A Deputación de Pontevedra habilitará neste ano novos puntos comunitarios para a xestión de residuos orgánicos, á par que repartirá máis composteiros individuais ós concellos adheridos ó Plan Revitaliza. O obxectivo da administración provincial é chegar a 170 centro comunitarios, fronte ós 127 que hai na actualidade. En canto ós composteiros individuais, que se reparten a veciños con casas con horta ou xardín, estiman entregar 1.555 para chegar a contar con 7.100 composteiros na provincia.
Así, tódolos concellos adheridos na provincia estrearán tanto centros comunitarios como composteiros individuais. A Deputación pretende que os concellos que aínda non comezaron a empregar este tipo de xestión dos residuos orgánicos comproben as bondades do sistema. Mentres, aqueles que xa están a utilizar estes métodos continúen avanzando para cumprir os obxectivos marcados dende Europa, que obrigará a reciclar o 50% do lixo neste ano 2020. Ademais, tamén será obrigatorio nos vindeiros anos recoller e tratar de forma separada o 100% da fracción orgánica, ben mediante compostaxe ou outras formas sostibles.
A compostaxe nos concellos
Os concellos nos que máis se están a notar os resultados da compostaxe e a súa influencia na reciclaxe do resto das fraccións son os que están a traballar na coñecida como Liña 2: os que recibiron axudas económicas da Deputación para estender o sistema con medios de titularidade municipal.
O caso de Vilaboa vai incluso máis adiantado, xa que ademais de ser o que proporcionalmente ten máis composteiros repartidos, está a traballar na modificación da ordenanza de lixo. Alí están instalados 14 centros de compostaxe e a previsión é chegar aos 1.200 composteiros individuais entregados.
Os concellos con mellores resultados son os que ampliaron, con axudas da Deputación, o sistema de compostaxe municipal
En Pontevedra as cifras en 2020 pasarán dos 25 centros de compostaxe actuais a 30, chegando aos 800 composteiros individuais. No Grove a previsión é ter 11 puntos comunitarios e alcanzar os preto de 600 individuais; mentres que en Mondariz e Mondariz Balneario prevense 13 e 10 comunitarios e 900 composteiros individuais e 100, respectivamente. No caso de As Neves os centros comunitarios instalados manteranse nos cinco actuais e os individuais subirán ós 1.104.
Nas novas incorporacións de concellos á Liña 2, o obxectivo é que Poio instale o seu primeiro comunitario e preto dun cento de individuais. Na Illa de Arousa prevén chegar a 3 comunitarios e dispor de 715 individuais. Tomiño, pola súa banda, ampliará a 3 os comunitarios e chegará a 300 individuais.
Ampliar e estrear
Outro dos obxectivos do Plan Revitaliza pasa por aumentar as instalación de centros comunitarios nos concellos que xa dispoñen de algúns –aínda que a través de cesión da institución provincial-, co obxectivo de que cada vez os gobernos locais sexan máis autónomos e se encarguen do mantemento. Nesta situación estarán Vilagarcía, Portas, Campo Lameiro, Barro, Cambados, Ribadumia, Sanxenxo, Lalín, Cerdedo-Cotobade, Bueu, Cangas, Moaña, Soutomaior, Redondela, Baiona, Gondomar, O Porriño, Tui, Oia, O Rosal e Ponteareas. Salceda de Caselas, pola súa banda, está xa no límite dos 5 centros de compostaxe propiedade da Deputación e deberá dar o salto de maneira inminente á Liña 2 para continuar con medios da súa titularidade.
Os municipios que non dean pasos adiante pasarán a estar fóra do programa de compostaxe
Dende a Deputación tamén apuntan a que ó longo deste ano continuarán a informar sobre o sistema de compostaxe nos 44 concellos adheridos ó plan para que comproben as vantaxes. Desta maneira agardan que concellos como Valga, Catoira, Cuntis, Meis, Rodeiro, Vila de Cruces, Silleda, Ponte Caldelas, Marín, A Guarda, Covelo, Salvaterra ou Poio conten co seu primeiro centro de compostaxe.
A administración provincial tamén advirte que aqueles municipios que non dean pasos adiante pasarán a estar fóra do programa de compostaxe, engrosando a lista que forman Moraña, Vilanova, Meaño, Agolada, Dozón, A Estrada, Forcarei, Pazos, Fornelos, A Lama, Mos, Nigrán, Arbo, Cañiza e Crecente. Estes municipios a día de hoxe nin están no Plan Revitaliza nin contan cun programa específico para cumprir a nova normativa europea. Tamén está fóra do cómputo o concello de Vigo, ó non poder estar dentro do plan provincial polo seu número de habitantes.