Durante os últimos 15 anos, Galicia perdeu arredor de 140.000 hectáreas de piñeirais, se ben as coníferas, con máis de 400.000 hectáreas, ocupan aínda arredor do 25% da superficie arborada na comunidade. A cadea forestal – madeira das coníferas, agrupada en torno á Fundación Arume, emprendeu nos últimos anos un ambicioso proxecto para revertir esta situación de perda de superficie dos piñeiros, debida a múltiples factores.
Un dos focos de Arume, que agora comeza a dar froitos, é a mellora xenética das coníferas galegas. O obxectivo, lograr plantas máis produtivas e que sexan resistentes a enfermidades e pragas. É un traballo que se canaliza a través do Grupo Operativo Piña, que vén de celebrar unha xornada divulgativa no viveiro de Tragsa en Maceda (Ourense).
Durante a xornada, constatouse que os viveiros colaboradores no proxecto xa contan con planta comercial de piñeiro do país (‘Pinus pinaster’) con mellora xenética e alta resistencia ó nematodo do piñeiro.
A cantidade de planta comercial resistente ó nematodo é aínda unha porcentaxe pequena da total que se emprega cada ano en Galicia, pero este ano xa permitiu reforestar máis dun cento de hectáreas. É un fito especialmente importante para a zona demarcada do sur de Pontevedra, a área afectada en Galicia polo nematodo, na que o piñeiro do país é unha das principais especies forestais.
O reto agora é aumentar esa produción de planta mellorada resistente ó nematodo e ofrecela a prezos accesibles para o propietario, pois o nematodo é unha praga que, á vista dos números, semella de erradicación pouco probable.
Se entre o 2021 e o 2022 se sumaran un cento de positivos nos muestreos realizados en monte na zona demarcada, só no 2023, os positivos ascenderon a 239. Son cifras que apuntan a que a convivencia coa praga e a adaptación do sector é o único camiño que queda, tal e como xa sucede en Portugal.
Ponteareas (Pontevedra) acumula a metade dos positivos por nematodo do piñeiro de 2023
A principal zona afectada nos muestreos do pasado ano foi o concello de Ponteareas, con 120 positivos, seguido de Salvaterra do Miño (38), Tomiño (29) e Mondariz (21), segundo o informe publicado este ano pola Xunta. A boa noticia é que un ano máis non se detectaron novos positivos fóra da zona demarcada, quedando polo de agora a praga cinguida ó sur de Pontevedra.
No sur galego, a praga do nematodo representou na última década un factor desincentivador para o mantemento dos piñeirais, ó que hai que unir os danos dos lumes, en especial os do outono do 2017.
Escenario das coníferas fronte á expansión do eucalipto
A nivel de toda Galicia, un dos factores principais no retroceso dos piñeirais foi a expansión do eucalipto nitens nas últimas décadas no interior das provincias da Coruña e Lugo, pois trátase dunha especie que logrou a mesma rendibilidade por hectárea que o piñeiro pero cunha quenda de corta da metade de anos.
Dada a dinámica de substitución dos piñeirais tras corta por plantacións de eucalipto, a Xunta decidiu regular unha moratoria a novas plantacións de eucalipto, que se vai manter cando menos ata decembro do 2025.
Trátase dunha moratoria polémica, pois parte dos propietarios forestais non a están a respectar, como denuncian periodicamente as asociacións ecoloxistas, con exemplos de incumprimentos da moratoria, con plantacións de eucaliptos sobre antigas parcelas de frondosas ou piñeiros.
Na memoria están as arredor de 30.000 hectáreas agrarias que se calcula que se teñen forestado con eucaliptos, malia a normativa que desde hai décadas prohíbe tal práctica.
A cuestión agora é se a Administración será capaz de facer cumprir a moratoria en monte. A maiores das inspeccións a pé de monte, tecnicamente é viable facer un seguemento satelital por medio do Inventario Forestal Continuo de Galicia, que detecta as parcelas que cambian de especie, se ben cun retraso de arredor de 2 anos, pois en tanto as plantas non medran é complicado identificar a especie plantada.
Aumento da competitividade dos piñeiros por mellora xenética
Para a cadea forestal – madeira do piñeiro, que atisba unha futura oferta de coníferas inferior á demanda, é imperativo manter non só a superficie actual de coníferas senón tratar de aumentala. A principal vía estrutural para lograr iso pasa por incrementar a rendibilidade dos piñeiros para o propietario forestal.
A revalorización que experimentou a madeira de coníferas en monte hai dous anos foi un primeiro paso. De cara ó futuro, espérase que esa tendencia de bos prezos se manteña e que sirva de incentivo para o propietario.
En paralelo, a Fundación Arume, que agrupa a toda a cadea forestal – madeira do piñeiro, desde colectivos de propietarios forestais a viveiros e empresas da madeira, traballa coa idea de ofrecerlle ó propietario planta comercial de coníferas que ofreza maiores crecementos e menores quendas de corta.
De xeito complementario ós traballos de mellora xenética do piñeiro do país, Arume emprendeu hai dous o plan de mellora xenética do piñeiro radiata, a especie que xa ofrece na actualidade as menores quendas de corta (25 anos).
Este ano implantáronse campos de pés nai de piñeiro radiata seleccionado e no 2026 iniciarase a comercialización de planta da máxima calidade xenética
O obxectivo é seguir o camiño de países referentes a nivel mundial en piñeiro radiata, como Chile, que logrou quendas medias de corta do piñeiro radiata duns 22 anos, con crecementos de arredor de 25 metros cúbicos por hectárea, superiores incluso ós que logra o eucalipto globulus en Galicia, o que posicionou ó piñeiro radiata como unha das especies preferentes para os propietarios forestais chilenos.
A Cooperativa de Mejoramiento Genético Forestal de Chile está a asesorar á Fundación Arume desde hai un par de anos. Estes días precisamente, o xenetista chileno Fernando Droppelmann visita montes de piñeiro radiata en Galicia para aconsellar a Arume sobre os pasos a dar para avanzar na mellora xenética da especie.
Chile é un referente a nivel mundial en piñeiro radiata, con quendas medias de corta de 22 anos e crecementos de 25 metros cúbicos por hectárea e ano, superiores ós do eucalipto globulus en Galicia
O Grupo Operativo Piña implantou este ano campos de pés nai de piñeiro radiata con material seleccionado do horto sementeiro de Pena Fesa (Monfero, A Coruña), con sementes de 46 árbores, dun total de 18 familias. Con eses campos de pés nai, a expectativa é a de iniciar a multiplicación vexetativa por estaquillas no 2025, co horizonte de abrir a comercialización da planta mellorada de radiata no 2026.
Plan de traballo en piñeiro do país
Entre tanto, en piñeiro do país, un obxectivo de traballo que se marca o Centro de Investigación Forestal de Lourizán, entidade colaboradora do Grupo Operativo Piña, é a obtención de piñeiros do país de segunda xeración de mellora xenética.
O reto no piñeiro do país sitúase en avanzar a plantas de segunda xeración de mellora xenética, con maiores crecementos, rectitude e resistencia ó nematodo
Sobre a base dos horto sementeiros actuais, unha das ideas é seleccionar os mellores ‘fillos’, de xeito que se avance tanto na resistencia ó nematodo como nas cualidades da árbore (volumes, rectitude, ramosidade) e da súa madeira (módulo de elasticidade e densidade básica).
O traballo conxunto público – privado dos viveiros galegos coa Dirección Xeral de Ordenación e Planificación Forestal logrou que no 2023 xa máis dun 51% da planta de piñeiro posta en monte fose das máximas categorías xenéticas (material cualificado e controlado), cando hai 5 anos ese material era practicamente inexistente no monte galego.
Alternativas fronte ás bandas do piñeiro
A nivel sanitario, a maiores do nematodo, nos últimos anos preocupa tamén moito a chegada da enfermidade das bandas, que afecta ó piñeiro radiata, unha especie que ten especial protagonismo na provincia de Lugo e, en menor medida, presente tamén na Coruña e Pontevedra.
Fronte ás bandas, que diezmaron nos últimos anos os piñeirais do País Vasco, as únicas medidas posibles pasan polos tratamentos (cobre e/ou bioestimulantes) e pola silvicultura (podas e rareos para airear a masa e diminuír a presenza do fungo).
Dado que non hai expectativa a curto prazo de lograr piñeiros radiata resistentes ás bandas, os viveiros galegos están iniciando nos últimos anos a comercialización de coníferas alternativas, en especial o piñeiro taeda, unha especie cun crecemento similar ó piñeiro radiata e que é resistente non só ás bandas senón tamén ó nematodo do piñeiro.
O Centro de Investigación Forestal de Lourizán comezou ensaios con 6 procedencias de pino taeda de Estados Unidos, un traballo pioneiro con gran interese para o sector
En vista do interese que xera a especie, o Centro de Investigación Forestal de Lourizán emprendeu este ano ensaios con seis procedencias de piñeiro taeda de distintas zonas de Estados Unidos.
É un traballo pioneiro que presenta gran interese de cara ó futuro, pois polo de agora a única planta comercial de piñeiro taeda en Galicia procede de semente francesa. Ningún viveiro foi capaz de importar planta de Estados Unidos, o país de onde o taeda é nativo, polas restriccións de sanidade vexetal que existen en Europa para a importación de material de coníferas.
Só Lourizán logrou importar planta de piñeiro taeda de Estados Unidos, en principio con fins científicos, se ben os exemplares plantados agora polo Centro de Investigación poderían convertirse no futuro no xerme dun programa propio de multiplicación da especie a nivel galego, se se confirma o interese da especie e das procedencias ensaiadas.
Xunto a este traballo co taeda, Lourizán está a manter e renovar os ensaios iniciados nos anos 90 con outras coníferas, como a sequoia, o piñeiro de Oregón ou a criptomeria japónica, por se nalgún intre ese material se vise de interese para o monte galego.
Sobre o Grupo Operativo Piña
O Grupo Operativo Piña está conformado pola Fundación Arume (entidade coordinadora), a Asociación Forestal de Galicia, Hifas Foresta e viveiros Costa de Lóngaras.
Como entidades colaboradoras, está a Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga), o Centro de Investigación Forestal de Lourizán e a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal (Xunta de Galicia).
O Grupo ten ademais subscrito senllos acordos de colaboración con Tragsa, con viveiro en Maceda (Ourense), e coa Cooperativa de Mejoramiento Genético Forestal de Chile.
O proxecto está cofinanciado con axudas para a execución de proxectos innovadores por grupos operativos da AEI da UE, convocadas pola Axencia Galega de Calidade Agroalimentaria (Agacal).