O potasio resulta determinante para o crecemento das plantacións de piñeiro do país

Así se desprende da tese da enxeñeira de Montes, Cristina Eimil, sobe a relación e a incidencia dos solos na produtividade dos piñeiros do país, e que ven de presentar na UXFS da Escola Politécnica Superior de Lugo.

O potasio resulta determinante para o crecemento das plantacións de piñeiro do país

Piñeiral

A enxeñeira de Montes Cristina Eimil Fraga aborda na tese de doutoramento ‘Análise de parámetros edáficos e ecofisiolóxicos en relación co nivel de nutrientes e o crecemento de Pinus pinaster en solos ácidos’, unha investigación desenvolvida na Unidade de Xestión Forestal Sostible (UXFS) da Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC baixo a dirección dos doutores Roque Rodríguez Soalleiro, Esperanza Álvarez Rodríguez e Federico Sánchez Rodríguez, algunhas das claves que explican o crecemento e a produtividade das plantacións de piñeiros do país.

A investigación de doutoramento que vén de presentar na EPS Eimil Fraga profunda nas relacións entre parámetros do solo e o tipo de rocha na que se asenta e o crecemento e produtividade de plantacións de piñeiro do país. Os resultados indican a capacidade deste piñeiro para adaptarse a distintos ambientes, aínda que as áreas interiores e os solos asentados sobre lousas, cuarcitas e lousas pobres son os menos indicados para establecer plantacións, conclúe.

A importancia do potasio para o crecemento do piñeiro do país

Nun escenario de cambio global e ante as ameazas sanitarias, de incendios forestais e vendavais, a xestión dos piñeirais existentes e as decisións de implantación de novas masas deben basearse nun bo coñecemento da nutrición da especie e dos procesos de acumulación de agullas e superficie foliar, segundo sinala a nova doutora, contratada na actualidade como investigadora da UXFS ao abeiro nun proxecto Life que conta con financiamento da Unión Europea.

A doutora salienta na súa tese o cometido determinante do potasio como elemento nutritivo, polo que a súa maior ou menor dispoñibilidade explica a produtividade da especie. Outras influencias tamén importantes son as do calcio e do magnesio, mentres que o nitróxeno non se antolla como parámetro limitante na maioría das plantacións estudadas, xa que os solos eran ricos en materia orgánica.

“Os piñeiros medran máis en solos con máis materia orgánica e menos aluminio”

A investigación de doutoramento realizada por Eimil Fraga revela asemade que a materia orgánica do solo constitúe unha propiedade clave para favorecer a estabilización do aluminio, elemento tóxico para as plantas, en formas que non afectan á absorción doutros elementos que son nutrientes clave. Neste sentido, e logo de estudar varios índices de toxicidade do aluminio, avaliados tanto no solo como en raíces e follas, a autora da tese cualifica de boa a adaptación do piñeiro do país a solos degradados por acidificación natural, se ben sinala que a produtividade esperable é maior en lugares onde a toxicidade por aluminio é menor.

Outra das achegas realizadas por Eimil Fraga están ligadas coa presentación de resultados e datos relevantes para usar progresivamente modelos baseados en procesos na xestión sostible destes piñeirais. A aplicación destas recomendacións redundaría nun aumento do recurso madeireiro en cantidade e calidade, así como noutras producións complementarias producidas polos piñeirais, que resultan tamén ecosistemas forestais xeradores de diversos servizos ambientais, conclúe.

Tribunal de tese e cualificación

Cristina Eimil Fraga, no centro

Cristina Eimil Fraga, no centro

O tribunal encargado de avaliar a tese de de doutoramento defendida na USC por Cristina Eimil Fraga estivo presidido pola doutora Paula Soares, do Instituto Superior de Agronomía de Lisboa. Juan Carlos Novoa, da Universidade de Vigo, e Ana Daría Ruiz González, da USC, completan a relación de membros dun tribunal que acordou por unanimidade outorgar a máxima cualificación de sobresaínte cum laude.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información