meter vacas pero non has hai, temos unha lista de espera de 2 a 3 meses

En España o alto valor das vacas de matadoiro animou ás explotacións a desfacerse dos animais de máis idade. Algo parecido está a pasar tamén noutras zonas de Europa. “Os gandeiros de Francia ou Alemaña hoxe están sacrificando as vacas e estanse quedando coas xovencas para repoñelas, porque os animais de desvelle aumentaron alí tamén moito o seu valor. Antes vendían as xovencas porque eran as que daban os cartos á explotación e quedábanse coas vacas vellas pero agora venden as vacas e quédanse coas xatas”, explica.

O déficit de leite en Europa é grande porque en Alemaña e Francia moitos gandeiros pasáronse a agricultores

Antonio augura que a curto prazo a situación dos altos prezos tanto do leite como das vacas non vai cambiar substancialmente. “Estamos nun escenario que se vai manter a longo prazo porque o déficit de leite en Europa é grande. En Alemaña e Francia moitos gandeiros pasáronse a agricultores, porque a calidade de vida é mellor. Traballas forte durante 4 ou 5 meses de campaña pero o resto de ano é máis relaxado e permíteche ter máis vacacións e as fins de semana libres, algo que coas vacas non é posible”, razoa.

Santiago García, Finca La Asunción

“Os prezos subiron moito, ata un 30% en Francia e un 50% en Alemaña”

Finca La Asuncion (2)Finca La Asunción, en Touro, é unha gandería que aposta pola xenética, habitual nos concursos e subastas de gando, e que comercializa tamén animais importados doutros países europeos. Santiago García Souto, segunda xeración á fronte da explotación, pon cifras á suba de prezo dos animais nos últimos meses.

“No noso caso a demanda está estabilizada e as vendas son estables. En Francia pola vacinación da lingua azul o número de unidades baixou, pero en Alemaña segue habendo dispoñibilidade. O problema é que os prezos subiron moito. Nas xovencas estamos falando de prezos medios de entorno a 2.500-2.600€ tanto en Francia como en Alemaña. E se nos imos a vacas paridas, en Francia encarecéronse un 30% no último medio ano, pasando de 2.100€ na primavera a 2.700€ a día de hoxe, mentres que en Alemaña o incremento é mesmo maior e pode chegar ao 50%, pasando de 2.300 a 3.400€”, detalla.

Agora as xovencas non son máis baratas aquí, como pasaba hai uns anos; os prezos son moi similares en toda Europa

Se nos imos ao mercado interno, tanto galego como español, a cousa estase a comportar dun xeito parecido. “Os prezos aquí son similares aos de fóra. Antes os prezos aquí eran máis baixos, pero agora estanse igualando. Agora as xovencas de aquí xa non son máis baratas, como eran hai uns anos; os prezos son moi similares en toda Europa”, asegura.

Ingresos complementarios na venda de recría

Finca La Asunción atopou na venda de recría unha fonte de ingresos complementaria á venda de leite, unha opción pola que augura que tamén apostarán outras ganderías nos vindeiros anos se os prezos se manteñen altos.   

“Ata agora na maioría de ganderías criábase o xusto, pero o mercado de venda de animais está a aumentar. Con prezos de 1.700€ non compensaba moito recriar para vender, pero a 2.700 ou 2.800€ xa é interesante”, di Santi.

As xovencas aquí subiron moito, antes valían 1.700 ou 1.800€  e agora 1.000 euros máis. Non hai máis que ver as subastas, onde se están dando medias de 3.000€

Pero a recría é un proceso lento e non exento de riscos. “Necesitas máis de 3 anos entre que empreñas a vaca, pare e crías a becerra ata levala ao parto. E sempre está a incertidume, porque non sabes como vai estar o mercado nese momento”, argumenta.

Noel Balsa, Global Genetics

“A xente ten que plantexarse seriamente cambiar de estratexia e buscar animais que duren máis anos na explotación”

Procross Noel Balsa2Global Genetics comercializa seme holstein e tamén de razas como montbeliard ou roja sueca para facer cruzamentos cos que tratar de aumentar a lonxevidade do rabaño. “Coas taxas de eliminación que hai hoxe en moitas explotacións non hai seme sexado que dea reposto a falta de vacas que hai”, afirma Noel Balsa.

“A vaca holstein cada vez dura menos, antes tiña 2 ou 3 fillas, pero agora o normal é que teña só 1 e esa fai falta para repoñer a súa nai, non serve para aumentar o número de cabezas da explotación”, asegura.

Non hai seme sexado que dea reposto a falta de vacas que hai

Ante o encarecemento dos animais de reposición e a suba dos custos de recría, Noel afirma que “a xente ten que plantexarse seriamente cambiar de criterio e buscar animais que duren máis anos na explotación”.

“Antes unha vaca que tiña 1 parto pero daba 15.000 litros era rendible. Hoxe é moito máis interesante que dea algo menos pero que teña dúas fillas, ben sexa para quedar na granxa ou para recriar e vender”, propón.

As vacas e xatas cruzadas tamén subiron de prezo, pero non hai

Noel recomenda ás explotacións que aproveiten o capital xenético que atesouran apostando por recriar no canto de mercar e augura que a situación de escaseza tanto de vacas paridas como de xatas preñadas vai continuar debido ás normativas a nivel comunitario que dunha forma directa ou indirecta acaban limitando a carga gandeira. “En Holanda as limitacións ambientais fixeron desaparecer a oferta, cando hai uns anos era un lugar que surtía de vacas e xovencas a outros países”, exemplifica. 

En Holanda as limitacións ambientais fixeron desaparecer a oferta, cando era un lugar que surtía de vacas e xovencas a outros países

Do mesmo xeito, di, os problemas sanitarios e de transmisión de enfermidades acaban limitando de facto o movemento de animais. Aos problemas de lingua azul de Francia engádense outras estratexias de bioseguridade marcadas polos distintos Estados da UE.

A declaración de Galicia como zona libre de tuberculose converteuse nun atranco a maiores para traer vacas de fóra

“Galicia foi declarada zona libre de tuberculose e os controis ao gando que procede de fóra da comunidade están a ser moi estritos. Traíanse animais de Portugal pero os servizos veterinarios da Xunta poñían moitos problemas e iso facía que fose inviable, porque ningún gandeiro se arrisca ante o temor ao bloqueo da explotación”, di Noel.

Marcos Costoya, Africor Coruña

“Está a incrementarse o uso de seme sexado”

FINCA CABREIRA (Irixoa) recríaMarcos Costoya Vázquez é o director técnico de Africor Coruña, na que están integradas un total de 868 explotacións. Ademais do libro xenealóxico e o control leiteiro desde a asociación prestan servizos de acoplamento e distribución de seme de Xenética Fontao.   

Marcos recoñece que se está incrementando a utilización de seme sexado por parte das ganderías como unha estratexia para dispoñer de máis becerras. “A tendencia das ganderías é ir máis ao sexado, hai unha demanda cada vez maior, porque é a arma que teñen para ter máis recría”, afirma.

Cada vez son máis as ganderías que adoptan a estratexia de recriar vía sexado e poñer carne ao resto de animais

Nos últimos 5 anos a demanda de seme sexado case se duplicou, pasando na provincia da Coruña de 4.041 doses distribuídas por Africor no 2017 a 7.129 o ano pasado. Esta cifra representa aínda menos do 10% do total dos touros utilizados nas inseminacións, pero esta tendencia está a verse acelerada na actualidade na procura dun maior número de femias nas ganderías.

Ademáis, a utilización de seme sexado está aumentando non só nas xovencas, senón tamén nas vacas. “Unha dose sexada non ten a mesma taxa de preñez que unha convencional, pero mellorouse niso e estanse a seleccionar tamén as mellores vacas, aínda que non sexan primeirizas e teñan máis idade”, describe Marcos.

 O mercado está moi á alza, pero os custos de criar unha becerra tamén subiron

 “O mercado está moi á alza. O prezo das xovencas importadas anda por enriba dos 2.600€ e as que se venden de aquí tamén, porque os custos de criar unha becerra tamén subiron, tanto o leite en po coma o penso”, constata.

Rogelio Grille, Recría Castro

“Nos últimos meses houbo máis chamadas interesándose polo servizo”

Rogelio Grille á entrada das instalacións de recría da Granxa Gayoso Castro

Rogelio Grille é veterinario de Seragro e xerente de Recría Castro, o centro público impulsado pola Deputación de Lugo que presta servizo neste momento a 60 ganderías da provincia e unhas 2.500 xatas nas distintas fases de recría entre os 15 días de vida e os 7 meses de preñadas.

 “Nos últimos meses é certo que houbo máis chamadas interesándose polo servizo, pero non podemos coller xa máis granxas porque estamos traballando ao 100% da capacidade das instalacións”, recoñece.

As explotacións admitidas non teñen cupo á hora de enviar becerras ao centro e Rogelio admite que nos últimos 2 ou 3 meses aumentou a entrada de animais, uns 28 por semana, aínda que non o vincula exclusivamente cunha intención de aumentar a recría por parte das explotacións. “As ganderías non sempre mandan o mesmo número de becerras todos os meses, moitas veces é algo cíclico”, conta.

Chaman clientes preguntando se sabemos de xovencas para comprar

Pero máis aló do aumento no número de becerras a recriar, o que as explotacións están a buscar é sobre todo vacas en produción ou xovencas próximas ao parto. “Hai moitos gandeiros que neste momento comprarían animais se os houbera. A xente chama preguntando por xovencas para comprar”, afirma.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información