O Porco Celta protagoniza unha tese doutoral

Presentada na Facultade de Veterinaria de Lugo por Iván Manuel Rodríguez Paz, o seu percorrido pola evolución da raza Porco Celta desde os inicios da súa recuperación ata a actualidade fixo que acadara a cualificación de sobresaínte cum laude.

O Porco Celta protagoniza unha tese doutoral

A Facultade de Veterinaria de Lugo acolleu este venres a presentación da tese doutoral “Características produtivas da canal e da carne na raza autóctona porcina Celta” de Iván Manuel Rodríguez Paz, veterinario e director técnico da Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel).

O tribunal composto por Daniel Franco Ruíz, xefe de Investigación do CTC, como presidente; Gonzalo Fernández Rodríguez, profesor titular do departamento de Patoloxía Animal da USC e decano da Facultade de Veterinaria, como secretario, e Inmaculada Orjales Galdo, profesional veterinaria clínica, como vogal, cualificou o traballo de sobresaínte cum laude.

A tese, centrada nos traballos de investigación sobre a raza Porco Celta, desenvolveuse baixo a dirección do profesor do departamento de Anatomía, Produción Animal e Ciencias Clínicas da USC Antonio Iglesias Becerra, do profesor do departamento de Patoloxía Animal da USC, Víctor Pereira Lestayo, e do profesor do departamento de Enxeñaría Química da Universidade de Vigo, José Manuel Lorenzo Rodríguez.

As conclusións do traballo de Iván Rodríguez fan un percorrido pola evolución da raza dende os inicios das tarefas de recuperación ata a actualidade, na que se constata un incremento desta actividade gandeira e na que tamén comeza a gozar de certo prestixio comercial.

A importancia da xenética

A tese constata que nos inicios desta recuperación levouse a cabo unha avaliación da información de pedigree da raza que permitiu coñecer a variabilidade xenética e a consanguinidade existentes, asunto de relevante importancia dado o reducido número de exemplares a partir dos que se iniciou a recuperación da raza.

Neste asunto quedou patente a relevancia que ten a existencia do Libro Xenealóxico e a importancia da boa xestión do mesmo, xa que é unha ferramenta básica para identificar e rexistrar a todos os animais, relacionalos cos seus ascendentes e descendentes e valoralos segundo as súas características raciais. Ademais, permite dirixir os cruzamentos entre os exemplares coas menores porcentaxes de parentesco, cuestión fundamental para asegurar o crecemento dos rabaños.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información