O presidente de InLac destaca “o enorme potencial de crecemento” do sector lácteo en España

O presidente de InLac destaca “o enorme potencial de crecemento” do sector lácteo en España

O sector lácteo é un dos máis importantes desde o punto de vista económico, social e ambiental. De feito, o sector lácteo (vacún, ovino e caprino) factura en España uns 13.000 millóns de euros ao ano e xera 60.000 empregos directos. Só as industrias lácteas supoñen 9.500 millóns de euros ao ano de volume de negocio e empregan a 30.000 persoas, segundo destaca a Organización Interprofesional Láctea (InLac) nun comunidado.

“O noso sector é motor de economía, emprego e desenvolvemento rural. Sen esquecer que a gandaría limpa prados e montes, sendo esencial na prevención de incendios forestais”, explicou o presidente da Organización Interprofesional Láctea (InLac), Ignacio Elola. Por iso, InLac está a traballar para que o sector poida comunicar mellor os seus valores e contribucións á sociedade, no marco da nova campaña “Conta cos produtos lácteos europeos”, cofinanciada pola UE.

“Afortunadamente temos un sector con enorme potencial de crecemento, especialmente en transformados como queixos, iogures e sobremesas lácteas, ademais, os seus métodos de produción europeos cumpren coas máximas garantías en calidade, trazabilidade, seguridade alimentaria e benestar animal”, precisou Elola.

O sector lácteo representado en InLac está firmemente comprometido coa saúde dos consumidores e co medio ambiente. “Por esta razón, a nosa folla de ruta aposta, en primeiro lugar, por avanzar na sustentabilidade dos nosos procesos produtivos e por manter as contornas rurais, coidándoas fronte á desertización, os incendios e a perda de biodiversidade. En segundo termo, por seguir elaborando leite e alimentos lácteos de excelencia con total trazabilidade e seguridade, que contribúan a unha dieta saudable e equilibrada. E en último lugar, por continuar contribuíndo ao desenvolvemento económico, ao emprego rural e ao progreso social, loitando contra a España baleirada”, subliñou o presidente.

Elola lembrou que os consumidores cada día aprecian máis a importancia dos produtores de lácteos como actores relevantes para manter o medio rural, aínda que queda moito camiño por percorrer para comunicar todo o que hai detrás dun vaso de leite, un iogur ou un anaco de queixo. O punto de partida é positivo, xa que o 73% dos consumidores consideran que os alimentos lácteos son sustentables principalmente desde o punto de vista social e ambiental, de acordo cunha recente enquisa realizada por Ikerfel para InLac, engadiu.

Os produtores e os fabricantes son elementos craves para protexer o medio ambiente e este é o camiño polo que debe continuar o sector lácteo, valorou a directora xerente desta Interprofesional, Nuria María Arribas. Os exemplos e compromisos son moi amplos, lembra: “Os pastos secuestran o dióxido de carbono, un dos gases responsables do cambio climático. A actividade mantén coidados os ecosistemas. Os gandeiros modelan os pastos e manteñen os montes ben coidados para evitar máis incendios forestais. Ademais, xestionan o territorio, evitando a erosión, conservan hábitats vexetais e avifauna”, agrega Arribas. “A industria, de igual forma, está a acometer fortes investimentos en sustentabilidade e uso eficiente dos recursos naturais nos procesos produtivos do leite, reducindo a pegada hídrica e de carbono e mellorando o packaging cara a envases máis reciclables e circulares”, engade.

A preocupación polo benestar animal é outro dos aspectos que definen ao sector, tanto por convencemento propio como tamén para dar resposta a unha crecente sensibilidade social sobre os dereitos dos animais. “O sector foi conseguindo e implementando certificacións moi ambiciosas e hoxe podemos dicir que estamos na vangarda mundial porque o sistema de produción europeo é moi esixente e garantista”, esgrime a directora xerente.

Estellés: “O valor das producións locais é inmenso”

O doutor enxeñeiro agrónomo e profesor da Universidade Politécnica de Valencia, Fernando Estellés, membro do Comité de Sustentabilidade Láctea (un órgano de expertos, asesores científicos da campaña europea “Conta cos produtos lácteos europeos”), valorou especialmente as valiosas contribucións das producións locais para a sociedade e o medio ambiente.

“O consumo de alimentos de proximidade é, en xeral, moito mellor que importalos desde terceiros países en canto á súa calidade e a pegada de carbono que se xera na actividade. Canto máis preto estean as fontes de aprovisionamento e máis locais sexan, mellor”, especifica Estellés. “A gandaría que utilice o campo e estea ligadoaao territorio e ao pasto en extensivo, por exemplo, pode axudar moito a mellorar as condicións e os ecosistemas, incluídas as especies vexetais e animais, como insectos e invertebrados”, argumenta Estellés.

Yáñez: “O sector lácteo pode facer moito pola sustentabilidade”

David R. Yáñez, doutor en veterinaria e investigador científico do CSIC, é outro dos membros deste Comité que asesora a InLac no marco desta campaña europea. Ademais, lidera un ambicioso e innovador estudo para desenvolver o primeiro aditivo alimentario do mundo deseñado para rumiantes co obxectivo de reducir o metano que producen estes animais.

“Como pode axudar o sector a mellorar a sustentabilidade? Na miña opinión pode facelo desde moitas frontes. De feito, está a traballarse na alimentación do gando, é dicir, para que todos os recursos que utilizan as reses sexan cada vez máis locais e respectuosos co medio ambiente”, remarca Yáñez, quen tamén mostra como se está avanzando a pasos axigantados na mellora da xestión integral da gandaría e dos estercos co obxectivo de reducir o seu impacto e, ao mesmo tempo, promover a biodiversidade nos territorios rurais.

Arrinca a campaña europea “Conta cos produtos lácteos europeos”

A Unión Europea (UE) cofinancia unha ampla campaña de información presentada pola Organización Interprofesional Láctea (InLac) para pór en valor a sustentabilidade do sector lácteo, así como os valores nutricionais e saudables do leite e os alimentos lácteos (3 lácteos ao día, de media, entre leite, queixo e iogur). Este programa europeo de produtos lácteos sustentables (“Sustainability friendly European dairy program”) inclúe accións en España e Bélxica até 2024.

InLac engloba a todo o sector lácteo de España (ASAJA, COAG, UPA, FENIL e Cooperativas Agro-alimentarias de España), un instrumento fundamental de interlocución e vertebración entre os axentes da cadea láctea e foro estable de discusión entre os seus membros, respectando os ámbitos de actuación das organizacións que a compoñen.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información