O prezo do mel galego para exportación a granel baixa ata un 15%

Inquedanza entre os apicultores galegos que venden mel a granel para o exterior pola falta de prezos por parte dos compradores alemáns. Se o ano pasado o prezo medio estaba nos 4 euros o kilo este ano está baixando ata os 3,5.

O prezo do mel galego para exportación a granel baixa ata un 15%

Mel a granel para a exportación.

O prezo do mel galego a granel para a exportación está baixando esta campaña de media un 15%, ata os 3,5 € o kilo para o apicultor, fronte aos 4,15 euros aos que se chegou o pasado ano. Ráchase así cun ciclo de cinco anos de subas continuadas no prezo do mel galego, cobizado polas grandes empresas envasadoras do resto de España, pero sobre todo de Alemaña, para mesturalo con meles claros e máis líquidos procedentes de Asia ou de Sudamérica.

Confírmano varias fontes do sector que coinciden en que esta baixada non é conxuntural e que, malia todo, con 3,5 euros kilo séguense cubrindo os custos de produción. Hai que lembrar que dos arredor de 2 millóns de kilos de mel que se producen en Galicia, arredor dun 25% destínase á exportación ás grandes empresas envasadoras de Alemaña, fundamentalmente por apicultores da provincia de Ourense e do Sur de Lugo.

Benigno Basteiro: “No futuro é previsible unha reestruturación do sector”

Benigno Basteiro, apicultor do Viana do Bolo e un dos maiores de Galicia tanto en número de colmeas como en produción, recoñece que hai preocupación xa que “a diferencia doutros anos, os alemáns a estas alturas do ano aínda non fixaron o prezo nin están mercando mel, aínda que xa avanzaron que vai ser menor”. Unha situación que se reproduce en toda España, con cooperativas en Extremadura con miles de quilos de mel á espera da decisión das grandes industrias envasadoras de Alemaña.

Para Benigno Basteiro, gran coñecedor do sector, esta situación débese a que “nos últimos 5 anos subiu moito o prezo do mel, o que acabou retraendo o consumo, e fixo que os envasadores alemáns empezaran a buscar provedores de mel en Turquía ou no Norte de Arxentina, onde producen un mel escuro similar ao de Galicia, pero de máis baixo prezo”.

Para Basteiro, “a saída previsible será unha caída do prezo do mel a granel nos próximos anos e unha reestruturación do sector, que fará que queden os fagan mellor o traballo”.

Néstor Ogando: “O ano pasado vendémolo a 4,15 e este ano chegamos a 3,40 euros o quilo”

Néstor Ogando, apicultor profesional con 680 colmeas en A Gudiña, A Mezquita e Viana do Bolo, tamén confirma a baixada de prezos do mel a granel para exportación. Vende a súa produción a través de FRUTIMEL, unha cooperativa que agrupa a case 40 apicultores profesionais da comarca. “O mercado está á baixa: se o ano pasado o vendimos a unha media de 4,15 € o kilo, este ano chegamos a vendelo a 3,40 €”, asegura.

A estas alturas, en Frutimel xa venderon a práctica totalidade da produción: preto de 170.000 kilos para unha empresa envasadora española que o exporta a Alemaña e aos países árabes, e uns 24.000 kilos que venderán, por primeira vez este ano, baixo o amparo da IXP Mel de Galicia. “Vendémolo a menor prezo, pero queremos apostar por poñer en valor o noso mel vendéndoo a través da IXP Mel de Galicia”, recoñece.

Nestor confía que nos próximos anos o prezo se manteña no entorno dos 3,50 € o quilo, unha cantidade que sigue cubrindo os custos de produción.

A Agrupación Apícola está a impulsar os primeiros contratos entre apicultores e envasadores da IXP Mel de Galicia

Pola súa parte, David Corral, secretario da Agrupación Apícola de Galicia, considera que a medio-longo prazo os apicultores galegos deberían apostar por comercializar o seu produto a través de Mel de Galicia. “As grandes empresas envasadoras alemanas necesitan mel con conductividade, é dicir que proporcione consistencia ao mesturalo con meles claros e máis líquidos de China e doutros países. O mel galego ten esas características pero tamén o melato de encina de Estremadura, de Salamanca e doutras partes do mundo, onde teñen unha gran produción e prezos máis baixos que en Galicia”, explica.

Neste sentido, David Corral avanza que a Agrupación Apícola de Galicia está a impulsar os primeiros contratos homologados en Galicia entre os apicultores e os envasadores inscritos en Mel de Galicia “para darlle estabilidade de prezos ao produtor e garantía de subministro aos envasadores, o que lles permitiría ampliar o subministro á distribución”.

Está previsto que a comezos de decembro se asinen os primeiros contratos.

“Na IXP Mel de Galicia estanse respectando os prezos do ano pasado”

A este respecto, Esther Ordóñez, presidenta da IXP Mel de Galicia, pon en valor que “na IXP estase respectando o prezo do ano pasado ao apicultor, cunha media de 4 euros o kilo: a 3,90 euros o multifloral e a 4 euros máis IVE o monofloral”.

Eshter Ordóñez amósase convencida de que “o futuro pasa por valorizar o mel galego apostando por comercializalo a través da IXP Mel de Galicia”. “Se o vendemos a granel estamos á mercé das grandes empresas alemáns, que tan ben compran este ano o mel en Galicia como para outro mércano noutra parte do mundo porque lles sae máis barato”, conclúe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información