
A Comisión 7ª de Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes do Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade a moción do Grupo Popular que propoñía solicitar ao Goberno galego que continúe promovendo a silvicultura adaptativa como primeira opción para a recuperación das masas de piñeiro radiata afectadas pola banda marrón.
Os 17 deputados presentes na comisión aprobaron o texto que di “O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a continuar promovendo a silvicultura adaptativa como primeira opción para a recuperación das masas de pinus radiata afectadas pola banda marrón, reforzando as medidas de apoio técnico e económico aos propietarios forestais, co obxectivo de mellorar a viabilidade económica e a sustentabilidade das explotacións forestais en Galicia.”
Malia o consenso acadado, tanto o grupo do BNG como o do PSdeG insistiron durante o debate que ten que haber outro tipo de medidas máis amplas e en colaboración cos propietarios forestais. Tamén solicitaron cifras concretas sobre as superficies nas que se vai actuar, número de afectados e orzamento dispoñible para executar as medidas de protección. E amosaron a súa oposición ás facilidades, dixeron, que se están a dar para substituír o piñeiro radiata por eucalipto.
Cómpre lembrar que a normativa permite que cada propietario substitúa por eucalipto ata un 50% das masas que se demostren gravemente afectadas.
Entre as medidas propostas polos grupos da oposición figura o traballo en xenética para acadar unha mellora que seleccione as árbores máis resistentes á praga e poder traballar con elas como base. Tamén se solicitaron contratos de xestión a longo prazo cos propietarios de piñeirais para que teñan marxe de manobra ante a emerxencia que supoñen as bandas de fungos.
Dende o Grupo Popular sinalaron que está previsto actuar en 4.000 hectáreas de terreos privados afectados polas bandas, con medidas tanto sanitarias como preventivas. E insistiron en que a silvicultura adaptativa non é unha resposta de emerxencia senón que cumpre co recollido no vixente Plan Forestal de Galicia.
A Xunta está a acometer podas e claras nos piñeirais de xestión pública, para posibilitar unha maior aireación das masas e, deste xeito, reducir a carga de inóculo do fungo presente nos piñeirais. Por outro lado, en colaboración coa Fundación Arume, vanse aplicar abonos foliares ata o mes de outubro en arredor de 4.000 hectáreas, segundo a previsión inicial, co obxectivo de fortalecer as masas e reducir o impacto dos fungos das bandas.
Contratos de xestión pública dos montes
No transcurso da comisión tamén se debateu unha proposta do Grupo Parlamentario Socialista sobre a demanda dirixida ao Goberno galego co obxectivo de que proceda a formalizar os contratos temporais de xestión pública dos montes, en sustitución dos actuais convenios e consorcios. O texto da moción sinalaba que os convenios veñen sendo prorrogados dende o ano 2015 mediante as sucesivas leis de acompañamento dos orzamentos algo que, aseguran, deixa indefensas as comunidades.
Dende o Grupo Popular sinalaron que calquera modelo de xestión forestal require de planificación técnica, ordenación forestal, seguridade xurídica e capacidade operativa. E que, por eso, se está a traballar no desenvolvemento regulamentario para establecer un marco que permita a correcta implantación dos contratos de xestión.
O Grupo do BNG coincidiu na necesidade de que se regularicen os contratos para dotar de maior seguridade xurídica e económica aos propietarios forestais pero tamén recoñeceu a dificultade de levalos a cabo polas particularidades da propiedade forestal en Galicia. A proposta foi rexeitada pola comisión.
Galego









Control OJD