O presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, José Ramón Rodríguez Castellanos, presentou esta mañá a súa dimisión por “motivos estrictamente personais”.
No escrito presentado no rexistro, quen ata hoxe dirixiu o organismo vitivinícola quixo agradecer a todos os traballadores e aos vogais da entidade a súa implicación co proxecto e a gran axuda que lle prestaron dende a sú toma de posesión en marzo de 2023.
José Ramón Rodíguez explicou que “sempre estarei moi orgulloso de ter sido o presidente do Cosello Regulador de Valdeorras, pero as miñas obrigas profesionais e familiares impedíanme poder adicarlle todo o tempo que necesita un cargo desta responsabilidade. Ademais, tras presentar a pasada semana algúns dos proxectos máis importantes que estaban en marcha, como o Plan Estratéxico de Promoción ou a renovación da imaxe da D.O., entendía que este era o mellor momento para presentar a miña dimisión, para que o meu sucesor poida elaborar os orzamentos de 2025”.
Elección do sucesor
A semana que ven terá lugar o pleno extraordinario no que se escollerá ao novo presidente do Consello Regulador. Rodríguez Castellanos quixo desexarlle “toda a sorte do mundo á persoa que vaia ocupar o meu posto a partir da vindeira semana, quen estou seguro que dará continuidade ao excelente traballo que se leva facendo os últimos anos, e que non escatimará esforzos para acadar que os viños de Valdeorras teñan o recoñecemento que se merecen, xa que temos algúns dos mellores brancos e tintos do mundo”.