O prezo do leite sobe medio céntimo en orixe en setembro

O volume de leite procesado polas industrias descende un 0,4 % respeto a setembro do 2014, se ben hai que ter en conta o efecto do bloqueo ás industrias en Galicia durante ese mes

O prezo do leite sobe medio céntimo en orixe en setembro

O bloqueo ás industrias en Galicia explica a baixada das entregas en setembro.

Os datos do Fondo Español de Garantía Agraria (Fega) sobre a produción de leite en setembro confirman unha tendencia leve a un repunte dos prezos. En xullo, as cotizacións tocaron fondo tras meses de baixadas, en agosto subiron 0,2 céntimos e en setembro a suba media é de 0,5 céntimos. O prezo medio pagado en España en setembro quedou así en 30,4 céntimos.

Galicia, como vén sendo habitual, ten o prezo medio máis baixo de entre as comunidades autónomas, con 28,3 céntimos, se ben tamén rexistrou unha suba similar á media, de 0,6 céntimos en setembro no caso galego. Só dúas comunidades teñen un prezo por baixo dos 30 céntimos, Galicia, con 28,3, e Cantabria, con 29,3. Contrasta a situación nestas dúas comunidades cos datos das súas veciñas, Asturias, con 32,3 céntimos, e País Vasco, con 34 céntimos.

Entregas
En canto ás entregas de leite, o mes de setembro foi o primeiro mes da campaña onde se situaron por baixo das do mesmo mes do 2014, 519.000 toneladas fronte a 521.000 o ano pasado, se ben o bloqueo de industrias en Galicia durante uns días de setembro, coa conseguinte folga de entregas, explica esta situación. Os datos dos Africores galegos, que miden a produción (non as entregas) das granxas en control leiteiro, volveron a rexistrar en setembro unha suba da produción en relación a setembro do 2014, seguindo a mesma tendencia de anteriores meses.

O número de gandeiros que entregaron leite situouse en setembro en 16.605 en España, dos que 9.236 eran galegos. Son, a nivel estatal, uns 400 menos dos que iniciaron a campaña, 250 deles de Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información