O Parlamento descarta a creación dun Rexistro Oficial de Taxadores forestais

A proposta presentada polo grupo socialista e apoiada polo BNG foi debatida na Comisión de Agricultura deste venres. Pretendía ofrecer máis transparencia ós propietarios forestais. O Goberno rexeita creala polos custos extra que suporía para os produtores

O Parlamento descarta a creación dun Rexistro Oficial de Taxadores forestais

Contar cunha ferramenta que ofrecera maior transparencia no proceso de corta e na taxación da madeira no monte ós propietarios forestais. Ese era un dos obxectivos detrás da proposta non de lei que presentou este venres o grupo socialista no Parlamento Galego, na Comisión de Agricultura. A iniciativa baseábase nunha das recomendacións recollidas no estudo realizado baixo o amparo da Fundación Barrié no 2013 para profesionalizar o sector forestal galego.

O grupo socialista instou ó Goberno autonómico a crear así un Rexistro Oficial de Taxadores – Cubicadores que ofreceran maiores garantías ós propietarios á hora de vender madeira no monte, ó contar cunha taxación independente da que lle ofrezan as empresas madeireiras.

A proposta contou co apoio do grupo nacionalista, que votou a favor da iniciativa. Porén, tamén cuestionou que a ferramenta chegase a ser realmente de utilidade para o sector e ofrecese transparencia de por si se esta taxación non se volve vinculante. “Un taxador oficial da madeira terá sentido se ese taxador independente fixa un prezo mínimo por esa madeira e o comprador está obrigado por unha normativa a pagar alomenos esa cantidade”, explicaban dende o BNG.

Así, apuntaban que non abondaba só coa creación deste Rexistro Oficial de Taxadores, senón que sería preciso activar outras medidas para seguir traballando na profesionalización do sector e ofrecerlle maior transparencia, do contrario podería incrementarse a burocracia sen verse resultados para os propietarios forestais ou mesmo sendo contraproducente, xa que se poden chegar a realizar taxacións á baixa ou pactadas se non hai un control sobre elas.

Gasto extra

Finalmente a proposta foi rexeitada cos votos en contra do Partido Popular ó considerar que xa existen outras ferramentas que ofrecen transparencia e mecanismos ós propietarios neste eido. O deputado popular Jose Antonio Armada recordou que xa se solicitara a creación deste rexistro de taxadores por parte da organización Unións Agrarias e que fora rexeitada. O gasto extra que suporía para os propietarios forestais presentouse como un dos principais argumentos esgrimidos polo grupo maioritario fronte á proposta.

Ademais, Armada apelou ó Rexistro de Empresas do Sector Forestal (Resfor), un directorio que inclúe a tódalas empresas galegas ou que prestan servizos forestais na comunidade, como unha ferramenta de utilidade para ofrecer estes servizos ós propietarios. Entre esas empresas hai firmas de enxeñeiros de montes e de enxeñeiros técnicos forestais, que xa fan habitualmente taxacións para clientes como comunidades de montes veciñais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información