O programa de axudas XERA Savia puxo en marcha unha serie de accións formativas a través das que busca mellorar e reforzar as habilidades profesionais do persoal traballador do sector da madeira para incrementar a competitividade e o coñecemento en todas as fases da cadea de valor. Unha das accións é a relativa á biomasa, impulsada polo cluster do sector. En conxunto, XERA destina a esta edición do programa formativo preto de medio millón de euros.
O director da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), Alfredo Fernández Ríos, inaugurou a primeira das accións e subliñou a importancia de asegurar a cualificación e capacitación profesional adecuándoas ás novas tendencias e desafíos da industria forestal “todo elo no marco da evolución cara una sociedade baseada na bioeconomía”, engadiu.
Así mesmo, asegurou que as xornadas como a celebrada no programa XERA Savia garanten un sector adaptado aos novos procedementos normativos e ás necesidades dunha sociedade que avanza baixo criterios de sustentabilidade.
Lembrou tamén que o Clúster da Biomasa foi unha das 9 entidades beneficiadas do programa XERA Savia, xunto con tres das principais asociacións sectoriais (Fearmaga, Lugomadera e Asefoga), o Clúster da Madeira de Galicia, as tres universidades galegas (Universidade de Santiago de Compostela, Universidade da Coruña e o Centro de Estudios Superiores Universitarios de Galicia) e o Colexio Oficial da Enxeñaría Técnica Forestal de Galicia. Todas elas teñen previsto organizar 56 actividades formativas e de divulgación.
Galego









Control OJD