A Consellería do Medio Rural asegura que se ampliará o prazo da solicitude única da campaña 2025 da Política Agraria Común (PAC) ata o 15 de maio, un trámite que inicialmente remataría o 30 de abril.
En concreto, e en respostas a unha solicitude dunha organización agraria, dende Medio Rural sinalan que “a Consellería acaba de anunciar que se ampliará o prazo da solicitude única da campaña 2025 ata o 15 de maio”.
“Porén, -engaden- cómpre sinalar que o ritmo de rexistro de solictudes está sendo algo lento e convén ter en conta que esta é a ampliación máxima que o RD 1048/2022 lle permite facer ás Comunidades Autónomas. É dicir, se o FEGA, tal e como ven dicindo, non amplía o prazo, non haberá posibilidade de abrir solicitudes novas sen penalización mais aló do 15 de maio”.
Na mesma comunicación, dende Medio Rural informan de que “mantense o prazo de modificación ata o 31 de maio e as solicitudes que se abran neste prazo de modificación levarán consigo unha penalización do 1% por cada día hábil en que se sobrepase o 15 de maio, tal e como establece o artigo 108 do RD 1048/2022”.