O prazo de solicitude da PAC será do 1 de marzo ó 30 de xuño

A Xunta avanza que nesta campaña, de inicio do novo ciclo, haberá unha certa flexibilidade, "na medida do posible". A día de hoxe existen aínda dúbidas sen resolver sobre algúns aspectos da tramitación, como a xustificación da rotación de cultivos ou a inclusión dos peches medianís entre parcelas

Por parte da Xunta asistiu á xornada José Luis Acción Porto, xefe de sección das axudas agrícolas do FOGGA

Por parte da Xunta asistiu á xornada José Luis Acción Porto, xefe de servizo das axudas agrícolas do FOGGA

A Xunta abrirá o prazo de solicitude da PAC deste ano o vindeiro 1 de marzo e estenderá o prazo de presentación até o 30 de xuño para dar deste xeito máis marxe ás entidades tramitadoras, dado que se prevé unha campaña complicada como consecuencia dos importantes cambios que introduce o reparto de axudas no novo período 2023-2027.  

José Luis Acción, o xefe de servizo de axudas agrícolas da PAC dentro do FOGGA, o organismo dependente da Xunta encargado da xestión dos fondos da Política Agraria Común en Galicia, recoñeceu este xoves en Lugo nunha xornada con gandeiros e outros beneficiarios a complexidade que supón a tramitación nun ano con novas normas e criterios e avanzou que tratarán de ser “flexibles” na medida do posible.

Falta por que se aprobe e publique a normativa autonómica sobre a xestión da PAC no novo período 2023-2027

Un dos aspectos que pode traer complicacións é a xustificación da rotación de cultivos, tanto no ecorrexime como na axuda agroambiental condicionada por esta práctica, dado que na maioría dos casos o considerado cultivo principal en Galicia na maior parte das ganderías é o raigrás na rotación con millo.

Polo tanto, posto que o ensilado da herba e a sementeira do millo prodúcese antes de que finalice o prazo de presentación da PAC, en caso de precisarse fotos xeorreferenciadas do cultivo terían que ser feitas con anterioridade. José Luis Acción tamén recomendou gardar as facturas da compra das sementes así como dos traballos agrarios realizados como xeito de demostrar a existencia dos dous cultivos na mesma parcela.

Peches e sebes

Outra das novidades nesta convocatoria, tanto na condicionalidade reforzada como a nivel de ecorrexime é o mantemento de espazos de biodiversidade, o que inclúe muros, sebes e lindes de parcela sen traballar.

Este foi un dos aspectos que centrou a charla, polas dúbidas de moitos dos gandeiros asistentes en relación a como se deben incluír estes peches cando son lindeiros de dúas parcelas.

O representante do FOGGA explicou que neses casos se se inclúe a totalidade da superficie non traballada nunha parcela non se pode meter na outra, o que pode xerar focos de conflito entre propietarios se non se poñen de acordo para introducila ao 50% na solicitude de cada un.

Ferramentas dixitais para facilitar a xestión das granxas e a tramitación da PAC

Elio López, de Innogando, explicando o funcionamento dos colares GPS Rumi

Elio López, de Innogando, explicando o funcionamento dos colares GPS Rumi

A nova PAC aumenta a complexidade na súa tramitación e xustificación e inclúe o obrigado cumprimento de normas recentemente aprobadas, como os reais decretos de Nutrición Sostible de Chans Agrícolas ou o do Caderno de Explotación Dixital, que entra en vigor xa no vindeiro mes de setembro para as explotacións máis grandes, con máis de 180 UGM.

A falta de modelos oficiais neste momento por parte da Xunta de Galicia ou do Ministerio, distintas empresas galegas están a apostar por ferramentas tecnolóxicas que axuden tanto á mellora na xestión da explotación como a cumprir con estes novos requisitos normativos.

Este tipo de dispositivos entran dentro do chamado kit dixital, unha liña de axudas estatais destinadas á modernización tecnolóxica das granxas

No caso de Arza Ingeniería, desenvolveron un caderno de campo propio que permite a xestión de datos da explotación de xeito sinxelo nunha única ferramenta tecnolóxica.

Pola súa banda, desde Innogando facilitan ás ganderías, tanto de leite como de carne, os seus colares GPS Rumi, que permiten descargar automaticamente un caderno de pastoreo co que xustificar os ecoesquemas e as axudas agroambientais da nova PAC relativas a gandería extensiva.

Máis de 500 asistentes

Estas dúas novidades tecnolóxicas foron presentadas este xoves no acto celebrado no Hotel Torre de Núñez de Lugo, ao que asistiron máis de 500 gandeiros de toda a provincia. O acto contou coa colaboración económica de Abanca e Caixa Rural.

Por parte dos organizadores facilitouse aos asistentes un resumo cos principais cambios e novidades da nova PAC que é posible descargar no seguinte enlace.  

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información