O prezo do leite comeza a remontar da granxa ó supermercado

As marcas brancas consolidan o ascenso de prezos nas cadeas de distribución, proporcionándolle máis marxe ás industrias lácteas na renovación dos contratos no campo. O sector espera que a maioría dos novos contratos coas granxas ronden os 38 céntimos de prezo final

O prezo do leite comeza a remontar da granxa ó supermercado

Vacas en pastoreo. / Arquivo.

O aumento de custos de produción que se experimentou no campo no último ano, finalmente estase trasladando en cadea ós prezos do leite. Nos supermercados, as marcas brancas xa repuntaran a finais do verán pasado arredor de 5 céntimos e agora calcúlase que están a pechar outra subida semellante, para un total duns 10 céntimos. Se hai un ano, a práctica totalidade das marcas brancas de leite líquido se situaba no arco dos 55-60 céntimos, agora é difícil atopar leite a menos de 65-67 céntimos.

Esa suba dálle máis marxe ás industrias na renovación dos contratos coas granxas, que se están afrontando nestas semanas. Os primeiros contratos en trascender apuntaban a que parte das industrias ían situarse nuns prezos no campo que rondarían os 37 – 38 céntimos, caso de Pascual ou de Entrepinares, en tanto outras quedábanse uns céntimos por abaixo.

O escenario, sen embargo, está cambiando, e comezan a trascender casos de novas empresas que están a trasladarlle contratos puntuais a granxas no arco dos 37-38 céntimos. O xiro explícase por dous factores principais. En primeiro lugar, pola alta competencia entre as industrias por asegurarse o aprovisionamento no campo. E en segundo lugar, polo bo momento de mercado que viven os lácteos.

Prezos no supemercado e mercado industrial
A remontada do prezo das marcas brancas no supermercado dálle máis marxe ás industrias. A iso súmanse as cotizacións históricas que están a acadar os produtos lácteos industriais (leite en po, manteiga, queixos), que atravesan o mellor momento dos últimos 15 anos.

Con esta situación, as ganderías están ante semanas decisivas para pechar os novos contratos do leite, nos que esperan consolidar subas de prezo de arredor de 4 céntimos que lles permitan enfrontar as subas dos custos de produción.

Custos de produción
Os principais encarecementos de custos sitúanse nos pensos e nos fertilizantes, que en ningún dos dous casos teñen perspectivas de abaratamento inmediatas, polo que hai temor no campo á súa evolución. Desde as organizacións agrarias e cooperativas veñen reclamando desde hai meses que os contratos do leite se referencien en parte ós custos de produción no campo, tal e como fai un dos índices da Interprofesional Láctea, que aplica Entrepinares, pero son escasas as industrias que optaron por este modelo.

Outras industrias decantáronse por seguir referenciando parte do prezo dos seus contratos só ó mercado de produtos lácteos industriais, como fai Larsa, o que xera incertidume de cara ó futuro, pois unha caída nos próximos meses do prezo da manteiga e do leite en po deixaría ás granxas contra as cordas.

Así as cousas, o agro espera que nas próximas semanas se pechen á alza as actuais propostas de renovación de contratos das industrias. Nas organizacións agrarias e cooperativas, que desde antes do verán pasado presionaban para unha suba en cadea do leite que chegase ó supermercado, ven con certo optimismo o futuro, logo de consolidar nos supermercados unha suba das marcas brancas de arredor de 10 céntimos.

Situación lexislativa
A recente modificación da Ley de la Cadena Alimentaria, impulsada polo Ministerio de Agricultura, é outro factor que sumou no cambio de escenario. A lexislación prohíbe que ningunha granxa venda o leite por baixo dos seus custos de produción, o que abre a porta a posibles procesos contra as industrias lácteas no caso de manterse en prezos que non cubran custos.

As actuacións contra as industrias terían as súas complicacións, xa que aínda non existen índices oficiais sobre custos de produción medios, que poidan servir de referencia. En calquera caso, a lexislación menciona explicitamente os custos individuais de cada produtor, non os custos medios, o que abre unha segunda dificultade.

Cada explotación pode calcular os seus custos propios, ben a través dun técnico, ben por medio dunha aplicación informática, como a Conta Láctea, impulsada pola Xunta, pero trataríase dunha información de parte que precisaría unha certa auditoría para ser validada.

En Galicia, Medio Rural pídelle ó Ministerio que fortalezca os mecanismos de control da Ley de la Cadena Alimentaria, pero de cara ó futuro planea asumir esas competencias de control a través dunha axencia propia de información e control alimentario, cuxa creación anunciou recentemente o conselleiro.

Desde a Xunta pedían tamén que o Ministerio de Agricultura intermediase con industrias e distribución para elevar o prezo do leite nos supermercados, se ben ese paso semella xa consumado. A presión do sector pechou unha suba de arredor de 10 céntimos das marcas brancas, en tanto as primeiras marcas de leite están tamén elevando os seus prezos desde o outono.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información