O prazo para a cancelación dos convenios públicos cos montes veciñais amplíase ata decembro do 2023

O prazo para a cancelación dos convenios públicos cos montes veciñais amplíase ata decembro do 2023

Cabalos nunha comunidade de montes veciñais. / Arquivo.

Os convenios de xestión que mantén Medio Rural en máis de 200.000 hectáreas de montes veciñais poderanse ampliar ata o 31 de decembro do 2023, segundo figura no borrador da lei de acompañamento dos presupostos da Xunta. Inicialmente, estaba previsto que os convenios expirasen en decembro do 2021, pero a Administración decidiu finalmente prorrogar o prazo.

A Consellería do Medio Rural está embarcada desde hai anos nun proceso de extinción dos convenios públicos que mantén cos montes veciñais, pero quere que ese proceso sexa por mútuo acordo e sen saídas unilaterais.

A idea da Xunta é que as propias comunidades asuman a xestión das superficies conveniadas, ben de xeito directo, ben por acordos con empresas de servizos ou investidores. Pero Medio Rural asume que esas vías non sempre serán posibles, polo que está disposta a manter a xestión en parte dos montes.

En concreto, nos casos de comunidades de montes descapitalizadas, con escasa capacidade de xestión, ou de superficies cunha función máis ambiental que produtiva, a Administración proxecta ofrecerlle ás comunidades de montes a substitución dos actuais convenios por un contrato temporal de xestión pública, aínda en proceso de definición.

Medidas
Das disposicións da lei de acompañamento dos presupostos, interprétase que a Administración ofreceralle a fórmula do contrato de xestión pública a tódolos montes cos que non chegue a acordo de extinción de convenio.

O texto do borrador da lei sinala o seguinte sobre o remate dos convenios ou consorcios: “Finalización nun prazo que rematará o 31 de decembro de 2023, momento en que deberá asinarse un contrato temporal de xestión pública que substitúa o consorcio ou o convenio finalizado. No caso de non se formalizar o devandito contrato no prazo establecido, o titular do monte deberá aboar o saldo debedor do convenio ou consorcio finalizado á Comunidade Autónoma; para iso, poderá aboalo nun único pagamento ou a través dun plan de devolución plurianual”.

Previamente á cancelación do convenio ou consorcio, a comunidade de montes deberá ademais ter un instrumento de ordenación ou xestión forestal, cun plan de manexo que garanta a continuidade da actividade no monte.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información