“O presidente de Feiraco ten que ser gandeiro, está claro nos Estatutos”

Xoán Ramos oficializa a súa candidatura á presidencia da cooperativa e anuncia que impugnará a previsible candidatura do actual presidente, José Montes

“O presidente de Feiraco ten que ser gandeiro, está claro nos Estatutos”

Xoán Ramos. / Arquivo.

Xoán Ramos, de Grille SCG, a explotación de Mazaricos que foi readmitida esta semana en Feiraco por orde xudicial, encabezará unha candidatura para optar á presidencia do consello reitor da cooperativa. As eleccións serán este sábado 11 nunha asemblea que se prevé tensa. Ramos vén de anunciar que impugnará a candidatura de José Montes, o actual presidente, que se espera que se presente á reelección. A continuación, a entrevista que lle fixemos a Xoán Ramos. Solicitámoslle tamén unha entrevista a José Montes, que declinou falar.

Explica os motivos da túa decisión de impugnar a candidatura de José Montes.
– Se queremos cambiar o xeito de facer as cousas na cooperativa, non podemos permitir que unha persoa que non cumpre os requisitos para ser presidente ostente o cargo por máis tempo. O actual presidente non é titular dunha explotación agraria, condición que esixen os Estatutos de Feiraco para ser presidente. Por tanto, en caso de que se presente, impugnaremos esa candidatura.

“En Feiraco, hai un descontento xeralizado dos socios co funcionamento da cooperativa. Precísase máis transparencia”

Sen embargo, a cooperativa estivo dirixida moitos anos por García Calvo, que tampouco era gandeiro.
– É certo, durante moitos anos permitiuse esa situación, pero cómpre comezar a facer ben as cousas e que a cooperativa estea dirixida polas persoas que nos xogamos o noso futuro nela.

Ao longo dos últimos anos, caracterizácheste por ser unha persoa crítica tanto con Feiraco como co movemento cooperativo en xeral. Que che decidiu a dar o paso de presentarte ás eleccións de Feiraco?
– Son crítico porque as cooperativas agrarias en Galicia, en xeral e por falta de evolución, máis que unha solución para os socios están sendo unha carga nos últimos anos. En moitas ocasións non están dirixidas por quen ten depositadas nas mesmas os seus intereses e noutros casos, hai un acomodamento de presidentes e/ou xestores que leva a que sexan pouco competitivas.

En Feiraco, hai un descontento xeralizado dos socios, que eu comparto, co funcionamento da cooperativa. É certo que hai unha situación de crise que afecta á cooperativa, pero pódese facer outra xestión mellor e máis transparente.

“Os representantes dos socios están agora só para darlle visos de legalidade ó que decide o director xeral”

Que hai que cambiar na xestión de Feiraco?
– O primeiro é que Feiraco ten que ser dirixida polos socios. Actualmente, os representantes dos socios (o consello reitor) están só para darlle visos de legalidade ó que decide o director xeral. Esa situación ten que cambiar. O labor de Feiraco debe orientarse a defender os intereses dos socios. Hai que gañar en eficiencia e competitividade e adecuar a estrutura de mandos ó tamaño da cooperativa e os seus resultados económicos.

Falas de que hai un descontento xeralizado entre os socios co funcionamento da cooperativa. Que é o que motiva ese descontento?
– O socio en moitas ocasións non entende a orientación da cooperativa e o porque do que se fai. Por exemplo, a comercialización dos piensos e os prezos do leite son dúas cuestións sensibles que precisan de referentes claros e de transparencia. Ten que haber uns índices, en función de criterios obxectivos, como a evolución de prezos das materias primas, que permitan definir se o prezo do leite ten que subir ou baixar, non pode depender de necesidades puntuais ou ocurrencias.

“O socio non entende o porque do que se fai. Poremos referentes claros no prezo do leite e cambiaremos a comercialización dos piensos”

O primeiro que hai que facer en Feiraco é recuperar a confianza dos socios e mellorar a transparencia da xestión, que o socio teña referentes claros de prezos, servizos ou en aspectos como a política de contratación de persoal. En canto á comercialización, temos que implementar novos produtos, novas canles de comercialización e buscar aliados no sector.

Como valoras posibles alianzas ou fusións de Feiraco con outras cooperativas?
– É imprescindible e o papel de Feiraco ten que ser o de liderar iniciativas orientadas nese sentido. O que non se pode é facer ese proceso de costas ós socios e tratar de pechar operacións polas alturas. Hai que ilusionar á xente con obxectivos claros, que repercutan nunha mellora e poñerse a dar pasos prácticos, que non queden as cousas sobre o papel.

Recentemente cuestionaches o feito de que o director xeral de Feiraco, José Luis Antuña, participe a nivel persoal noutra industria láctea, Innolact. Segues pensando que esa situación non é compatible coa dirección de Feiraco?
– Si, penso o mesmo. Non pode ser que Feiraco teña problemas para vender o leite e os seus derivados e que a empresa na que participa o responsable da xestión de Feiraco vaia de marabilla.

“Eu non busquei o conflicto xudicial con Feiraco, foi a única vía para defenderme”

Fai uns meses, Feiraco tomou a decisión de expulsar a Grille SCG, a explotación cooperativa á que pertences, co argumento de que nin lle entregabades o leite nin lle mercabades pienso a Feiraco. Esa expulsión foi suspendida esta semana de xeito cautelar polo xulgado. Todo este proceso non perxudica tanto a Grille como á imaxe da cooperativa?
– Nós non buscamos esta situación. Vímonos obrigados a recurrir ó xulgado na defensa dos nosos intereses. Que nós lle deixaramos de entregar leite á cooperativa no 2011 debeuse a un desacordo entre Grille SCG e Feiraco. Ese feito usouse logo como excusa para expulsarnos en decembro do 2015, cando en realidade a nosa expulsión tivo máis que ver coa postura crítica que mantemos co director xeral. Agora mesmo, polas medidas cautelares dictadas polo xulgado, seguimos sendo membros da cooperativa de pleno dereito.

Una idea sobre ““O presidente de Feiraco ten que ser gandeiro, está claro nos Estatutos”

  1. jorge

    Que sorpresa, algo parecido pasoume no pasado, parece que se lle empeza a ver as orellas o lobo, meus maiores parabens para este gandeiro, o campo empeza a ser empresa e están a cambiar as tornas.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información