O ovino e cabrún galego, afectado polo coronavirus, espera salvar a campaña de verán

A anulación de celebracións e o peche da hostalería comeza a provocar as primeiras cancelacións de pedidos de carne de año e cabrito para estas datas. Agardan que a situación se recupere e salvar a campaña de verán, tempada de maiores ventas

O ovino e cabrún galego, afectado polo coronavirus, espera salvar a campaña de verán

O sector agrogandeiro mantense a pleno rendemento logo da crise desatada pola pandemia do coronavirus, ó ser considerado prioritario, porén a evolución e a demanda dos produtos do agro está a ser moi dispar. Mentres as ventas de alimentos como os lácteos ou a carne de polo e porco se disparou en días pasados, outros sectores como o ovino e o caprino están a comezar a ter anulacións de pedidos e unha baixada da demanda motivados polo peche da restauración e a cancelación de eventos.

“Empezamos a notar os efectos polas medidas impostas para frear o avance do coronavirus. Tivemos xa algunhas cancelacións de pedidos na asociación polo peche da restauración”, indica Diego Fernández, presidente da Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (Ovica).

“Tivemos xa algunhas cancelacións de pedidos polo peche da restauración”: Diego Fernández, presidente de Ovica

Polo momento, a situación non está a ser crítica posto que o consumo destas carnes na comunidade galega é moi estacional e concéntrase nos meses de verán. Porén, hai certa inseguridade logo de que outros mercados españois destacados como Castela, viran xa paralizadas as súas ventas.

Un consumo vinculado ó ocio

O consumo tanto da carne de año como de cabrito en Galicia están moi vinculadas ó ocio. “É unha carne que se adoita consumir en celebracións, na restauración ou en familia, por iso coas cancelacións destes actos e negocios xa o estamos a notar”, indica Fernández.

Precisamente, el xa tivo anulacións de pedidos na súa gandería con motivo do aprazamento da Feira do Viño de Sober. “Por agora están a ser cantidades pequenas porque tampouco estamos na campaña forte para estas carnes e non son perdas graves”, indica o gandeiro, que conta cun rabaño de 250 cabezas de ovino no concello lugués de Sober. Trátase de pequenos lotes que programara comercializar tanto nesta feira como na Semana Santa.

As anulacións están a ser de pequenos lotes, ó estarmos aínda en época de baixo consumo desta carne en Galicia

A campaña de ventas para este sector concéntrase na segunda metade do ano, sobre todo no verán e no Nadal. “A partir do mes de maio é cando comeza a haber unha maior demanda”, indica Santiago López, un dos maiores tratantes de ovino e caprino de Galicia, que subministra uns 3.000 exemplares ó ano á cadea Vegalsa.

A paralización das ventas cara a restauración fixo que algúns carniceiros optaran, como noutras comunidades, por conxelar algúns dos excedentes, ó non poder vender nin a metade do habitual. Aínda que esta medida impide despois comercializar a carne como fresca, o que reduce o seu valor.

Optan por conxelar a carne ou vender a prezos máis baixos para poder dar saída ó produto

A anulación dos pedidos provoca tamén a desvalorización do produto para os gandeiros, xa que é unha carne que perde valor canto máis quilos ten o exemplar. “A hostalería adoita querer exemplares de 7 ou 8 quilos, cando pasa diso perde valor”, concreta Diego Fernández. De feito, para os pedidos anulados está resultando difícil atopar saída á hora de comercializar esta carne.

Dende comezos de ano e ata case chegados os meses de maio e xuño, a demanda desta carne en Galicia é realmente moi baixa, ó igual que os prezos. De feito, as cifras manexadas por grandes cadeas de supermercado como Vegalsa, con máis de 250 tendas, redúcense a unha media de 4 cordeiros á semana durante o mes de febreiro.

Preocupación pola evolución dos prezos

Outra das preocupacións que albiscan dende o sector ten que ver coa evolución dos prezos de cara a época de verán, dada a paralización doutras zonas importantes de produción en España. Así, temen que estes cordeiros que xa están quedando sen comercializar agora nas ganderías de Castela poidan entrar despois en competencia co produto galego. “Noutras zonas como Castela xa se está vendo que pode haber un grave problema, posto que moitos años e cabritos destinábanse á restauración nesta época e están quedando nas ganderías”, indica Santiago López.

Polo momento, os prezos habituais da carne de año que manexan grandes hipermercados adoitan situarse entre os 8 euros máis IVA en canal para os exemplares de menos de 8 quilos. Mentres, os animais de 8 a 10 quilos comercialízanse arredor dos 7 euros e os de máis de 11 quilos a 6 euros. No caso dos cordeiros que se venden en mercados o prezo adoita situarse nos 50 euros por exemplar.

Comezo da época de partos

Á marxe dos pequenos lotes que algunhas ganderías tiñan preparados para comercializar nestes meses, a maior parte da produción chegará nos meses de verán. As ganderías están agora a comezar unha das épocas de máis traballo.

“Polo momento, non estamos tendo moitos problemas, xa que seguimos con certa liberdade de movementos para atender os rabaños e tamén parece que imos ter garantido tanto o subministro de alimento como de medicamentos, polo que podemos seguir traballando con certa normalidade”, indica Joan Alibés, gandeiro de ovino e caprino de Meira (Lugo).

No sector, ó igual que noutras áreas, estanse extremando as medidas de bioseguridade para evitar o contacto humano. Así, no caso de Joan, que conta tamén cunha empresa de asesoramento gandeiro, está a reducir as visitas ó mínimo para extremar as precaucións fronte ó coronavirus e só están a priorizar aquelas consultas imprescindibles.

Si ben, na súa gandería, La Cabreta, son días de moito traballo xa que acaba de comezar a época de partos que comercializarán no verán. Como el, boa parte das ganderías prepáranse para o comezo da época de partos. “En marzo, coa chegada da primavera, é cando se producen a maioría dos partos, é unha época dura de traballo pero que polo de agora parece que o van facer con certa normalidade, xa que poden seguir sacando as ovellas ó pasto e están garantidos todos os subministros”, coincide en sinalar Orlando González, técnico de Ovica.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información