O PP rexeita no Parlamento prorrogar a moratoria ao eucalipto máis aló de decembro deste ano

Os populares votaron en contra cunha iniciativa apoiada polo resto de grupos que se facía eco da preocupación mostrada polos serradoiros ante o risco de falta de madeira de piñeiro nun prazo de 10-15 anos

eucaliptos pinheirosA maioría parlamentaria do Partido Popular rexeitou este venres na Comisión de Agricultura do Parlamento galego unha proposición non de Lei do BNG que se facía eco da preocupación mostrada polos serradorios e na que, entre outras medidas, se instaba á Xunta a prorrogar a moratoria ao eucalipto como xeito de protexer as masas de coníferas actuais e a proporcionar aos propietarios forestais alternativas ao piñeiro radiata, o máis afectado polas enfermidades fúnxicas.

A iniciativa nacionalista, que foi apoiada por Democracia Ourensá e polo PSdeG-PSOE, decaeu finalmente co argumento popular de non ir ao fondo do problema. “Compartimos a preocupación dos serradoiros, pero a proposición do BNG peca dunha visión moi parcial e simplista”, asegurou a deputada Cristina Campero, encargada de defender a postura en contra do grupo maioritario.

“O que pasa co piñeiro radiata non é unha cuestión coxuntural, senón a consecuencia de apostar por un modelo forestal de monocultivo dunha especie de crecemento rápido. Non podemos quedarnos no radiata e estamos impulsando a diversificación forestal, porque non ten sentido seguir apostando por unha especie que sabemos que é vulnerable. O radiata está a ser vítima da súa propia fraxilidade, cunhas enfermidades que están a xerar a redución da súa produtividade nun 40% e mesmo a morte das árbores”, xustificou.

En Galicia quedan uns 200 serradorios activos, dos que 120 son de piñeiro

Diante desta situación, dixo, “a Xunta non está de brazos cruzados”. “Puxemos en marcha un Plan integral de loita contra as enfermidades fúnxicas, tanto en montes públicos como privados, con rigor científico pero sen caer no alarmismo”, insistiu a deputada do grupo do Goberno, que apelou á responsabilidade dos donos dos montes. “A saúde do monte non depende só da Xunta de Galicia; existe unha obriga legal para que os propietarios manteñan as masas forestais nun axeitado estado sanitario”, lembrou.

“Se vostedes buscan que a xente plante eucalipto, dígano directamente”

Por parte do grupo propoñente, a deputada nacionalista Montse Valcárcel acusou ao PP de abandonar aos serradoiros á súa sorte, sen poñer en marcha medidas concretas, o que os podería levar a quedar sen materia prima nun prazo de 10-15 anos.

“O sector sinala dúas grandes ameazas para a subministración estable de piñeiro: as enfermidades do piñeiro e o avance das plantacións de eucalipto. É o sector o que o demanda, nós unicamente facemos aquí de altofalante dos serradoiros. Polo tanto, non fan caso vostedes ao que pide o sector”, acusou aos populares.

“O monte galego enfróntase a unha importante regresión dos piñeirais, xa que nos últimos 15 anos perdéronse 140.000 hectáreas (9.300 hectáreas/ano), segundo se desprende dos datos do Inventario Forestal Continuo de Galicia, pero estamos indo a un ritmo de perda moito maior no último ano”, advertiu.

O monte galego enfróntase a unha importante perda de piñeirais de máis de 9.000 hectáreas ao ano, un ritmo que se está a acelerar

A escaseza de madeira de piñeiro en Galicia leva a poñer en risco a viabilidade dos serradoiros galegos, un sector que dá traballo a 7.400 persoas en Galicia e que fai que os propietarios forestais perciben cada ano máis de 100 millóns de euros da venda da madeira de piñeiro, calculou.

Neste contexto, o BNG defendeu a necesidade de radiografar a situación actual das masas forestais de coníferas existentes e o grao de afectación ante as pragas que afectan neste momento ao piñeiro en Galicia, as bandas no norte e o nematodo no sur.

Ao mesmo tempo, a deputada nacionalista asegurou que “o avance do eucalipto fixo minguar as existencias de piñeiro nos montes”, pedindo, neste sentido, por parte da Xunta de Galicia, a prórroga na moratoria a novas plantacións de eucalipto, que remata en decembro deste ano. “Se vostedes buscan que a xente plante eucalipto, dígano directamente”, rematou.  

“Necesitamos alternativas ao piñeiro radiata”

Carme Rodríguez Dacosta mostrou o apoio do grupo parlamentario do PSdeG-PSOE á Proposición non de Lei do BNG, na que tamén se pedía proporcionar alternativas ao piñeiro radiata, o máis afectado polas enfermidades fúnxicas.

Por parte dos socialistas, defenderon a necesidade de apoiar aos silvicultores con axudas específicas e “abrir camiño á diversificación forestal”, porque, argumentou Dacosta, “prorrogar a moratoria pode ser unha medida de protección e ordenación responsable, pero de nada nos serviría manter á prohibición de plantación de eucaliptos sen ter unha alternativa que plantar”. Por iso solicitou á Xunta que estude a viabilidade de “especies resistentes”, como por exemplo o piñeiro taeda, citou.

“O sector dos serradoiros galegos está a lanzar unha chamada de auxilio clara e non se pode normalizar, como fai o Goberno galego, a perda de piñeirais e a súa substitución por eucaliptos como se fose unha evolución natural”, concluíu.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información