O PP quere fusionar o Centro Tecnolóxico da Carne e a AGACAL nunha Fundación de Investigación Agraria Aplicada

A proposta figuraba no programa co que Alberto Núñez Feijóo se presentou ás eleccións. BNG e PSdeG consideran que suporía acabar de desmantelar a investigación pública agraria e poñer os centros existentes, como o CIAM de Mabegondo, "nas mans do señor Baltar"

Un momento da Comisión de Agricultura do Parlamento Galego celebrada este xoves

Un momento da Comisión de Agricultura do Parlamento Galego celebrada este xoves

A Comisión de Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes do Parlamento de Galicia, aprobou este xoves, na súa primeira sesión tralas eleccións galegas do pasado 12 de xullo, unha proposición non de lei do Grupo Parlamentario Popular de Galicia, maioritario na Cámara do Hórreo, na que se insta á Xunta de Galicia a adoptar as medidas necesarias para “a creación dunha Fundación de Investigación Agraria Aplicada de Galicia sustentada na base da Fundación Centro Tecnolóxico da Carne e nos centros de investigación da Consellería do Medio Rural”, así como a desenvolver un plan estratéxico para esta nova Fundación.

O presidente da Comisión, Daniel Vega, que foi quen defendeu a proposta en nome do PP, explicou que esta medida xa formaba parte do programa electoral co que o Partido Popular se presentou ás últimas eleccións, dado que, asegurou, “a innovación tecnolóxica é a base do futuro” e “a dixitalización, a investigación e a formación son as tres claves fundamentais para o sector agrogandeiro e forestal galego”, dixo.

Baixo o paraugas da nova Fundación estarían o Centro Tecnolóxico da Carne, o CIAM de Mabegondo, o CIF de Lourizán, a EVEGA, o Laboratorio Fitopatolóxico de Galicia, os Centros de Formación e Experimentación Agraria e as Estacións Vitivinícolas

“Proponse a creación dunha fundación aproveitando a estructura existente, coa intención de integrar todos os centros nunha estrutura única pero diversificada que teña presenza en todo o mapa galego”, insistiu Vega. Esta entidade de nova creación sería a responsable de “acometer o plan de formación e o impulso de novos produtos nos sectores agrarios, forestais e vitivinícolas”, dixo.

O grupo que substenta ao goberno da Xunta pretende dar paso a un “rural 4.0” e “fomentar a colaboración público-privada na investigación agraria”

Os tres eixos nos que se basearía o seu funcionamento serían “a transferencia de coñecemento ao sector, un modelo organizativo que permita a sustentabilidade económica e a captación e retención de talento e a colaboración público-privada”, detallou.

Coa creación da Fundación Agraria Aplicada de Galicia o PP pretende dar paso a un “rural 4.0”, en palabras de Daniel Vega, para “converter o I+D+i nun referente no rural e crear un novo polo estratéxico de investigación en Galicia”.

Poñer o CIAM nas mans de Baltar

Pola contra, para os grupos da oposición, BNG e PSdeG-PSOE, a nova Fundación non sería máis que “un chiringuito ao servizo do señor Baltar”. “Hai que chamarlle ás cousas polo seu nome. Vostedes están empeñados en reventar toda a estrutura pública de formación e investigación, como fixeron coa Extensión Agraria e as Oficinas Comarcais, e queren coller un ente investigador de primeira categoría como é o CIAM e sumilo nun ente instrumental de segunda categoría, porque o Centro Tecnolóxico da Carne non cumpre cos requisitos para ser considerado ente investigador e leva dous anos sendo investigado por desvío e malversación de 2 millóns de euros de fondos europeos en paparotas, ao máis puro estilo caciquil do señor Baltar”, afirmou Xosé Luis Rivas, Mini, en nome do BNG.

Galicia non necesita máis chiringuitos ao servizo do señor Baltar (Martín Seco, PSOE)

Na mesma liña se manifestou o representante socialista, para quen, sen embargo, “adoptar un modelo de fundación similar ao que se puxo en marcha no País Vasco ou en Cataluña podería servir para captar fondos para a investigación froito da colaboración público-privada” pero que nas mans do actual goberno da Xunta “pode ser un mero modelo de políticas-escaparate ou un novo chiringuito onde colocar aos amigos do PP baixo a supervisión do señor Baltar”, asegurou o deputado Martín Seco.

Desmantelamento da investigación pública agraria

“Vostedes teñen maniatado ao CIAM, porque non só non lle dan recursos senón que lle impiden ter listas propias de persoal investigador, porque pensan que o CIAM vai facer competencia á iniciativa privada. Nos últimos anos deixaron sen merenda ao Agacal e déronlle unha comilona de 6 millóns de euros ao CETECA, que, sexamos claros, está ao servizo de Coren, que é quen dirixe o Centro Tecnolóxico da Carne”, asegurou Mini.

Vostedes queren coller un ente investigador de primeira categoría como é o CIAM e sumilo nun ente instrumental de segunda categoría, porque o Centro Tecnolóxico da Carne non cumpre cos requisitos para ser considerado ente investigador (Xosé Luis Rivas, BNG)

“O PP, que gobernou 33 dos 39 anos de Autonomía, non apostou por modernizar os centros de investigación. E desde o 2009 danse continuos bandazos, abandono e deterioro. Os propios investigadores denuncian este abandono”, considerou Martín Seco.

“O centro de Mabegondo non está desaparecido nin moito menos. Séguese investigando con cultivos como o millo e razas como a frisona ou a rubia galega”, contestoulles o deputado popular Daniel Vega.

Estrea do novo director da Agacal

José Luis Cabarcos Agacal1O pasado 17 de setembro o Consello da Xunta aprobou o nomeamento de José Luis Cabarcos Corral en substitución de Manuel Rodríguez como director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), o ente público do que dependen catro centros de investigación de referencia en Galicia –o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), o Centro de Investigacións Forestais de Lourizán (CIF), a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) ubicada en Leiro e o Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Galicia (LAFIGA)– e seis Centros de Formación e Experimentación Agraria (CFEA) –Sergude, Guísamo, Lourizán, Becerreá, Monforte de Lemos e Pedro Murias de Ribadeo–.

Para min é unha honra e un grande desafío. Como recén chegado, porei todo o meu empeño en facer da Agacal unha axencia mellor (José Luis Cabarcos)

Este xoves Cabarcos estreouse na Comisión de Agricultura do Parlamento para respostar a unha pregunta do BNG sobre a xestión do Goberno galego en relación co Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo e demais centros de investigación da Consellería do Medio Rural que realizan investigación aplicada no ámbito agrario. “Para min é unha honra e un grande desafío. Como recén chegado á Consellería do Medio Rural, porei todo o meu empeño en facer da Agacal unha axencia mellor”, prometeu o seu novo director.

“Son consciente de que son necesarias melloras significativas pero nos últimos anos téñense feito esforzos orzamentarios importantes. Só nos últimos dous anos a partida en gastos do CIAM aumentou un 127%, sendo neste 2020 de 700.000 euros. Estase traballando para crear unha estrutura de persoal administrativo que permita aos investigadores centrarse na súa faceta investigadora, descargándoos do traballo burocrático e temos previsto cubrir as prazas vacantes do persoal investigador. Neste momento estase a redactar tamén o proxecto para crear en Mabegondo un edificio para o Banco de Xermoplasma de Galicia cun orzamento de 3,2 millóns de euros. A importancia que se lle presta á investigación desde a Consellería é incuestionable. O orzamento da Agacal en 2020 supera os 16 millóns de euros”, subliñou o seu novo director. 

O CIAM arrastra desde hai anos problemas de persoal, ao non cubrirse as prazas vacantes, e de dispoñibilidade orzamentaria

“O 50% dos postos de investigación do CIAM están neste momento sen cubrir e 700.000 euros de orzamento anual son unhas migallas para un deterioro de 12 anos. Ao PP non lle interesa a investigación agraria pública, a que está ao servizo de todos. O bipartito puxo en marcha o Ingacal, que xa estaba previsto por Manuel Fraga, e que era necesario para a modernización da investigación agraria, pero vostedes tardaron 6 anos en montar a Agacal e non sei para que. Non solucionou ningunha das carencias que tiña. O panorama que temos hoxe é unha axencia desmantelada e a aniquilación de toda a investigación pública. Este conto non terá bo remate se vostede non lle pon xeito. E visto o pago que lle deron ao anterior director non sei se darlle o pésame no canto de felicitalo”, respostoulle Mini, que destacou a “importancia clave” da investigación para a modernización da produción agrogandeira galega. “O exemplo é Irlanda, que despega porque aposta polo asesoramento e a investigación pública. Nós estabamos á cabeza de Europa en investigación en millo híbrido na Misión Biolóxica de Galicia e eses coñecementos fóronse para Francia. Onde está a escola que creou o señor Moreno sobre o millo. Onde están os resultados dese esforzo?”, exemplificou. 

O CIAM dispón dun edificio para investigación de 7.400 metros cadrados, dos que 2.000 son laboratorios. Conta ademais con 1.200 metros cadrados de invernadoiros e 10.000 de naves para gando, maquinaria e talleres. As instalacións complétanse con 4 fincas que suman 525 hectáreas en Mabegondo, Monfero, Pobra do Brollón e Guísamo. A mellora de forraxes, ensilados e concentrados para alimentación animal; a recuperación de sementes e variedades autóctonas ou as análises nutricionais de produtos como o leite son algunhas das súas liñas actuais de investigación.  

Presta declaración o xerente do Centro Tecnolóxico da Carne por malversación e fraude

Instalacións do CETECA en San Cibrao das Viñas

Instalacións do CETECA en San Cibrao das Viñas

A investigación iniciada no 2017 no Centro Teconóxico da Carne, cos rexistros efectuados fai tres anos nas súas dependencias, por supostos delictos de malversación e fraude nas subvencións públicas que recibe este ente dependente da Consellería do Medio Rural, reactivouse esta semana coa toma de declaración dunha parte do seu persoal, entre outros do seu xerente, Miguel Fernández, que foi antes director xeral da Consellería do Medio Rural, lembrou o deputado socialista Martín Seco.

“Esta semana coñecemos a detención e posta a disposición da Xustiza de máis de media ducia de persoas que forman parte do Centro Tecnolóxico da Carne por presuntos delictos de prevaricación, falsidade documental e contra a Facenda pública. Esta é a estrutura sobre a que queren fundamentar a futura Fundación?”, preguntou aos deputados do PP en relación á súa proposta de crear unha Fundación de Investigación Agraria Aplicada. Por iso, o PSdeG-PSOE presentou na Comisión de Agricultura celebrada este xoves unha emenda de substitución para que se investigue o acontecido no Ceteca.

Desde o 2012 está prevista a súa disolución

O Centro Teconolóxico da Carne, que ten a súa sede no Parque Tecnolóxico de Galicia, ubicado no municipio ourensán de San Cibrao das Viñas, depende da Consellería do Medio Rural e figuraba na listaxe de entes a extinguir aprobada polo Consello da Xunta o 16 de febreiro de 2012, segundo lembraron os representantes do PSdeG e do BNG. “No seu plan de racionalización da Administración paralela prevíase a extinción do Ceteca e a súa integración na Agacal”, indicou Xosé Luis Rivas, que preguntou aos representantes do Partido Popular por que non se levou a cabo aínda a día de hoxe esta medida. “Esta Fundación que agora propoñen podemos sumala ao escaparate de Sergude e ás aldeas modelo deste conselleiro que soña moito”, engadiu.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información