O Plan Forestal e a moratoria ó eucalipto aprobaranse sen o apoio da oposición

O PsdeG e o Bloque consideran que a paralización temporal de novas plantacións de eucalipto “é unha pantomima” que non se vai aplicar na práctica. O PP recrimínalles a súa negativa a buscar un consenso

Publicidade
O Plan Forestal e a moratoria ó eucalipto aprobaranse sen o apoio da oposición

Plantación de eucaliptos. / Archivo.

O Plan Forestal pasou polo Parlamento sen recabar ningún apoio a maiores do correspondente ó grupo popular. A Xunta, que xa tiña previsto aprobar o documento como decreto, sen necesidade de trámite parlamentario, decidiu debatilo na Cámara galega na busca dun consenso político con PSdeG e Bloque, pero non houbo acordo e o Plan sairá adiante sen os grupos da oposición.

Como vía para lograr un consenso, o conselleiro do Medio Rural, José González, propuxo este martes unha moratoria temporal de novas plantacións de eucalipto, só válida para aquelas superficies que non teñan a especie na actualidade, como piñeirais ou monte raso.

Esa paralización, que previsiblemente se regulará en breve, manterase en tanto non se teña o Inventario Forestal Galego, que se espera para o primeiro semestre do 2022. Será entón cando a Xunta poida facer un balance máis exacto das existencias de eucalipto e piñeiro en monte. A idea é valorar conxuntamente eses datos con outros, como as necesidades de cantidade e calidade de madeira das industrias forestais ou as demandas sociais de preservación da biodiversidade.

Con tódolos elementos na balanza, a Xunta deberá decidir daquela unha normativa definitiva de cando e onde se poderá plantar eucalipto, á marxe dos eucaliptais actuais, onde durante todo este tempo poderase seguir cortando e plantando con total normalidade.

Reaccións
A moratoria proposta pola Xunta, que buscaba a complicidade social de sectores ambientalistas e o apoio da oposición, recibiu unicamente desprezos. Tanto o BNG como o PSdeG calificaron a moratoria de “pantomima” que non vai ter aplicación na práctica. “Temos que crer que van facer agora o que non fixeron en 30 anos?”, preguntouse o deputado do Partido Socialista Martín Seco.

Por parte do BNG, a deputada María González lembrou que o PP rexeitou recentemente no Parlamento unha iniciativa lexislativa popular que pedía precisamente unha moratoria no cultivo do eucalipto. “Estamos encantados de que aproben esa moratoria, pero pensamos que non será real. Na Rede Natura de Galicia segue habendo 5.000 hectáreas de eucaliptos plantados irregularmente e que non retiraron”, criticou.

A iniciativa do PP tampouco ten boa recepción entre os propietarios forestais do interior de Lugo, pois estes días agudizáronse as queixas de Concellos como Castroverde ou Baralla, que piden que os seus veciños teñan liberdade para plantar a especie que queiran, respetando as actuais normativas.

Valoracións do PP
Desde o grupo popular, a deputada Elena Candía lamentou a falta de vontade da oposición para chegar a un consenso. “Din que este Plan chega tarde pero a súa única proposta é que o retiremos para volver a empezar. Seguen na dinámica equivocada de pensar que canto peor lle vaia a Galicia, mellor lles irá a vostedes” -criticou-. “As súas únicas propostas céntranse en demonizar a nosa xestión e en plantear unha guerra contra o eucalipto. En concreto o BNG propón que se retiren 10.000 hectáreas por ano da especie, ata un total de 200.000 hectáreas eliminadas no ano 2040. Quizais deberan pensar como lle afecta unha proposta como esa a un veciño de Xove, de Barreiros ou de Mondoñedo”, concluíu.

Una idea sobre “O Plan Forestal e a moratoria ó eucalipto aprobaranse sen o apoio da oposición

  1. Maria González Albert

    Olá! Só comentarvos que a moratoria do eucalipto non se aprobou e nen sequera foi sometida a votación polo PP

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información