“Cando eu empecei non había ninguén máis que botara fabas nesta zona. Empezei con 27 anos cunhas pouquiñas e hoxe teño 74. Levo toda a vida plantando fabas”, conta Teresa Recalde, de fabas O Pontigo, unha voz autorizada para facer un repaso pola historia deste cultivo que conta con Indicación Xeográfica Protexida propia.
“Casei con 25 anos e ese ano botei unhas poucas fabas do caldo no medio do millo. Fun a primeira. Alguén tiña que selo”, réstalle importancia. “Cando empezei a botalas tiña vacas, pero despois deixei as vacas e dediqueime en exclusiva á faba. Foi a miña actividade principal até que me xubilei. Agora a explotación lévaa a filla”, conta. Genma continúa coa produción, pero mándanos falar con Teresa porque “a experta en fabas é ela”.
Neste tempo tamén cambiaron as técnicas de cultivalas. “As primeiras botámolas arrastro, directamente no chan, plantadas solas como se fose millo pero apedrábanse moitas por estaren en contacto co chan. Logo pasamos a botalas no medio do millo, pero tampouco era gran cousa porque o millo chupáballes moito. Agora desde hai xa ben anos estácoas, fun a primeira que o fixo”, aclara. “Fixeran os de Extensión Agraria catro campos de ensaio, dous aquí en Santo Tomé e dous en San Adriano, estacándoas con varillas de ferro, pero o meu home traballaba nun aserradeiro e tiña unha pala e antes de ir a traballar poñiamos os paus e despois eu ía amarrando”, engade.
Case medio século de actividade deu lugar a un calendario adaptado ás características climatolóxicas e do terreo. “Cando chega a primavera preparamos a terra, abonámola e queda arada a finais de marzo porque o terreo ten que estar cocido cando botamos as fabas no mes de maio, a principios ou a mediados, dependendo do tempo. Aí fresamos a terra e sementamos directamente a faba nela. Fixen probas facendo semilleiro e trasplantando pero é máis gasto e máis traballo, así que volvimos a botalas directamente na terra. Antes botabámolas á man, faciamos o rego, pingabámolas e outros ían detras tapando, pero agora temos unha máquina para botalas que xa o fai todo. Despois atérranse e xa se tapa a herba que sae a carón delas coa terra. Antes sachábanse co sacho rego a rego pero era moitísimo traballo. Logo estacamos e poñemos a rede para que suban e imos amarrándoas. Xa quedan así até que se apañan, o único que facemos é pasar a grade de vez en cando entre os regos para que non saia herba”, detalla Teresa.
“Quen máis traballo fai é Genma. Axúdanse ela e un primo, que tamén labra e fan os traballos a medias. Entre os dous vano facendo, eu so paso o tractor. Para as estacas si que hai que buscar xente e para apañar o ano pasado contratamos a unha persoa mes e medio”, conta.
As terras déixanse logo descansar no inverno, unha vez apañadas as fabas e retiradas as estacas, polo mes de outubro ou novembro. “Ás veces se apañamos cedo botámoslles uns nabos que despois se fresan na primavera para abonar, pero son terras dedicadas só a fabas”, aclaran.
Secado, conxelado, envasado e etiquetaxe
O que Genma e Teresa botan é todo faba branca. “Ao principio botaba algo de verdina, pero non teño moi bo sitio para curalas”, explica. Este ano teñen plantadas 5 hectáreas, unhas poucas menos ca outros anos. As terras son todas arrendadas. “Eu terreo non teño”, aclara.
O proceso de secado comeza na pranta na propia terra e remata a cuberto na casa. “Cando o bagullo comeza a amarelear córtase a pranta polo pé e lévase para a casa. Tarda entre un e dous meses en acabar de secar, depende de como veña o tempo. Veñen da terra a medio secar e acaban de secar colgadas en 4 invernadoiros que temos para iso”, explica Teresa. Ao igual que as terras, os 4 invernadoiros non teñen outro uso máis que o de secar as fabas. “Antes labrabamos xudía e tomate, pero tiñamos que botar cedo para lograr ter os invernadoiros libres para cando viñan as fabas”, explica.
Cando están secas, as fabas descólganse, mállanse e pasan pola cámara de conxelación. “Metemos 1.000 quilos de fabas cada vez e témolas unha semana para que non lle saia o gurgullo”. Pasados sete días sácanse e unha vez desconxeladas quedarían xa listas para conservar e envasar e comercializar. O proceso implica a ausencia de tratamentos químicos para a conservación do produto.
O Pontigo foi tamén dos primeiros en embolsar e vender coa súa propia marca un produto antes destinado maioritariamente a abastecer a maioristas asturianos. “Non me foi doado abrir camiño. Fun a moitas feiras, ás veces non sacaba nin para pagar o stand. Daquela a Faba de Lourenzá non tiña o nome que ten hoxe”, asegura.
“Eu para Asturias mando pouca faba pero aínda se depende moito dese mercado”
O ano pasado O Pontigo logrou unha produción de 9.000 quilos de faba branca seca. Malia a abundancia, o prezo mantívose. “Eu vendinas coma todos os anos, a 9 euros o quilo a granel e a 10 euros embolsadas en paquetes dun quilo baixo a IXP Faba de Lourenzá”, conta.
Pero o ano pasado foi un ano “excepcional”. “Hai moitos anos que boto fabas pero coma o ano pasado non vin ningún. Houbo moita, moi boa, nada manchada e xa foi seca para a casa”, resume Teresa. “Este ano non vai ser tan bo, a calidade si, vai ser a mesma, pero a cantidade vai ser menor. Este ano non choveu cando tiña que chover. As primeiras naceron bastante ben, pero as segundas que se botaron naceron mal, houbo que reprantar e custoulles subir”, explica.
O pasado ano O Pontigo logrou unha produción de 9 toneladas de faba seca de moi boa calidade, que vendeu entre 9 e 10 euros o quilo. Este ano prevé unha menor produción
As colleitas veñen coincidindo coa Festa da Faba, que se celebra na primeira fin de semana de outubro, aínda que ao tratarse dun cultivo estacional varía dun ano para outro en función do tempo. “Este ano están xa máis secas e para a Festa da Faba vai haber xa cantidade, outros anos hai moi pouca para esa época, é cando comeza a haber”, aclara Teresa, que é asidua desde a primeira edición celebrada en 1990. “Na primeira Festa da Faba eramos só 4 stands. Dúas daquelas señoras xa morreron. Hoxe somos máis e véndese máis. Daquela nin colleita dabondo tiñamos”, lembra.
A maioría dos produtores estrean a súa produción anual coincidindo coa Festa da Faba pero logo dispoñen do produto para seguir comercializando fabas durante os seguintes meses. “Nós témola despois durante todo o ano. Estamos acabando a do ano pasado, cando veña a nova xa non quedará nada”, indica.
Adaptan a produción á clientela para ter a venda segurada
Genma e Teresa adaptan a súa produción á súa clientela habitual para teren garantida a venda. “Temos os nosos clientes, algúns desde fai máis de 30 anos, e botamos adaptado a iso. No meu caso agora para Asturias van poucas, pero sen os compradores asturianos aínda a día de hoxe non se podería botar a superficie de faba que se bota no Val de Lourenzá, en moitos casos eles seguen sendo o principal cliente”, asegura.
“Na Mariña producimos fabas pero hai poucos restaurantes que as teñan na súa carta”
E fai un reproche: “Aquí na Mariña producimos fabas pero poucos sitios hai onde poder comer un plato de fabas. En Asturias tés fabada tanto no inverno coma no verán en todos os restaurantes”.
O Pontigo dispón da maquinaria necesaria tamén para o envasado e etiquetado. Enche en saquiños de tea dun quilo co distintivo da Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá destinados sobre todo a tendas e clientes minoristas, pero non logra vendela toda deste xeito e para restaurantes ou outro tipo de clientela vai en sacos de 25 quilos que non entran dentro da IXP.