“O prezo do leite segue igual e a este paso teremos que baixar produción”

Visitamos SAT A Cortiña, en Coristanco (A Coruña), a terceira mellor explotación de Galicia en produción láctea. Rafael Amarelle, o seu propietario fálanos da situación actual da súa granxa e de como encara o futuro

“O prezo do leite segue igual e a este paso teremos que baixar produción”

Rafael Amarelle, de SAT A Cortiña

SAT A Cortiña, situada no concello coruñés de Coristanco, é unha das explotacións lácteas de Galicia referentes en canto a produción. Este ano foi distinguida por FEFRIGA como a terceira mellor gandería da Comunidade en produción láctea do ano 2014, cunha media de 13.851 kilos de leite por lactación, despois de dous anos consecutivos como líder do ránking.

Como a maioría das explotacións lácteas de Galicia, trátase dunha gandería familiar, na que Rafael Amarelle Taibo é a terceira xeración. Este gandeiro de 36 anos formouse, como gran parte dos da comarca de Bergantiños, na EFA Fonteboa, un centro do que Rafael salienta especialmente as estancias do alumnos en explotacións lácteas do estranxeiro.

Hoxe en día, xunto coa súa dona e a súa nai, dirixe esta SAT familiar de sistema intensivo que conta con 170 vacas en muxido, 30 secas e 125 de recría. A base territorial da explotación son 100 hectáreas, entre propias e alugadas.

“Para ampliar a base territorial tería que desprazarme 15 quilómetros”

Precisamente a terra é un factor que limita o crecemento e a mellora da rendibilidade desta explotación xa que, tal e como sinala Rafael, “nesta zona a maioría das fincas son pequenas, co que se encarecen os gastos de maquinaria, e para atopar fincas grandes tería que desprazarme a 15 ou 20 quilómetros, co que tampouco me compensaría”. Un problema de ordenación territorial que está penalizando a competitividade das explotacións gandeiras galegas.

Nesta base territorial cultivan millo forraxeiro, cuxa colleita minguou este ano ata un 15%, e herba para ensilar. Unha vez recollido o millo sementan raigrás en 50 hectáreas e deixan 45 para descansar ata o vindeiro ano, mentres que 5 hectáreas quedan en barbeito para cumprir coas esixencias da nova PAC.

A clave da produción láctea: a alimentación e os tres muxidos

Son precisamente a alimentación, a mellora xenética, o manexo e o sistema de muxido os factores que sitúan a SAT a Cortiña como unha das explotacións líderes en Galicia en canto a produción láctea. Así, a ración diaria das vacas en muxido componse de 40 kg de silo de millo, 5 kg de herba, 4 kg de soia e 8 kg de penso.

Para as vacas secas a ración é de 6 kg de palla, 10 kg de silo de millo e 3 kg de penso, mentres que para as xovencas establecen dous tipos de racións. Unha ata os dez meses composta por 4 kg de penso, 4 kg de palla, 5 kg de silo de millo e 15 kg de herba ensilada. E outra dende os 10 meses ata o terceiro mes antes do parto, que se elabora con 2,5 kg de penso, 4,5 kg de palla, 15 kg de silo de herba e 5 kg de millo.

A outra clave para situarse en líderes en produción é a realización dun terceiro muxido. A este respecto, Rafael Amarelle salienta que “máis alá do aumento da produción, que tamén se ve contrarrestado cun maior gasto de persoal, valoraría a mellora do estado sanitario da vaca, xa que temos menos mamites e menos problemas de células somáticas”.

 “Co terceiro muxido notamos unha melloría na sanidade do ubre”

A mellora xenética é tamén un elemento clave para optimizar o rendemento leiteiro das vacas. No caso de SAT A Cortiña traballan con acoplamentos tanto con touros canadenses como de Estados Unidos. “Buscamos fundamentalmente mellorar en patas e ubres, pero tamén noutros aspectos como a permanencia no establo ou a lonxevidade”, explica Rafael. E é que, cunha media de 2,7 partos por vaca, este é un dos caracteres que nos que considera que existe máis marxe de mellora.

Todo isto compleméntase cun manexo do gando que permite que se expresen os tres factores anteriores. Así, en SAT A Cortiña contan con cama quente nas parideiras, camas de area para as que están en muxido ou un completo servizo de podoloxía que traballa fundamentalmente na prevención para evitar problemas de coxeiras.

Un prezo do leite que non aumentou tras o acordo lácteo

En canto ao prezo do leite, en SAT A Cortiña véndenllo a Lactalis cun prezo medio de 29 céntimos (prezo base de 27 céntimos, máis 1,5 céntimos por prima de produción e 0,5 por dobre A). As calidades están en entre 3,15 e 3,25 de proteína e 3,70 e 3,80 de materia graxa; unha porcentaxe, esta última, que “empezamos a subir nos últimos meses pois a empresa estábanos penalizando e iso obrigounos a baixar algo a produción”, asegura Rafael.

“Os prezos que me propoñen para os próximos meses son os mesmos que teño agora”

En canto aos afectos do acordo lácteo sobre o prezo que pagan as industrias en orixe, este gandeiro móstrase claro: “Ningún. Onte mesmo nos trouxo a empresa a proposta de renovación do contrato para os próximos meses e o prezo é o mesmo”.

Neste sentido, Rafael Amarelle amosa a súa inquedanza cara o futuro inmediato “porque se o leite non sube en inverno, non me imaxino o que pode pasar na primavera, cando a produción sole aumentar”.

Perspectivas de futuro

Nesta situación, en SAT A Cortiña non descartan que “se seguimos con estes prezos, teñamos que reducir o número de vacas e baixar produción”. Tampouco descartan volver ao sistema semiextensivo: “Coa base territorial que temos poderíamos ter unhas 50 vacas no prado e baixaríamos moitos dos custos que temos ao estar en intensivo”, recoñece Rafael.

Mentres tanto, en SAT A Cortiña apuran estes días os últimos traballos da sementeira de herba coa vista posta no rego do arado pero coa mente nuns prezos do leite que non acaban de recuperarse.

Nave para as vacas secas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información