O prezo da carne de porco cae un 25% para o gandeiro e un 1% para o consumidor

COAG denuncia que o diferencial entre a granxa e a mesa é o máis alto dos últimos dous anos: 450%. “Industria transformadora e cadeas de distribución engordan as súas marxes mentres que unha granxa tipo perde case 4.500 euros ao mes”, denuncian.

PREZOS_PORCINO_COAG

A Coordinadora de Organizacións de Agricultores e Gandeiros (COAG) denuncia que os baixos prezos da carne de porco en orixe non se están trasladando ao prezo de venda ao público (PVP). O diferencial entre a granxa e a mesa é o máis alto dos últimos dous anos: 450%. De xaneiro do 2014 a decembro de 2015, os prezos ao gandeiro caeron un 25%, mentres que ao consumidor apenas se reduciron un lixeiro 1%.

“Resulta lamentable que industria transformadora e cadeas de distribución engorden as súas marxes mentres que unha explotación tipo perde 4.500 euros cada mes, porque desde hai máis de 12 semanas os prezos pagos ao gandeiro non cobren nin tan sequera os custos de produción”, subliñou Jaume Bernis, responsable do sector porcino de COAG.

Os datos da Lonxa de Mercolleida , confirman a tendencia observada no Índice de Prezos Orixe-Destino dos alimentos (IPOD). En 2016 o prezo medio do porco vivo sitúase en 0,95 €/kg (custo de produción 1,12€/kg), fronte a un prezo medio de 1,13 €/kg en 2015, 1,27 €/kg en 2014 e 1,37 €/kg en 2013. Destas cotizacións hai que restar os eventuais descontos practicados polos matadoiros, que roldan ao redor de 0,03-0,06 €/kg vivo.

Ante esta situación, desde COAG pídese ao Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente (MAGRAMA) que actúe e penalice as prácticas comerciais abusivas por parte da industria e as cadeas de distribución. Así mesmo, solicítase un esforzo á Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA) para aumentar as súas inspeccións neste sector.

Ademais, COAG pide ao MAGRAMA reforzar as negociacións bilaterais con Rusia para procurar unha apertura do seu mercado e levantar o embargo político ás importacións agroalimentarias da UE. A apertura de fronteiras supoñería un balón de osíxeno para as exportacións comunitarias, (e polo tanto estatal) e unha maior fluidez no mercado. En canto aos custos de produción, hanse de incentivar medidas que fomenten o aproveitamento enerxético dos excedentes de xurros nas propias explotacións, o que supoñería unha dobre solución para os gandeiros: xestión sustentable de subproductos e redución da factura eléctrica.

PREZOS_PORCINO_COAG_2

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información