O piñeiro mantén prezos en monte, tras unha lixeira recuperación de mercado no 2024

A mala situación dos serradoiros europeos, que no último ano aumentaron exportacións de madeira de coníferas a España, cortou un repunte maior do sector. De cara ó 2025, a demanda interna preséntase polo de agora contida

Publicidade
O piñeiro mantén prezos en monte, tras unha lixeira recuperación de mercado no 2024

Logo do parón vivido no piñeiro no ano 2023, cunha forte caída da demanda, o mercado de coníferas recuperouse no 2024 e arrinca este ano 2025 con máis dinamismo que o eucalipto en Galicia.

“De momento o piñeiro segue nos mesmos prezos e os aserradoiros están traballando ben”, explican empresas forestais consultadas.

O valor da madeira de calidade é o que está tirando das cortas. Os datos das empresas do sector apuntan a prezos da madeira en pé no monte duns 48 euros para a rolla e 27 euros para o puntal (Prezos con Ive, descontado o Irpf), dependendo, igual que no caso do eucalipto, de onde estea o monte e da facilidade de saca.

Desde a Asociación Forestal de Galicia apuntan a prezos de entre 42 e 55 euros na madeira de serra de máis de 20 centímetros de diámetro (Prezos en pé sen impostos), en tanto para puntal sinalan valores de entre 14 e 22 euros, que chegan a 26 – 33 euros no caso de madeira que acada os 20 centímetros.

A rolla para serra móvese entre 42 e 55 euros / tonelada en pé en monte (sen impostos), podendo chegar a 64 – 67 euros a madeira selecta de moi boas condicións técnicas, escasa en monte

As toradas con diámetros superiores a 18 cm aprovéitanse na actualidade para rolla, segundo sinalan as empresas forestais, polo que, se a árbore está ben podada, aproximadamente o 70% do piñeiro vai para rolla e 30% restante para puntal.

Para a madeira selecta, de moi boas condicións técnicas e escasa na actualidade no monte, os prezos poden chegar a 64 – 67 euros (Prezos en pé sen impostos).

Evolución
O mercado do piñeiro tende a prezos estables. Tras unha lixeira baixada no 2023, desde a Asociación Forestal de Galicia apuntan a unha feble recuperación de prezos da madeira en monte a partir do verán do 2024, se ben a tendencia dominante nos últimos meses é a estabilidade nas cotizacións.

Os serradoiros galegos están condicionados polo mercado de palés e embalaxes, o seu principal segmento de negocio, que mantén unha demanda limitada polo momento

A evolución do mercado dependerá da demanda e do nivel de actividade dos serradoiros. Desde a Fundación Arume, que agrupa á cadea monte – industria das coníferas en Galicia, apuntan que o principal mercado do piñeiro en Galicia, o dos palés e embalaxes, está nun momento de demanda limitada, o que leva a que a gran maioría dos serradoiros se manteñan a un nivel de actividade de arredor do 70%.

“O primeiro semestre do 2024 foi mellor do esperado, principalmente por reposición de stocks de grandes operadores a nivel estatal, pero o segundo semestre do 2024 a actividade baixou e a perspectiva polo de agora é que continúe así”, detallan desde a Fundación.

Á baixa demanda de palés únese a crise doutro nicho tradicional na produción de embalaxes galegas de madeira, o da caixa de viño, que se ve afectada pola crise xeral dos viños tintos -a gama que máis demandaba caixas de madeira-, e por unha certa substitución do piñeiro polo cartón, dado o aumento de custos nos últimos anos.

Importacións e mercado europeo
Un segundo factor que condiciona o mercado en Galicia é o aumento das importacións españolas de madeira de coníferas no 2024, que se calcula que aumentou arredor dun 14%, principalmente pola entrada de abeto e ‘pino rojo’ de Europa central e dos países nórdicos.

Dos 3 millóns de toneladas de madeira serrada de coníferas que consume España cada ano, uns 2 millóns son de produción local, con Galicia como principal operador do mercado, e o outro millón é importado. Se aumentan as importacións, loxicamente baixa a demanda para a madeira local.

“O aumento das importacións veu motivado por unha moi mala situación de mercado en Europa, que levou a que os serradoiros de Centroeuropa sufrisen moito e tivesen que baixar os prezos para atopar mercados para a súa madeira”, explican desde a Fundación Arume.

En Europa, é o sector da construción o que marca as tendencias de mercado, pois nalgúns países as edificacións que se fan en madeira estrutural superan xa o 20%

Para o 2025, espérase unha baixada da produción de madeira en Centroeuropa, pois as cadeas de produción están a amoldarse á baixada de demanda, o que en paralelo, xa levou a unha leve suba de prezos na madeira serrada e nos produtos laminados de abeto e pino rojo.

Tendencias no mercado da construción
Se aquí en Galicia o mercado da madeira está marcado pola actividade do sector do palé e embalaxes, a nivel europeo, a construción é a que condiciona o mercado, pois hai países de Centroeuropa onde xa máis do 20% das edificacións empregan madeira a nivel estrutural.

A evolución da situación europea dependerá en boa medida, por tanto, da evolución da economía dos principais países (Alemania, Francia, etc.) e de como evolucione por conseguinte o sector da construción.

En España, entre tanto, a madeira na construción ocupa aínda un oco escaso, entre o 1 e o 2% do sector. Desde a Asociación Forestal de Galicia recoñecen que a demanda é aínda limitada, pero subliñan que o nicho da construción en madeira xa se deixa notar nos prezos da madeira de piñeiro de calidade en Galicia, unha tendencia que se espera que continúe á alza.

Na Fundación Arume confirman aumentos anuais do 20 – 30% na produción galega de madeira orientada a construción estrutural.

Balance xeral
Así as cousas, tendo en conta a situación global do mercado, as perspectivas apuntan a prezos estables da madeira para serrar en monte, se ben cun horizonte de suba futura no momento en que haxa un repunte da actividade e da demanda. “En canto se recupere a actividade, o prezo do piñeiro previsiblemente subirá de xeito importante”, valoran en Arume.

En taboleiro, a actividade nas factorías galegas mantívose nos últimos anos a un nivel alto, unha situación que é diferencial no contexto europeo, afectado por unha certa crise. As perspectivas en España para este ano apuntan ó mantemento do nivel de actividade e a unha certa tendencia á alza no prezo do puntal de piñeiro de menores diámetros, que se adoita destinar para trituración.

“Os custos dos aproveitamentos disparáronse desde a pandemia e están lastrando os prezos”

Demanda portuguesa no sur da comunidade
Desde a Asociación Forestal de Galicia puntualizan tamén que na zona sur da comunidade percíbese unha importante demanda das fábricas de Portugal, tanto de madeira de serra como sobre todo de puntal, pois no país veciño hai unha escaseza de coníferas que leva ás industrias lusas a aprovisionarse no sur galego. Esa maior demanda leva a un aumento de prezos no sur da comunidade, en comparación co norte de Galicia.

Estabilidade nos prezos de eucalipto e na demanda para os primeiros meses do 2025

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información