De acordo á resolución tomada pola Consellería do Medio Rural de suspender feiras, concursos e certames para protexer á cabana gandeira fronte á dermatosis nodular contaxiosa (que entrou en vigor o pasado 27 de outubro e que se estende ata o 16 de novembro), esta semana non se celebraron as poxas de vacún en Silleda.
No relativo ás cotizacións das Mesas de Prezos da Central Agropecuaria de Galicia desta semana, destaca o cambio de tendencia do porcino. No caso dos animais cebados, mantiveron este martes os prezos da semana anterior, despois de meses de caídas semanais, desde que China anunciou un incremento nos aranceis á carne procedente da UE como represalia á decisión de Bruxelas de subir as taxas aos coches eléctricos de fabricación chinesa.
Os bacoriños, que se viran tamén arrastrados polo desplome no porcino cebado, mesmo repuntaron esta semana 3 euros, situandose o prezo dos animais de procedencia única nos 48 euros e os de varias procedencias en 43.
O que mantén a tendencia alcista das últimas semanas son os ovos, que subiron entre 4 e 7 céntimos a ducia, dependendo do seu tamaño. A ducia XL está xa cerca dos 4 euros.

Galego









Control OJD