O Plan Revitaliza de compostaxe de residuos orgánicos prevé un salto no 2021

O Plan Revitaliza de compostaxe de residuos orgánicos prevé un salto no 2021

Composteiro do Plan Revitaliza.

O Plan Revitaliza de compostaxe, posto en marcha pola Deputación de Pontevedra, vai modificar a súa ordenanza no próximo pleno do organismo provincial para que os concellos dean un “salto adiante” na xestión dos seus biorresiduos. Así o anunciou o vicepresidente César Mosquera, quen subliñou que con esta normativa e outras medidas en marcha, preténdese acelerar o tratamento da fracción orgánica na provincia.

Esta iniciativa provincial xurde nun momento especialmente relevante no eido dos residuos en xeral, dixo Mosquera, xa que a normativa está a variar cara á implantación dun sistema de economía circular no que se fomenten a autosuficiencia, a proximidade (quilómetro cero), a responsabilidade ampliada das e dos produtores, a xerarquía de residuos e a redución de emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI). Por iso, e tendo en conta que as cifras de reciclaxe e reutilización están moi lonxe dos parámetros requiridos, dende a Deputacion búscase proporcionar aos gobernos locais os instrumentos necesarios para cumplir a normativa tanto europea como estatal e galega.

O vicepresidente destacou, de feito, que “o Revitaliza está absolutamente alineado, pero total e absolutamente, cos principios da normativa marco da Unión Europea e ca lexislación estatal española e galega. Está metido, integrado na quinta esencia dos principios da política europea”.

Mosquera explica que para a UE hai unha xerarquía de principios sobre os residuos clarísima na que primeiro vai a prevención, e logo a reutilización e reciclaxe, como partes nobles do tratamento de residuos. Despois, engadiu, están a valorización, incluída a enerxética (na que se inclúe Sogama), e a eliminación en vertedoiro: “Tanto o queimar o lixo como elimínalo en vertedoiro son as últimas, menos valiosas e as que hai que reducir e prácticamente facer desaparecer”, insistiu.

“A mensaxe que quero lanzar é que separación e reciclaxe son os principios do tratamento dos residuos para que os residuos volvan ser un ben, para que volvan meterse no circuito produtivo, na terra, no que se chama economía circular, e para iso é fundamental a separación en orixe e a reciclaxe. Eses son os principios do Revitaliza que este ano lle imos dar un impulso para poder apurar máis”, apuntou.

Concellos Revitaliza

Nestes momentos hai 47 concellos adheridos ao Plan Revitaliza en diferentes fases. Nove deles (Vilaboa, As Neves, Mondariz, Mondariz-Balneario, O Grove, Tomiño, Valga, A Illa de Arousa e Pontevedra, xa co seu propio plan). Todos eles verán ‘revolucionada’ a súa estratexia de residuos coa nova normativa do Revitaliza.

Os concellos que comezaron a ‘aventura Revitaliza’ en 2015 foron Baiona, Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Cangas, Gondomar, O Grove, A Illa de Arousa, Moaña, Ponteareas, Pontevedra, Redondela, Ribadumia, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Soutomaior, Tomiño, Tui, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa.

En xullo de 2017 adheríronse Baiona, Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Campo Lameiro, Cangas, Catoira, Cuntis, O Grove, Moaña, Mondariz, Mondariz-Balneario, As Neves, Oia, Ponte Caldelas, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño, Rodeiro, O Rosal, Salvaterra de Miño, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa.

En novembro de 2017 abriuse unha nova quenda de adhesión, na que se incorporaron os concellos de Gondomar, A Illa de Arousa, Lalín, Redondela, Ribadumia, Salceda de Caselas e Sanxenxo; en 2018 uníronse os concellos de Cerdedo-Cotobade, Covelo, A Guarda, Poio, Portas e Vila de Cruces, e decidiron dar o salto á implantación global A Illa de Arousa, Bueu, Cangas e Moaña (como mancomunidade), Poio, Ponteareas, Tomiño e Valga; en 2019 formalizaron a súa adhesión ao Plan Revitaliza os concellos de Marín e Meis e no 2021 o concello de Meaño.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información