O prezo da manteiga acada o maior pico dos últimos 10 anos

O leite en po, sen embargo, mantense en cotizacións baixas e acumula na UE arredor de 430.000 toneladas en stock, o maior volume do que vai de século. O sector, preocupado pola saída ó mercado do produto almacenado en intervención

O prezo da manteiga acada o maior pico dos últimos 10 anos

Meme difundido en redes sociais en alusión ó prezo que está a acadar a manteiga. / Fonte: @juanissimo.

A crise de excedentes de leite que se viviu no último ano e medio está a dar paso a situacións paradóxicas. Desde o verán, a redución da produción de leite na UE e noutros países de referencia levou a que os prezos da manteiga se disparasen ata acadar o maior pico dos últimos 10 anos, situándose a súa cotización en 4,21 euros o quilo, segundo os datos do Observatorio Lácteo Europeo. Sen embargo, esa mellora do mercado da manteiga e doutros produtos lácteos industriais aínda non chegou ás granxas.

Hai só 6 meses, o prezo da manteiga estaba no punto máis baixo dos últimos seis anos, a 2,50 euros o quilo, pero desde entón experimentou unha suba meteórica. O encarecemento do produto débese a factores como a reducción da produción láctea a nivel mundial e o aumento tradicional da demanda no outono-inverno, circunstancias que se acompañan duns stocks limitados no conxunto da UE, no entorno das 75.000 toneladas. En países como Suecia, prevese de feito unha escasez de manteiga nos próximos meses.

Hai só 6 meses, a manteiga estaba no punto máis baixo de cotizacións dos últimos 6 anos. A súa recuperación foi meteórica

A manteiga é a punta de lanza na recuperación dos prezos dos produtos lácteos industriais. Outras categorías, como o leite en po ou o queixo cheddar, tamén están a mellorar cotizacións nas últimas semanas, pero de xeito máis paseniño e manténdose aínda lonxe dos picos acadados en pasados anos.

Evolución dos prezos dos produtos lácteos industriais: manteiga (butter), en negro; Smp (leite en po desnatado), Wmp (leite en po enteiro) e cheddar. / Fonte: Observatorio Lácteo Europeo.

Evolución dos prezos dos produtos lácteos industriais: manteiga (butter), en negro; Smp (leite en po desnatado), Wmp (leite en po enteiro) e cheddar. / Fonte: Observatorio Lácteo Europeo.

Leite en po almacenado
O leite en po é o produto cara o que se canalizaron a maioría dos excedentes lácteos da crise polo seu maior tempo de conservación e pola súa facilidade de almacenamento, pois non precisa frío. O exceso de oferta de leite que se viviu en Europa disparou a intervención pública de leite en po e tamén incentivou o almacenamento privado. Na actualidade, hai en Europa arredor de 430.000 toneladas en stock (equivalentes a máis de 4 millóns de toneladas de leite). O anterior tope de stocks do que vai de século rexistrouse na crise do 2009, cun total de 244.000 toneladas almacenadas.

Así as cousas, o sector está preocupado pola posible saída ó mercado do leite en po que está en stock, do que arredor de 350.000 toneladas corresponde á intervención pública. O Sindicato Labrego advertiu recentemente de que a Comisión Europea proponse sacar ó mercado en decembro 20.000 toneladas de leite en po, unha medida que, segundo o SLG, pode ir en contra da recuperación de prezos do mercado lácteo.

As granxas, entre tanto, continúan na maioría dos casos sen percibir os beneficios da mellora do mercado, pois o repunte dos prezos dos produtos lácteos industriais non tivo polo de agora unha evolución paralela de prezos no campo, onde as grandes firmas do sector manteñen contratos desde o verán a prezo fixo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información