O Parlamento galego reclama ao Goberno central a inclusión inmediata da Lyme como enfermidade profesional do sector agrogandeiro e forestal

A Cámara Galega tamén reclama ao Goberno central que adopte medidas contra a afectación da enfermidade hemorráxica epizoótica

MSD MOSCAS E CARRACHAS 4O Parlamento de Galicia aprobou este mércores por unanimidade, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o BNG, unha proposición non de lei a través da que se reclama ao Goberno de España a inclusión de maneira inmediata da Lyme como enfermidade profesional do sector agrogandeiro e forestal, instando á Comisión Europea para que se estandaricen os sistemas de vixilancia desta enfermidade. Así mesmo, pídese á Xunta que inclúa esta doenza na listaxe de enfermidades endémicas de Galicia e faga un plan efectivo para coñecer que xenotipos de borrelia se padecen na Comunidade galega e que distribución e infestación teñen as carrachas do xénero Ixodes por dita bacteria, elaborando plans preventivos e informativos adicados á poboación, en especial nas zonas máis afectadas.

A enfermidade de Lyme é un proceso multisistémico, de distribución universal, provocado pola Borrelia burgdorferi  e transmitido por carrachas. De feito, é a enfermidade transmitida por garrapatas máis frecuente do hemisferio norte.

A deputada popular Encarna Amigo manifestou que “as taxas de incidencia desta enfermidade en Galicia son moi superiores á media española, aínda que semellantes á doutros territorios europeos considerados endémicos”, polo que avalou a inclusión de determinadas zonas de Galicia en vixilancia endémica da enfermidade de Lyme.

Encarna Amigo explicou que “para conseguir unha detección precoz das ameazas para a saúde desta enfermidade requírese dunha vixilancia sólida e constante con mecanismos de alerta e resposta rápida”. Neste sentido, apuntou que a Unión Europea ten creadas estruturas que permiten o rápido intercambio de información entre autoridades sanitarias públicas dos estados membros e outros organismos mundiais, como a OMS.

O Parlamento galego pide ao Goberno central que adopte medidas contra a afectación da enfermidade hemorráxica epizoótica

Por outra parte, o Parlamento de Galicia tamén aprobou proposición non de lei do Grupo Popular, que foi aprobada por unanimidade, a través da que se demanda ao Goberno central que tome en consideración a situación xerada e adopte decisións, como o deseño dunha estratexia común, en relación coa afectación da enfermidade hemorráxica epizoótica na Comunidade galega en favor dos gandeiros, así como a coordinación dun protocolo de actuación ante enfermidades emerxentes que afecta á cabana gandeira.

O deputado popular Enrique Barreiro lembrou que a finais do pasado ano 2023 detectáronse distintos focos desta enfermidade en Galicia, circunstancia que motivou aos gandeiros afectados a demandar solucións á afectación desta e doutras enfermidades emerxentes. “Desde a detección temperá de focos da enfermidade hemorráxica epizoótica en Galicia, a Xunta, do mesmo xeito que fixo na loita contra a Lingua Azul, mantivo convenientemente informado ao sector da súa evolución, mantendo un diálogo con todos os actores implicados, ao tempo que se estableceu un sólido protocolo de actuación, trasladando recomendacións preventivas ás feiras e explotacións non afectadas”, sinalou.

“Porén, fronte ao evidente traballo posto en marcha por parte da Xunta atopámonos co estatismo do Goberno central, con plenas competencias para abordar esta situación e sen atender as reiteradas demandas que se levaron a cabo desde as administracións autonómicas e de entidades relacionadas co sector gandeiro”, apuntou.

Enrique Barreiro dixo que este escenario “é altamente preocupante en Galicia de cara á tempada 2024-25, dado o elevado número de explotacións e de censo de animais susceptibles de infección e, consecuentemente, de sufrir enfermidade clínica e afectacións produtivas”.

Deste xeito, manifestou que “faise preciso a existencia dunha estratexia común a nivel do Estado en resposta a esta enfermidade, que contemple un maior coñecemento acerca da epidemioloxía e comportamento da enfermidade, o establecemento de medidas preventivas, fundamentalmente o desenvolvemento de vacinas, así como establecer medidas de compensación aos gandeiros afectados”.

Así mesmo, Enrique Barreiro engadiu que “a experiencia que está a sufrir o sector gandeiro de gando bovino en España pola enfermidade hemorráxica epizoótica demostra a necesidade de dispoñer a nivel nacional de protocolos de actuación ante alertas sanitarias, cada vez máis frecuentes e que supoñen un risco enorme para o sector gandeiro”.

“Estes protocolos de actuación deben contemplar todas as medidas preventivas posibles, tanto na aparición de casos como na súa diseminación polo territorio, e minimizar o impacto destas novas patoloxías no caso de que se presenten”, rematou.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información