Os propietarios forestais de eucalipto, organizados en Galicia en torno a asociacións locais da Mariña e Ferrolterra, estudan presentar unha queixa ante as autoridades europeas de Competencia pola evolución do mercado do eucalipto no último ano. O sector dos propietarios pensa que Ence e as pasteiras portuguesas Celbi e Portucel chegaron a acordos para reducir o prezo do eucalipto na primavera pasada e para repartirse o mercado da madeira peninsular. Ence, pola súa parte, nega estas acusacións e asegura que no trienio 2012-2014 subiu o prezo que lle paga ós propietarios polo eucalipto nun 14,3 por cento.
O sector do eucalipto está a vivir un último ano convulso. Na primavera pasada, Ence decidiu recortar o prezo da madeira en 3,5 euros por tonelada pola baixada das primas gubernamentais á produción de enerxía eléctrica, unha medida que afectou directamente ás plantas de coxeneración de enerxía do grupo. Outras pasteiras baixaron entón o prezo da madeira en cifras similares, segundo os propietarios.
No outono, Ence pechou a súa planta de papel en Huelva e deixou só operativas en España as plantas de Navia e de Pontevedra. Ese peche levou a unha reconfiguración do mercado de eucalipto. Dúas empresas portuguesas, Portucel e Celbi, que estaban mercando eucalipto en Galicia, cesaron nas súas compras en parte da comunidade –principalmente na Mariña de Lugo- e aumentaron as compras de eucalipto no sur de Portugal, na madeira que deixaba libre o peche de Ence Huelva.
A saída das pasteiras portuguesas Celbi e Portucel preocupa entre os propietarios forestais, que temen unha baixada dos prezos do eucalipto a curto prazo. As asociacións forestais da Mariña, agrupadas en torno a Promagal, están a valorar a presentación dunha queixa ante as autoridades europeas de Competencia, xa que entenden que as empresas están a coordinar prácticas anticompetitivas que perxudican ós propietarios.
Evolución 2012-2014
As queixas dos propietarios forestais en torno ós prezos do eucalipto non son compartidas por Ence. O grupo asegura que, a pesar do descenso da primavera pasada, no trienio 2012-2014 subiu o prezo que lle paga ós propietarios pola madeira de eucalipto un 14,3 por cento. No mesmo periodo, os datos de prezos de mercado que elabora a Asociación Forestal de Galicia (AFG) amosan unha tendencia á estabilidade, con leves subas e baixas; se ben, os datos da AFG refírense ó conxunto do mercado, non a unha empresa en particular.
Ence liga o impacto da reforma eléctrica do Goberno coa baixada de prezos do 2014 e tamén co peche da súa factoría en Huelva, un peche que entende que produciu unha lóxica reconfiguración do mercado: “O cesamento da produción de celulosa en Huelva por parte de Ence eliminou a demanda de madeira da empresa no sur da península Ibérica. Esta situación motivou que fábricas portuguesas do sector da celulosa, situadas en áreas próximas a aquela zona xeográfica, orientasen cara a alí as súas compras de madeira, buscando aforros de custos loxísticos e deixando de aprovisionarse así no norte de Galicia”, explica o grupo en comunicado de prensa.
A compañía, por último, advirte de que no 2014 pechou o ano con perdas de 140 millóns de euros e declárase comprometida cunha boa remuneración da madeira: “Para Ence é unha boa e necesaria noticia que a produción de madeira estea convenientemente remunerada. A política de prezos ofertados por Ence para o aprovisionamento de madeira persegue dous obxectivos: por unha parte, facer competitiva a celulosa galega no mercado internacional. En segundo lugar, garantir unha retribución interesante para os propietarios e propietarias forestais, asegurando así a continuidade da actividade”, indica o grupo en nota de prensa.