O presidente da Xunta inaugura a nova sede do Consello Regulador das IXP de Carne de Vacún de Galicia

Inauguración da nova sede do Consello Regulador das IXP de CarnO presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o labor dos gandeiros e os consellos reguladores á hora de situar Galicia como un referente na produción de carne de excelencia.

O titular do Goberno galego, que asistiu á inauguración da nova sede do Consello Regulador das indicacións xeográficas protexidas (IXP) de Carne de Vacún de Galicia Ternera Gallega e Vaca Galega-Boi Galego, situada no barrio de San Lázaro, en Santiago de Compostela, sinalou que estes selos son sinónimos de calidade e valor engadido.
Rueda sinalou as vantaxes dos mesmos desde “o punto de vista da comercialización, de fixar poboación no rural ou evitar os incendios” entre outros, lembrando a importancia do sector da carne para a economía galega.

Por iso, o presidente galego destacou que “a Xunta está firmemente comprometida con apoiar os produtores, con diferentes medidas na Estratexia de dinamización do sector cárnico para mellorar a competitividade e sustentabilidade das explotacións galegas, ou con axudas como os 12 M€ en achegas para os produtores de Ternera Gallega para paliar os sobrecustos da suba das materias primas, unha convocatoria nova deste ano cuxos fondos acaban de ser executados”.

Estas axudas son asumidas integramente desde a Xunta con fondos propios, e, tal e como xa se anunciou esta semana, a Administración autonómica vai solicitar ao Ministerio que as incorpore como unha liña máis do financiamento da PAC.

O responsable do Executivo autonómico resaltou a traxectoria de Ternera Gallega, “un labor colectivo que ten protagonistas claros e que hoxe celebran unha sede á altura de todo o que se fixo”, facendo fincapé no traballo que se fai desde a orixe para asegurar a calidade e a proxección exterior.

Nova sede

nova sede ternera gallega

A nova sede do Consello Regulador, da que non trascendeu o investimento, está emprazada na Rúa do Obradoiro CAB, nº 2, na entrada da capital galega polo Camiño Francés, no saída norte da Autoestrada do Atlántico, ben visible, con boas comunicacións de acceso e construída respectando os materiais tradicionais e as cores corporativas. A localización é idónea e outórgalle á vez unha función comunicativa e chea de visibilidade.

Articulada en catro niveles, no semisoto están os almacéns, vestiarios e cuartos técnicos. Na planta baixa emprázanse a zona de recepción con despachos de apoio, a sala de formación con cociña e zona de degustación, o salón de actos e os aseos. Na primeira planta están as oficinas cos diferentes postos de traballo e tamén salas de reunión de uso común. Finalmente, a baixo cuberta alberga a sala de reunións do pleno do Consello Regulador.

Desde hoxe, esta nova sede permanecerá a disposición do sector de vacún de carne de calidade de Galicia, que conta con máis de 8.200 produtores e máis de 100 industrias cárnicas inscritas, así como preto de 1.700 establecementos de venda polo territorio español, onde se distribúen máis de 23.000 toneladas de carne certificada pola IXP, significando un 58% da carne con indicativo de calidade que se comercializa en España.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información