O mercado do piñeiro mantense en Galicia nunha situación similar á de comezos de ano, cuns prezos estables que se moven na zona norte no arco dos 28-30 euros tonelada en pé (sen Ive), sempre falando de lotes diversos con madeira para serra e para trituración. Na zona sur da comunidade, nos concellos de Pontevedra próximos a Portugal, as cotizacións, como vén sendo habitual, están lixeiramente máis altas, no arco dos 34-38 euros de media, segundo os cálculos da Asociación Forestal de Galicia (AFG), entidade que fai un seguemento continuado das cotizacións da madeira na comunidade.
O mercado da biomasa para pelets continúa a ser unha opción máis para o piñeiro destinado a trituración, alternativa o seu uso para taboleiros, aínda que a compra de madeira para biomasa segue en niveis similares a meses pasados, segundo as estimacións de Xosé Covelo, técnico da AFG. A maior novidade no mercado do piñeiro –sinala Covelo- produciuse na zona norte da comunidade nas compras de piñeiro radiata dirixidas á exportación para China, con prezos que están chegando a acadar os 34-36 euros por tonelada en zonas próximas ós portos de carga.
Eucalipto
O mercado do eucalipto globulus remontou lixeiramente nos últimos meses, en boa medida pola mellora do prezo internacional da pasta de papel. Logo da baixada de 3-3,5 euros experimentada hai ano e medio a raíz da reducción da prima gubernamental á producción de enerxía con madeira, o eucalipto mantívose estable ata principios de ano cando repuntou lixeiramente e recuperou parte daquela perda, quedando agora uns 2 euros por abaixo do prezo de hai ano e medio, valoran na Asociación Forestal de Galicia.
O caso do eucalipto nitens é distinto, pois as pasteiras, que obteñen menos cantidade de celulosa do nitens, comezaron a penalizar a súa compra. Ence paga un mínimo de 6 euros por tonelada menos que no globulus. “Se hai un ano, o nitens e o globulus rondaban os 30-31 euros (en pé, con corteza, sen Ive), agora o nitens págase a 22-24 euros no mellor dos casos”, explica Covelo.
As compañías pasteiras, tanto Ence como as outras con presenza na península, están a reducir as súas compras de nitens. Queda a posibilidade de que apareza algún operador que demande esta madeira e relance os prezos, pero polo de agora esa situación non se produciu.