“O sistema Voisin permite dispor de pasto de gran calidade sen anovar as pradeiras”

Entrevista a Roger Rabés Santaeulalia, un dos referentes do sistema racional de pastoreo Voisin. Este mozo catalán explícanos en que consiste este sistema e que vantaxes atopou en Francia para instalarse como gandeiro

“O sistema Voisin permite dispor de pasto de gran calidade sen anovar as pradeiras”

Roger Rabés Santaeulalia, un dos referentes do sistema racional de pastoreo Voisin

Roger Rabés Santaeulalia é un gandeiro catalán que en 2016 instalouse no departamento francés da Vendée debido ás facilidades que o goberno galo ofrece aos mozos que queren incorporarse ao campo, incluso aínda que non dispoñan de terras. Visitamos a súa gandaría dentro da viaxe formativa organizado en marzo polo Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa.

A súa explotación, GAEC La Cheffretière, conta con 57 vacas en muxido en ecolóxico e vende o leite á cooperativa Biolait. A base territorial da súa gandaría é de 60 hectáreas, todo a pasto, que lle permite ser autosuficiente en forraxes grazas ao método de pastoreo racional Voisin. Explícanos en que consiste.

De onde vén a túa vinculación coa gandaría?
Son gandeiro de toda a vida, e fillo e neto de gandeiros: O meu avó tiña ovellas e o meu pai vacas de leite, e co el e co meu irmán estiven traballando. No ano 1993 transformamos a gandaría nun cebadoiro de becerros, con ata 700 xatos cebados ao ano. Pero chegou un momento en que había que facer un forte investimento para modernizar as instalacións, tampouco tiñamos moita superficie e o modelo intensivo provocaba un importante custo anual a nivel sanitario. Por iso decidín iniciar un proxecto pola miña conta.

Como chegaches a instalartee desde Lérida á rexión francesa da Vendée?
Sempre tiven inquietude pola agricultura ecolóxica pero non acababa de convencerme que funcionase o sistema, porque os rendementos que vía eran máis baixos que en convencional. Considero que a agricultura ecolóxica, ademais de limpa, ten que ser eficiente e produtiva.

Ao final coñecín a Luiz Carlos Pinheiro Machado e atopei moi coherente a súa forma de pastoreo, que era moi similar ao que facía o meu avó coas ovellas. E convenceume o seu sistema de que era o mellor para rexenerar os solos e ter vacas sas.

Busquei terreo para ter unha gandaría en ecolóxico en España pero foi moi difícil, porque o campo alí está feito para o propietario do terreo, non para o agricultor. Hai unha gran especulación co solo agrícola en España e non hai políticas activas para que un mozo se instale, algo que é moi difícil se non es fillo de agricultor ou herdaches propiedades agrícolas.

“En Francia ser propietario dun terreo agrícola e non traballalo é un problema”

Que vantaxes atopaches en Francia para instalarse?
En Francia as leis están feitas para que os dereitos de uso do chan sexan do agricultor, non do propietario. Aquí non hai vantaxes económicas se tes solo agrícola e non o traballas. Isto fai que haxa moita terra dispoñible a bo prezo para os agricultores e gandeiros, para quen a traballa.

En España os agricultores teñen que pagar por aluguer dunha hectárea ata 800 euros. Aquí está a uns 120 euros e o prezo de venda é de 1.500 ou 2.000 euros a hectárea.

Ademais, en Francia as explotacións agrogandeiras son de fácil traspaso e o goberno francés ten unhas ferramentas moi eficientes para intermediar entre os mozos que saen da formación agraria para que se incorporen tomando o relevo dos gandeiros ou agricultores que se van xubilar. Aquí é habitual que un mozo se incorpore como aprendiz nunha explotación e ao cabo duns anos pase a ser socio e acabe como propietario.

Todo iso facilitoume instalarme aquí: teño unha gandaría con 60 hectáreas dunha peza e estou a pagar de aluguer 120 euros de media a hectárea. O contrato de aluguer é a 10 anos, pero con dereito a renovación autómatica, se eu desexo continuar.

Como manexas esta base territorial?
Estou instalado desde o 1 de xaneiro de 2016. A leira estaba cultivada en convencional e os indicadores biolóxicos da parcela eran malos, xa que tivera moito laboreo e aplicáronse lodos de depuradora nunha parte da finca. Isto provocou problemas de resposta do chan.

Luiz Carlos Pinheiro realizounos un plan de empresa, dividindo a finca de 60 hectáreas en 85 parcelas, un 10% destinouse a camiños e dotouse de puntos puntos de auga e bebedoiros a todas as parcelas. Agora estamos nunha fase ecolóxica de intercambio, na que se esgotaron os fertilizantes de uso convencional anteriores, e agora a fertilidade natural do chan está a volver aos poucos. É unha baixada natural de fertilidade e nesta primavera esperamos que se recupere coa axuda do abono das nosas vacas e dun pouco de compost.

O rabaño consta de 100 animais, con 57 vacas en lactación. E esperamos que cara ao 2023 ou 2024 estar en plena produción, ter un excedente de pasto e poder aumentar o rabaño.

Somos autónomos en produción de forraxe e o único que compramos é o concentrado ecolóxico, elaborado a partir de faballón, algo de soia, tricale e millo.

Para os ensilados de herba, tentamos facer sementeira directa de vicia, que nace mesturada co pasto antigo que había, e desta forma increméntase a porcentaxe proteica da forraxe.

Cal é a media de produción?
O obxectivo é de 6.000 litros por vaca e ano e nestes momentos estamos ao redor de 5.800, cun consumo anual duns 1.000 quilos de concentrado por vaca en lactación.

Como realizas a renovación das pradarías?
Non labramos nunca o solo, porque esta é a base para non romper a estrutura do chan e non afectar á súa actividade biolóxica. O que facemos é sementeira directa e non escatimamos diñeiro en sementes. A nosa forma de traballar é sementar pradarías polifitas con variedades que funcionan aquí, como raigrases, festucas, dactylos, fleo, bromus, varios trevos…etc. E tamén sementamos variedades estratéxicas como a avea ou a festuca, que exporta velenos do chan, ou o centeo, que achega moita materia orgánica en raíz. Sementamos de todo mesturado e ao final é a terra a que escolle.

En sementes pratenses triplicamos a media de dose que se aconsella, de 20 ou 25 quilos por hectárea. O obxectivo é crear un banco de sementes na parcela e que o solo de cada parcela escolla a que lle vai mellor e pastorearemos ou segaremos no punto óptimo de repouso.

“As adventicias son un problema de desequilibrio no chan da parcela”

No caso das adventicias, non temos ningún problema porque consideremos que regulan o chan cando existe un desequilibrio. O ano pasado, por exemplo nunha parcela tiven unha infestación de labaza, nunha parcela con raigrás e dactylo. Este ano desapareceu porque realizou o seu traballo, que é o de descompactar o solo, e unha vez que cumpriu a súa misión desapareceu.

En canto ás adventicias que non comen as vacas, por exemplo cardos, rozamos de forma inmediata unha vez que saíron as vacas da parcela. Non valen rozar todo cada 20 días, porque pola contra, se se deixan quedan con vantaxe fronte ao resto de variedades que foron pastadas.

Parcela recén pacida e a seguinte.

Parcela recén pacida e a seguinte.

 “Para entrar a pastar unha pradaría non nos fixamos na altura, senón no punto óptimo de repouso”

Para entrar ou saír do pasto non utilizas a altura do pasto?
Nunca, é o punto óptimo de repouso, que se dá cando a planta absorbeu o máximo de reservas para a súa raíz. Isto investígoo no seu día André Voisin. E as plantas xa nos dan unhas indicacións. Por exemplo, neste tempo frío en que a temperatura é baixa e a insolación é pouca, as gramíneas ou as leguminosas indícannos o punto óptimo de repouso cando as follas basais empézanse a murchar, non por roia ou por xeada. E cando hai temperatura e sol o punto óptimo de repouso dáse no inicio de floración en gramíneas e en leguminosas cando teñen entre un 30 e un 50% de floración. Esta é a base para que as pradarías non se esgoten e dean o máximo de produción por hectárea. Nós nunca nos fixamos na altura, pero por exemplo se unha pradaría está no punto óptimo e teñen moita altura e densidade o que facemos é ensilar.

E para sacar as vacas da pradaría?
Tentamos que as vacas pasten a rentes, baixar ata 3 ou 5 centímetros de altura. Para iso, detrás das vacas leiteiras van as vacas secas ou as xovencas para facer un segundo pastoreo de limpeza. Nós traballamos coas reservas de raíz, non coa superficie foliar verde, que é a que realiza a fotosíntese. Traballando así logramos dirixir a evolución do pasto. Así, todas as especies pácense ata o fondo e o rebrote máis potente será da especie que elixín. Pola contra, se deixo o pasto a unha altura de 10 centímetros, por exemplo, todas as plantas terían entrada de enerxía a través da fotosíntese, ademais das reservas de raíz, co cal poden renovar e imporse plantas que non desexo.

“Pastamos a rentes, deixando unha altura máxima de 5 centímetros desde o chan”

Que criterio segues para rotar o pastoreo entre parcelas?
Non seguimos unha rotación lineal, podemos pastar a parcela da beira ou non. A prioridade en momentos de choiva como estes é coidar o chan, polo que só metemos as vacas nas parcelas máis secas, para non estragar o solo. Visito todas as parcelas, miro o estado fisiolóxico e das variedades de cada unha, e realizo un calendario de pastoreo cada 10 días ou 1 vez á semana.

Desta forma, non se segue unha rotación lineal entre parcelas, senón que depende todo do estado de cada parcela e do pasto. Isto é o pastoreo racional Voisin. É máis fácil mover o gando á parcela da beira por defecto, pero non é racional nin máis eficiente.

O punto óptimo de repouso serve para lograr o máximo de materia seca por hectárea e ano, maximizar a fotósíntese, para ter tamén o máximo de reservas de raíz e ter un potente renovo. Pero tamén permite lograr o máximo equilibrio alimentario para a vaca, logrando que o pasto teña un equilibrio entre fibra, proteína e enerxía. Iso permite que as vacas non teñan cagaleira.

“O pastoreo Voisin permite lograr o pasto con máis equilibrio para a vaca”

Cando tempo deixades repousar as parcelas no inverno?
Non hai un tempo fixo pero si uns períodos orientativos entre pastoreo e pastoreo. Así, na primavera deixariamos un repouso duns 30 días; a finais de primavera sería 40 días, que subiría a 60 días no verán; a 80 no outono e a uns 120 días en inverno.

Na primavera cun sistema rotativo non racional o previsible é que se pasaría a herba e no outono esgotaríase en poucos días.

Cales son os fallos máis comúns que se adoitan cometer no sistema Voysin?
A aceleración fóra de tempo. Se o sistema faise ben é eterno. En gando de carne, é mesmo moito máis fácil porque non se demanda gran calidade de pasto, pero en gando de leite si.

“O fallo máis habitual é acelerar o pastoreo fóra de tempo”

A clave é formarse ben, limpar a mente de preconceitos de agricultura convencional, sobre todo no relativo a roturar o chan ou o control das adventicias.

O fallo máis habitual é a aceleración fóra de tempo, en que chega un momento en que pola seca estival falta pasto. E o que fai o gandeiro é pasar os animais polas pradeiras máis rápido, sen deixar que o pasto alcance o punto óptimo de repouso. Iso leva a que as vacas coman mal, con exceso de proteína e falta de fibra, e a que a pradaría non renda materia seca por hectárea, e a que se esgoten as variedades de interese, porque non chegan á súa plenitude de reservas de raíz. A consecuencia é que as pratenses de interese van a menos e énchese a pradaría de maleza.

Cando hai falta de pasto a clave é suplementar con ensilado, herba seca …etc. Do contrario, esgótanse as pradarías. O peor para unha planta é que lle coman os rebrotes, porque mobiliza os seus reservas de raíz e acábase esgotando. Ademais, as adventicias rebrotan máis tarde que as pratenses, co que se acaban impondo.

PASTOREO_FRANCIA_VOISIN_2

Una idea sobre ““O sistema Voisin permite dispor de pasto de gran calidade sen anovar as pradeiras”

  1. Miguel Angel Sánchez

    Muy bueno el artículo, soy de Reconquista, provincia de Santa Fe, Argentina y estamos haciendo PRV en un lote de 74 hectáreas de campo de ganadería, realizar el cambio de una ganadería tradicional para pasar a sistema Voisin, implica una inversión inicial importante en infraestructura de alambrados eléctricos y fundamentalmente de distribución de agua de bebida.
    Estamos convencidos que funciona muy bien, actualmente en esa superficie tenemos más de 100 animales con un 92% de parición, cuando la media del país no supera el 55%, además se logra mansedumbre en los animales y una mejor sanidad.
    Felicitaciones y gracias por compartir este material.
    Saludos

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información