O prezo do leite alcanza un récord histórico na Unión Europea: 0,47 euros por litro en maio

PREZOS LEITE UE MAIO 22O prezo do leite en orixe está alcanzando cifras impensables hai un ano na Unión Europea. Segundo adianta o Observatorio do Mercado Lácteo da Unión Europea no mes de maio o prezo medio do leite estandarizado ao 4% de graxa e 3,3% de proteína foi de 0,4736 euros o litro. Dende o mes de febreiro de 2021 o prezo medio do leite na UE subiu todos os meses e con especto ao mesmo mes do ano pasado a suba foi superior ao 30%.

Se nos remontamos na serie histórica, que chega até o 2013, o prezo medio máis alto acadado na media dos países da UE foi en decembro dese ano: 0,4027 euros o litro.

En canto aos principais produtores da UE o prezo medio o mes pasado situouse nos 0,4848 euros o litro en Alemaña; 0,4503 en Francia e 0,4593 en Italia, récord histórico na serie histórica destes estados.

Para España, o prezo medio en maio que avanza o Milk Market Observatory é de 0,4068 euros o litro. Habería que remontarse a decembro de 2007 para atopar un prezo maior: 0,4510 euros o litro. A situación española é singular dentro da UE no sector lácteo: É un pais deficitario en produción de leite e a súa industria láctea está volcada principalmente cara produtos de menos valor engadido, sobre todo envasado de leite líquido, e con pouco peso das exportacións. Isto explica que en momentos de altas cotizacións dos produtos lácteos nos mercados internacionais os prezos do leite en orixe en España non suban tanto como en Francia, Alemaña, Holanda ou Irlanda, países cunha industria láctea máis volcada cara á exportación.

A previsión é que no mes de xuño e xullo sigan subindo os prezos achegándose á barreira dos 0,50 euros o litro. De feito, o prezo do leite spot en Italia situouse esta semana en 0,595 euros o litro.

UE PREZOS LEITE PAISES ABRIL 22

Causas: Menor produción a nivel mundial e incremento dos costes

Fóra da Unión Europea os prezos tamén se están a disparar: O leite en orixe en Estados Unidos pagouse en abril a 0,557 euros o litro (co 4,2% de graxa) e en Nova Zelanda situouse nos 0,442 euros o litro (4,2% de graxa e 3,35% de proteína).

Detrás desta escalada de prezos está a forte suba dos costes de produción (pensos, plásticos, fertilizantes e combustible) que se está trasladando ao prezo do leite en orixe e a menor produción de leite nos principais países exportadores, o que está a disparar o prezo da manteiga, o queixo ou o leite en pó. Así, entre xaneiro e abril a produción en Estados Unidos caeu un 1% respecto ao mesmo período de 2021, pero en Nova Zelandia, o principal exportador mundial de leite enteiro en po, a caída interanual foi do 4,1% e en Australia do 3,4%. Na Unión Europea o descenso está a ser menor: entre xaneiro e marzo deste ano a produción baixou un 0,3%.

Descarga aquí o informe de prezos do leite do Observatorio do Mercado Lácteo da Unión Europea. https://ec.europa.eu/info/sites/default/files/food-farming-fisheries/farming/documents/eu-raw-milk-prices_en.pdf

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información