O Parlamento europeo aproba as cláusulas de salvagarda do acordo UE – Mercosur

Unións Agrarias valora como positivo o establecemento do limiar 5% - 5%: cando as importacións aumenten máis do 5% da media dos últimos tres anos e, ó mesmo tempo, os prezos baixen máis dun 5% en comparación co prezo interno, pausaranse as compras do exterior

O Parlamento europeo aproba as cláusulas de salvagarda do acordo UE – Mercosur

A carne de vacún é un dos produtos de importación sensibles para Galicia. / Arquivo.

Unións Agrarias (UUAA) valora positivamente o resultado da votación de hoxe do Parlamento Europeo sobre o Regulamento que desenvolve o mecanismo de salvagarda bilateral para produtos agrarios vinculado a Mercosur. Unións subliña que non se trata da ratificación do acordo polo Parlamento Europeo, que terá que esperar ó dictame do Tribunal de Xustiza da UE, senón dun instrumento técnico destinado a reaccionar con rapidez se se producen distorsións de mercado que prexudiquen aos productores europeos na aplicación do acordo Mercosur.

O texto aprobado incorpora melloras relevantes para que a salvagarda sexa utilizable na práctica, especialmente en produtos sensibles (no caso de interese para Galicia vacún, aves, porcino, lácteos, mel e millo): criterios máis obxectivos para detectar tensións en volumes e prezos, procedementos máis áxiles e prazos que permiten actuar antes de que o dano sexa irreversible (medidas provisionais, vía urxente e decisión final en prazos compatibles coa dinámica do mercado.

En concreto, para estes produtos sensibles establécense referencias obxectivas coñecidas como “umbral 5%/5%”: considerarase indicio suficiente para activar o procedemento cando as importacións aumenten máis dun 5% respecto da media dos últimos 3 anos e, ao mesmo tempo, o prezo medio de importación estea polo menos un 5% por debaixo do prezo interno comparable.

Tamén se contempla como sinal de alerta que o prezo medio de importación caia máis dun 5% respecto da media trianual, mantendo esa subcotización fronte ao mercado da UE e inclúense de forma explícita indicadores clave como os prezos, as vendas, a produción ou o emprego, o que permitirá unha avaliación moito máis realista do impacto das importacións.

Finalmente, refórzase o sistema de seguemento e vixilancia, cunha monitorización continua por parte da Comisión das importacións de produtos sensibles, ampliable a outros produtos, e a presentación de informes como máximo cada seis meses.

UUAA destaca que a proposta de “limiar 5%/5%” aprobada hoxe, foi unha das demandas defendidas polo sector en mobilizacións europeas recentes —incluída a mobilización de Bruxelas de decembro de 2025— destacando que cando hai unha axenda de negociación concreta, con indicadores e prazos, pódense obter resultados.

Normativa ambiental en espello
Dito isto, UUAA lembra que co Regulamento de salvagardas hoxe aprobado, o paquete de garantías non está ompleto. Seguen sendo necesarias melloras para que o sistema funcione con plena credibilidade, como controis efectivos e condicionalidade real nas importacións preferenciais: “sen verificación do cumprimento de cláusulas espello e normativa medioambiental e fitosanitaria, e de benestar animal, e consecuencias ante incumprimentos, non hai competencia leal”.

En Galicia, os sectores que requiren seguimento reforzado pola súa sensibilidade a prezos e entradas son vacún, aves, porcino, lácteos, e mel. Unións solicita ao Goberno de España un protocolo operativo que permita elevar solicitudes de salvagarda con datos estandarizados e en prazos útiles. Asemade, é imprescindible levar a cabo unha campaña de etiquetado claro no que se prime a información sobre a orixe, para que o consumidor poida realizar unha compra informada.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información