O Parlamento pide que a Xunta redacte o novo Plan Forestal seguindo as directrices consensuadas polo sector

A iniciativa foi aprobada en solitario cos votos a favor do Partido Popular. A oposición optou por absterse ao considerar que as directrices aprobadas polo Consello Forestal non foron consensuadas coas organizacións ecoloxistas

Publicidade
O Parlamento pide que a Xunta redacte o novo Plan Forestal seguindo as directrices consensuadas polo sector

As directrices do Consello Forestal apostan por aumentar a superficie de coníferas

O Parlamento de Galicia pídelle á Xunta que o novo Plan Forestal sexa redactado seguindo as directrices consensuadas polo sector no Consello Forestal. A iniciativa, unha proposición non de de lei do Partido Popular, non contou co apoio da oposición que decidiu absterse ao considerar que as directrices do Consello Forestal non foron debatidas e acordadas con outros sectores como os gandeiros ou as organizacións ecoloxistas.

O defensor da iniciativa, o deputado popular José González Vázquez, defendeu este xoves na Comisión de Agricultura, Alimentación e Montes que a redacción do novo Plan Forestal de Galicia, con vixencia para os próximos vinte anos e actualmente en tramitación, debe “seguir as directrices aprobadas en decembro de 2015 pola Comisión de Traballo do Consello Forestal de Galicia, aprobadas co consenso de todos os axentes relacionados co monte, contando únicamente coa abstención do representante de Amigos da Terra”.

Entre estas directrices, José González destacou as recomendacións de “aumentar a superficie de coníferas, manter ou reducir a superficie de eucaliptus, relanzando o Globulus fronte ao Nitens, ou aumentar a superficie de caducifolias, dentro dunha visión multifuncional do monte”.

A oposición asegura que as directrices non foron consensuadas con todos os axentes

Sen embargo, a oposición optou por absterse e non secundar a iniciativa ao entender que o Consello Forestal non tivo en conta a outros axentes, como gandeiros e organizacións ecoloxistas.

Así, o representante do BNG, Xosé Luis Rivas Cruz, lembrou que “a realidade é que o goberno está incentivando a expansión do eucalipto a costa das terras agrarias con medidas como a renovación da autorización á planta de celulosa de Ence en Pontevedra ou o impulso das plantas de biomasa, que se van nutrir de madeira de eucalipto”.

Ademais, advertiu de que “estase desmantelando o sector da transformación da madeira non vinculado ao eucalipto”. “Está ben o que din as directrices do Consello Forestal, pero ¿quen me vai mercar e procesar a madeira de piñeiro ou de frondosas?”, alertou o deputado do BNG.

PsdeG-PSOE: “As directrices do Consello Forestal non cuestionan o monocultivo do eucalipto”

José Antonio Quiroga Díaz, do PsdeG-PSOE, criticou que o Grupo de Traballo do Consello Forestal que elaborou as directrices “non recolle a todos os axentes sociais implicados”. Ademais, advertiu de que “as directrices non cuestionan o monocultivo do eucalipto, ao tempo que pide que se quite peso da Administración do Consello Forestal”.

Pola súa parte, a representante de En Marea, Paula Quinteiro, incidiu tamén en que “as directrices non son representativas de todo o sector relacionado co monte e co medio rural”. “A maioría das persoas deste grupo de traballo -afirmou- representan ao sector da madeira e non se cumpriu o compromiso de abrilo a outros colectivos, como as organizacións ecoloxistas”.

“Estas directrices seguen apostando pola produción de madeira de baixo valor engadido e pola privatización do monte. É certo que conteñen moitas cuestións de interese estas directrices, pero reléganse a un segundo plano”, concluíu.

Iniciativas rexeitadas sobre as ITEAF, os controis oficiais do leite ou a fiscalidade dos montes veciñais

Polo demais, a Comisión de Agricultura, Alimentación e Montes rexeitou cos votos en contra do Partido Popular tres iniciativas da oposición.

A primeira, do Grupo Socialista, demandaba que a Xunta estableza os mecanismos necesarios para a realización de controis oficiais do leite e se recollan dúas mostras: unha para a empresa e outra para o gandeiro, co fin de evitar especulacións ao respecto e dar unha maior seguridade ao produtor coa posibilidade de realizar unha contraanálise co leite do día mesmo día da recollida no caso de atoparse algún tipo de residuo.

A segunda, do Bloque Nacionalista Galego, instaba á Xunta a “modificar o Decreto 23/2016 de 25 de febreiro polo que se regula a reinversión dos ingresos obtidos polos montes veciñais en man común en actuacións de mellora e protección forestal para que a tramitación sexa simple, retirar a contía das subvencións da base impoñible e dar un período de amortización de 15 anos para as contías recibidas polas expropiacións”.

Por último, o grupo de En Marea presentou unha proposición non de lei na que se pedía á Xunta que ampliase ata o mes de marzo o prazo para que os propietarios dos equipos de aplicación de productos fitosanitarios podan pasar a inspección, a coñecida como Iteaf, dotar unha partida para subvencionar a adquisición de equipos novos a tódolos agricultores que dispoñan de equipos que non pasen a inspección, así como reducir o custe da inspección e das multas un 50%.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información