O concello lucense do Páramo celebra do 6 ao 8 de xuño as Feiras e Festas da Primavera, unha cita que este ano chega á súa 47 edición e que xunta gastronomía, música, feira de gando vacún e cabalar e exposición de maquinaria agrícola e de artesanía.
O Campo da Feira da localidade acollerá o sábado a Feira de Gando Vacún, con concurso, desfile e subasta de gando frisón organizada por Africor Lugo. Poderán adquirirse xatas e vacas de alto valor xenético procedentes de ganderías da provincia de Lugo inscritas no Control Leiteiro. Este ano non haberá, sen embargo, subasta de xovencas de raza rubia galega organizada por Acruga, debido á escaseza de xovencas preñandas no Centro de Recría que a Asociación ten na Granxa Gayoso Castro.
Por segundo ano, o sábado celebrarase unha poxa de gando frisón organizada por Africor
No concurso de gando, no que participarán sobre todo animais carne de ganderías do Páramo e de concellos próximos como O Corgo ou Samos, repartiranse uns 20 premios, tanto en metálico como en forma de trofeos entre os mellores exemplares designados por un xurado profesional. Pola tarde haberá desfile no propio Campo da Feira e entrega dos galardóns.
O domingo haberá unha exhibición de doma a cargo do Club Ecuestre La Arboleda, de Cádiz
O domingo será o turno da Feira Cabalar, que terá lugar pola mañá, e pola tarde o plato forte será un espectáculo de doma de primeiro nivel a cargo do Club Ecuestre La Arboleda, de Sanlúcar de Barrameda (Cádiz).
Durante os tres días, de venres a domingo, haberá exposición permanente de maquinaria agrícola, artesanía e pintura, así como pulpeiros e outros postos de comida e produtos de alimentación. Non faltará tampouco a música tradicional polo día e a verbena pola noite. Nesta ocasión o pregoeiro será Jesús Cortezón, practicante xubilado que traballou durante moitos anos no Centro de Saúde do Páramo.
Posta en valor da importancia da gandería no municipio
As Feiras e Festas de Primavera do Páramo son unha cita anual que se leva celebrando dende mediados dos anos 70. “Empezouse máis ou menos canda a Semana Verde de Silleda. No Páramo houbo de toda a vida feira de ganado os días 10 e 25 de cada mes e pensouse en facer unha Feira de ano na que ademais de gando tamén houbera maquinaria”, lembra Manuel López, actual presidente da Asociación de Amigos do Campo da Feira, organizadora da cita coa colaboración do Concello do Páramo.
O emprazamento do evento é un lugar moi espectacular, xa que o Campo da Feira conta con distintos postos de pedra átopase nunha contorna natural rodeada por máis dun cento de carballos. “A cita está consolidada e xunta moita xente, sobre todo o sábado e o domingo ao mediodía”, destaca o presidente da Asociación organizadora.
O Páramo conta con medio cento de explotacións agrogandeiras, que constitúen o principal sector económico a nivel municipal
Por parte do Concello, Benjamín García, que tamén é gandeiro e que exerce as funcións de alcalde neste momento pola baixa médica do rexedor, José Luis López, destaca a importancia que a gandería ten para o Páramo, onde hai máis de medio cento de explotacións, que constitúen a principal actividade económica a nivel municipal, xerando emprego e riqueza a nivel local.
PROGRAMA DA XLVII FEIRA E FESTA DE PRIMAVERA 2025
Venres 6
- 10:00 horas: lanzamento de foguetes e pasarrúas de grupos de música tradicional
- 13:00 horas: apertura da Feira de Maquinaria e Artesanía
- 14:00 horas: pregón a cargo de Jesús Cortezón (practicante xubilado)
- 15:00 horas: comida oficial
- 17:00 horas: actuación de grupos folclóricos
- 22:00 horas: festa-verbena
Sábado 7 FEIRA DE GANDO VACÚN
- 10:00 horas: lanzamento de foguetes e pasarrúas
- 11:00 horas: apertura do recinto feiral
- 12:00 horas: poxa de gando frisón organizada por Africor Lugo
- 13:00 horas: presentación e exposición de gando
- 14:00 horas: sesión vermú
- 17:00 horas: desfile de gando vacún e entrega de premios aos mellores exemplares
- 23:00 horas: festa-verbena
Domingo 8 FEIRA CABALAR
- 10:00 horas: lanzamento de foguetes e pasarrúas
- 12:00 horas: actuación de grupos folclóricos
- 14:00 horas: sesión vermú
- 18:00 horas: espectáculo de doma cabalar a cargo do Club Ecuestre La Arboleda (Cádiz)
- 20:00 horas: festa-verbena
Durante os tres días haberá exposición permanente de maquinaria agrícola, artesanía e pintura, así como pulpeiros e outros postos de comida e produtos de alimentación.