“O prezo do leite subiu 5 céntimos no supermercado desde decembro e só 1,2 chegaron ao gandeiro”

Os consumidores pagan hoxe o leite enteiro a 84 céntimos, dos que o produtor percibe só 32,6, segundo os datos feitos públicos pola asociación de gandeiros e a Unión de Consumidores de Galicia, que poñen en marcha un observatorio de prezos que aportará datos mes a mes sobre como se está comportando o mercado

Membros de Agromuralla e da Unión de Consumidores, esta mañá trala rolda de prensa en Lugo

Membros de Agromuralla e da Unión de Consumidores, esta mañá trala rolda de prensa en Lugo

Desde decembro a marzo o litro de leite no supermercado pasou de 79 a 84 céntimos, mentres o prezo base que cobra o gandeiro por producilo pasou de 31,4 a 32,6 céntimos, segundo os datos facilitados hoxe por Agromuralla e a Unión de Consumidores de Galicia.

É dicir, tan só unha cuarta parte do incremento do prezo do leite nos supermercados (5 céntimos) acabou trasladándose realmente aos produtores. Con todo, os datos feitos públicos este mércores non reflicten na súa totalidade a revalorización do leite en orixe que se produciu na última renovación dos contratos, que entraron en vigor no mes de abril.

“Nos catro meses analizados, de decembro a marzo, o leite subiu un 6,46% no supermercado e só un 4,04% ao gandeiro. Hai un 2% que non chega ao produtor”, explicou Miguel López, secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia.  

Segundo os datos dos gandeiros, os custos de produción incrementáronse en 4 céntimos en litro de leite desde decembro

Agromuralla e UCGAL veñen de poñer en marcha un Observatorio de Prezos do Leite co obxectivo de aportar “transparencia á cidadanía para que poida tomar decisións de compra conscientes”, segundo explicaron ambas entidades en rolda de prensa este mércores en Lugo.

“O consumidor cando compra o leite pensa que o que está pagando é para que o gandeiro cobre un prezo xusto, cando realmente non é así”, asegurou Roberto López, portavoz de Agromuralla, que detallou que neste mesmo periodo de tempo o incremento dos custos de produción nas granxas foi de 4 céntimos en litro. “O prezo do concentrado subiu 100€ por tonelada desde decembro e a iso hai que engadir o custo do gasóleo, a luz, os abonos e os plásticos”, dixo.

Transparencia para os consumidores

Evolución Agromuralla Ucgal1O Observatorio de Prezos bota a andar “con carácter de permanencia” e aportará mensualmente datos sobre a evolución do mercado e como as subas e baixas nos liñais de venda se trasladan aos produtores.

Os socios de Agromuralla aportarán as facturas mes a mes para facer chegar aos cidadáns o prezo real ao que están cobrando o leite

”Queremos que o consumidor saiba a verdade, que haxa transparencia, porque hai axentes intermedios que non están a ser claros co consumidor, que sabe ao prezo ao que está pagando o leite no supermercado pero non ao prezo ao que o está cobrando o gandeiro. Queremos que o consumidor saiba que parte do que está pagando agora polo leite chega a nós”, indicou Roberto López. Por iso, os gandeiros socios de Agromuralla aportarán cada mes as facturas de compra do leite por parte das industrias.

Facilitar decisións de compra

“Queremos ir retratando a cada un dos axentes, porque hai sensibilización por parte do consumidor, que quere un prezo xusto e queremos que saiba cal é a marca de leite que maior porcentaxe do prezo traslada ao gandeiro”, avanzou Miguel López, que sen embargo non quixo dar polo de agora datos concretos de empresas leiteiras e cadeas de supermercados.

Queremos que o consumidor saiba que parte do que está pagando agora polo leite chega a nós, os produtores e cal é a marca de leite que maior porcentaxe do prezo traslada ao gandeiro

 A monitorización incluirá tamén aos consumidores, para saber se están dispostos a ir asumindo un pequeno incremento de prezo no leite se iso vai destinado aos gandeiros. “O consumidor galego é un consumidor consciente, responsable e comprometido co seu propio territorio. Esta información vailles servir para tomar decisións de compra en base a información clara e transparente”, afirmou o representante da Unión de Consumidores.

O consumo medio de leite sitúase en España en 80 litros por persoa ao ano, polo que unha suba de 4 céntimos no litro de leite equivalería a que o gasto medio anual por persoa se incrementaría só en 4 euros. “Unha ampla maioría de familias galegas estarían dispostas a asumilo se iso repercute no gandeiro”, asegurou Miguel López.

Soberanía alimentaria

“É fundamental avanzar cara a unha soberanía alimentaria. En só 3 meses comprobamos a gravidade de ter que depender de terceiros países e non ter a capacidade de satisfacer a nosa demanda interna. Segundo os nosos datos, nos últimos tres meses produciuse unha suba dun 15% na cesta da compra media das familias galegas, con algúns produtos que chegaron a subir case un 200%”, detallou Miguel López.

Conseguiuse despertar a conciencia do consumidor e pensa que lle subiron o leite no supermercado para que cobre máis o gandeiro, cando non é así

“Como produtores nós defendemos que a gandería de leite siga viva, que non sigan a pecharse granxas e que os mozos e mozas poidan tomar a decisión de continuar na actividade. Porque cando non haxa granxas que produzan leite e teña que vir de terceiros países, non será un produto de proximidade nin chegará nas mesmas condicións de calidade que chega hoxe aos consumidores. Hai que coidar ao gandeiro para que o gandeiro poida coidar do territorio e da alimentación da sociedade”, defendeu o portavoz de Agromuralla.

Ampliación do estudo a Asturias e Castela e León

Evolución Agromuralla Ucgal2

Agromuralla e UCGAL pretenden que o Observatorio sexa “unha ferramenta útil” e que sirva para comparar o funcionamento do mercado do leite nas distintas comunidades. “Xa estamos traballando para ampliar os datos tamén a Asturias e Castela e León a través de consumidores e gandeiros para ver se hai diferenzas de comportamento da industria e a distribución en función do territorio”, explicou Miguel López.

Deste xeito, dixo, os datos serían representativos a nivel estatal, dado que “máis do 60% do leite orixínase nestas 3 comunidades autónomas”, indicou. Esta colaboración entre UCGAL e Agromuralla representa ademais “un compromiso serio de pervivencia no tempo”, máis alá do Observatorio que a propia Xunta de Galicia está a pór tamén en marcha.

Comparativa de datos homoxénea

Os datos empregados para o seguemento do mercado non teñen en conta produtos transformados ou de alto valor engadido. “Para falar de comparativa temos que falar de datos que sexan realmente comparables. Por iso imos facer seguemento do prezo do brick de leite enteiro no supermercado, xa que é o que menos transformación sofre, e o prezo base pagado ao gandeiro por ese leite nos contratos”, detallou Miguel López .

Prodúcese un desfase de meses entre as subas dos supermercados e as trasladadas ás granxas e durante ese tempo hai quen se está beneficiando diso

“O único dato que ten natureza homoxénea é o prezo base, xa que é o que marca a referencia sobre a capacidade do gandeiro de desenvolver o seu traballo en condicións de seguridade. As primas ou penalizacións son variables, ademais de que non existe uniformidade entre as distintas industrias para poder facer unha comparativa”, defendeu.

Prodúcese ademais un desfase temporal entre as subas producidas nos supermercados e as trasladadas ás granxas. “Durante ese tempo hai quen se está beneficiando diso”, indicou Roberto López, portavoz de Agromuralla.

Contratos con primas dispares e enganosas

Segundo explicaron tanto Agromuralla como a Unión de Consumidores, a revalorización do leite en orixe nos contratos renovados esta primavera non se levou a cabo maioritariamente no prezo base, senón en toda unha serie de primas aparte, de carácter dispar en función da empresa, que dificulta en moitos casos as comparativas entre as ofertas e contratos presentados.

Por iso, Agromuralla aproveitou a rolda de prensa para denunciar a “política de prezos escurantista por parte das industrias lácteas”. “As empresas queren camuflar o prezo do leite a través de primas, é algo que dá inseguridade aos gandeiros. Gustaríanos que as industrias trasladasen esas primas ao prezo base”, pediu Roberto López.

Queremos un prezo base claro e estable para o gandeiro, porque a viabilidade das explotacións vén dada polo prezo base, non polas primas

“A industria xoga con primas moitas veces enganosas para dar a sensación de cara á sociedade de que nos sobe o prezo do leite co obxectivo de confundir ao consumidor e de que os gandeiros non saibamos moi ben por que conceptos cobramos a fin de mes. Ademais, estas subas puntuais non se consolidan ao non estar no prezo base e poden desaparecer no momento en que as empresas o estimen convinte ou converterse en penalizacións de modificarse as cláusulas, como aconteceu en moitos contratos esta primavera”, argumentou, polo que asegurou que “a viabilidade das explotacións vén dada polo prezo base dos contratos, que debe ser claro e estable para o gandeiro”, dixo. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información