A gandería extensiva pode ser unha aliada contra o lume cando existe unha boa xestión do monte. Sobre esa base, a Consellería do Medio Rural deseñou un Plan de Pastos co que busca un dobre obxectivo, apoiar á gandería extensiva e crear pastos no monte que sirvan de cortalumes en caso dun incendio. A primeira fase do Plan, que rematou o pasado inverno, actuou nun total de 560 hectáreas pertencentes a 14 montes veciñais. Na segunda fase, en marcha, a Xunta prevé beneficiar a uns 30 montes veciñais, cunha superficie de actuación dunhas 750 hectáreas.
O Plan de Pastos ten un total de 4 fases, polo que nos dous próximos anos prevese a continuación das actuacións, ata chegar a un total de 2.250 hectáreas e un investimento total duns 9,5 millóns de euros.
As actuacións céntranse en rozas, sementados, pistas, peches, pasos canadenses, mangas de manexo do gando e comedeiros ou bebedeiros. O conselleiro do Medio Rural, José González, visitou este venres a comunidade de montes de Baroña, na que se actuou nunha superficie que ronda as 30 hectáreas. González lembrou que o Barbanza é unha zona habitual de lumes, polo que a creación de pastos no monte que rachen a continuidade do arborado é unha estratexia que considera útil para a zona.
Repasamos a continuación as actuacións previstas na segunda fase do Plan de Pastos de Galicia, segundo os datos do Plan de Defensa contra Incendios 2021, presentado esta primavera. Detallamos tamén as actuacións acometidas na primeira fase.
Segunda fase do Plan de Pastos (2021)
Primeira fase do Plan de Pastos (Actuacións xa executadas)