“O ovino de carne é unha boa vía de entrada na gandaría”

Quico Ónega á fronte do rabaño de Veiga de Luaces

Quico Ónega á fronte do rabaño de Veiga de Luaces

Quico Ónega e Andrea Ferreiro decidiron iniciar este proxecto de ovino nunhas fincas arrendadas no concello de Pol. Despois de máis de 17 anos á fronte da explotación “Veiga de Luaces” e sen experiencia de campo previa, a día de hoxe xestionan arredor de 110 ovellas reprodutoras cunha dedicación anual dunhas 800 horas.

A alimentación do gando está baseada no pastoreo rotacional co obxectivo de establecer quendas de pasto de 4 ou 5 días como máximo, sempre que sexa posible. Esta explotación conta coas mínimas instalacións polo que moito do seu manexo busca a simplicidade e adaptabilidade. Foi das primeiras granxas en asinar un acordo de custodia do territorio para a conservación e potenciación dos valores agroambientais.

Despois dalgunha pequena experiencia na gandaría e coa posibilidade de facerse cunhas fincas no concello de Pol, Quico Ónega e Andrea Ferreiro decidiron poñer en marcha unha pequena explotación de ovino de carne. “Algunhas destas parcelas non estaban moi aproveitadas pois, a pesar de ter certo tamaño e bo solo, non teñen bo aceso para a maquinara. Apareceu a oportunidade e con moi poucos recursos botamos a andar. Esta é unha moi boa vía para quen queira ter unha primeira toma de contacto coa gandaría pois é de baixo investimento e permite facelo sen apostalo todo, como unha actividade complementaria. Con menos de 10.000 euros é suficiente para facer peches e iniciarse cun pequeno rabaño” explica Quico sobre os inicios de Veiga de Luaces.

Unha das premisas é que a explotación debe ser atendida con pouco tempo e certa flexibilidade

O punto sobre o que xira esta explotación é a optimización do pasto. Pola zona en que se localiza a granxa, nunha veiga á beira do rio Azúmara, durante a maior parte do ano é suficiente co pastoreo. “Deixamos unha finca para recoller o excedente no verán que utilizaremos para complementar no mes de xaneiro xunto cunha pouca fariña de cebada ecolóxica. Dependendo do ano mais ou menos, pero arredor de 400 quilos, uns 200 gramos por animal e día”.

A rotación, para ter unha alta produción e calidade do pasto é fundamental. “Procuramos facer quendas de non máis de 4 ou 5 días para ter unha boa calidade do pasto, con isto vimos que mellora a presenza de trevo na pradaría e aumenta a produción. Esta rotación interrómpese na invernada de xaneiro e na época de partos, momentos nos que as ovellas se manteñen en lotes nunha mesma parcela. En momentos nos que non dispoñemos de tempo ou as condicións das parcelas non o permiten estas quendas poden ser maiores”, explica.

Divisións feitas para unha estancia 4 días en cada parcela

Divisións feitas para unha estancia 4 días en cada parcela

Por medio dun acordo de custodia do territorio creouse unha pequena ruta con puntos informativos dos beneficios desta gandaría ecolóxica

Veiga de Luaces foi unha das primeiras explotacións en asinar un acordo de custodia agraria en Galicia. Isto consiste nunha colaboración cunha organización ambiental, participando na promoción de accións beneficiosas para a biodiversidade. O convenio na explotación polense coa Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT) consiste principalmente na recuperación de muros secos de pedra, refuxio de varias especies de reptís e anfibios, a colocación de caixas-niño e a creación dunha pequena charca. “Coa recuperación desta pequena poza, dun palmo de profundidade, creamos un espazo con vexetación, humidade e temperatura diferente da que hai no regato que a abastece. En consecuencia, un trampeo recente deu como resultado 5 tipos de anfibios, 2 de tritóns, 2 de rás e 1 tipo de sapo. Estamos creando unha pequena ruta de sendeirismo polos pastos con varios puntos de información por medio de códigos QR, explicando os beneficios que aporta este tipo de manexo nunha gandaría ecolóxica de ovino”.

Por cuestións de manexo, os partos atrásanse até comezado o mes de abril

Na parideira créanse corrais para agrupar non mais de 3 ou 4 partos e evitar competencia polas crías

Na parideira créanse corrais para agrupar non mais de 3 ou 4 partos e evitar competencia polas crías

Despois de ir medrando aos poucos hoxe esta explotación xestiona 12 hectáreas, en propiedade e alugueiro, e un rabaño de 110 ovellas reprodutoras. En Veiga de Luaces a época de partos, que sen facer unha programación comezaría en xaneiro, atrásase até o mes de abril por diversos motivos. Para un manexo en exterior a temperatura e luz son fundamentais. “Dos principais motivos de mortalidade logo do parto nos cordeiros recén nados é a hipotermia. No mes de abril temos unha temperatura media bastante máis alta que en xaneiro polo que un cordeiro que presenta algún problema para tomar os costros, na primavera temos algo máis de marxe. Non vivimos aquí e esas dúas ou tres horas son fundamentais para que cando cheguemos poidamos atender os cordeiros que presentan algún problema”, relatan dende Veiga de Luaces cuxa mortalidade no último ano ascendeu ao 10%, sendo noutras campañas inferior ao 7%, un bo dato atendendo a referencias do TEAGASC irlandés.

Outro factor importante para atrasar os partos é a luz natural. “Non temos instalacións, facemos todo o traballo ao aire libre e as condicións climáticas e de luz tamén son mellores”, xustifica Quico, quen compaxina a labor de gandeiro coa de investigador na Escola Politécnica Superior de Enxeñería da USC no Campus Terra en Lugo.

 As instalacións son reducidas para gardar material e moi puntualmente recoller algún animal con complicacións

As instalacións son reducidas para gardar material e moi puntualmente recoller algún animal con complicacións

Os cordeiros saen ao mercado no verán, unha época de bos prezos

En consecuencia, a comercialización chega nos meses de xullo, agosto e setembro principalmente. “Na primavera o prezo de venda é mais baixo xa que en Galicia hai moitas pequenas explotacións que non fan programación de partos e a oferta nese momento é elevada. Chegado o verán o prezo comeza a subir, relacionado cun aumento relativo da demanda, sobre todo pasado o 25 de xullo. Algún parto, moi tardío, cuxos cordeiros sairían en outubro ou novembro aguantámolos ata o Nadal cando o prezo se dispara. Aínda así, non é algo que busquemos xa que por cuestións de organización e practicidade, preferimos comercializar todo no verán”.

“Buscamos ovellas rústicas e con boa produción para iso fomos cruzando coa texel francesa”

Os únicos animais con raza pura son os machos

Os únicos animais con raza pura son os machos

 Do cruce resultan animais con boa produción en base a pasto e rusticidade

Do cruce resultan animais con boa produción en base a pasto e rusticidade

En canto á raza, aínda que ao primeiro, en Veiga de Luaces comezaron cun rabaño mixto con bastante presenza de ovella galega, actualmente o gando foise cruzando con machos de maior rendemento cárnico, principalmente con texel francés, unha raza que tamén ten boas aptitudes para o pastoreo. Desta hibridación saen animais dun tamaño considerable mantendo certas cualidades rústicas da raza galega. “Levamos xa varios anos cos cruzamentos, temos varios sementais texel que fan unha primeira monta e logo un macho galego que metemos ao final do período de cubrición para atender as ovellas que quedaron baleiras e sacar algo de recría para manter certa diversidade”, relata Quico sobre a xenética, toda híbrida agás os machos.

A vida media nesta explotación é de algo menos de 8 anos, comezando a producir a partir do segundo. “Temos unha media de case 6 partos por animal máis 2 anos de recría. O normal sería ter un primeiro parto máis precoz pero ao facer partos entrada a primavera demorámonos máis. Unha ovella que nace en abril ou maio, no noso modelo produtivo non está en condicións de ser fecundada antes de rematar ese mesmo ano”.

Por falta de tempo Veiga de Luaces abandonou a venta directa, aínda que é a mellor forma de dar valor ao producido

En canto á venda, normalmente a totalidade dos cordeiros comercialízanse, por medio dun intermediario, con Vegalsa. “Neste aspecto probamos varias vías pero agora decantámonos por esta, que nos deu estabilidade e certidume na comercialización. Ao pouco de comezar tivemos venda directa, en conxunto con outra parella de gandeiros. Era unha boa forma de dar valor ao noso produto pero requiría de máis dedicación da que nese momento lle podiamos dar. O volume que tiñamos deixábanos fóra de poder negociar prezos competitivos en aspectos como o procesado, envase ou envíos”.

Este cambio foi o motivo para introducir razas de maior peso. “Con esta vía de comercialización vimos que nos ían pedindo cordeiros de maior tamaño polo que apostamos polos cruzamentos. É certo que os patróns de consumo e as formas de cociñar están cambiando e a carne de cordeiro trabállase máis en despece que anos atrás cando a maior parte dos consumidores compraban a canle completa”.

Nun sistema de produción con poucos insumos calquera suba no prezo final repercute integramente no beneficio

Coa subida dos custes de produción dos últimos anos o prezo dos cordeiros tamén experimentou unha suba. A suba foi notoria en Veiga de Luaces, xa que “dende o 2020 até hoxe tivemos unha incremento de máis do 30% no prezo por animal. Esta suba veu data en dúas terceiras partes pola suba no prezo e unha terceira parte polo maior peso das canais. Isto en parte é pola suba do prezo por quilo, pero tamén porque temos cordeiros de maior tamaño, froito dos cruzamentos. Nunha explotación deste tipo, na que non temos practicamente gastos de insumos, un aumento no prezo do prezo final tradúcese directamente nun maior beneficio”. No exercicio pasado, esta explotación acadou unha produción de 110 cordeiros cun peso medio de 8,572 quilos.

Sendo unha actividade complementaria Quico buscaba unha rusticidade e simplicidade e para iso trataron de ter un sistema controlado do que podería suceder nun rabaño salvaxe. “Dedicamos unha media de 870 horas ao ano. Hai días de moitas horas e outros momentos de menos. A época de partos, xunto co mantemento dos peches, movemento de cercas móbiles e o mantemento dos pastos e das sebes son as labores ás que dedicamos máis horas á fin do ano. Neste senso queremos manter a paisaxe. A abundancia de sebes, muros e árbores nas parcelas que xestionamos, que tratamos de manter o mellor posible, aumenta a nosa dedicación”.

Deste xeito, un ano típico comezaría en novembro coa monta. “O ovino é un gando poliéstrico estacional; é dicir, teñen celos naturais nos días decrecentes. No noso caso, vamos ao límite pois pasada a segunda quincena de decembro as taxas de fecundación baixarían moito”. Neste momento e ata febreiro, cando o pasto comeza a recuperar o gando fai unha invernada nunha das parcelas máis secas, complementando a alimentación coa herba seca recollida no verán. “Nestes meses os requirimentos nutricionais son baixos pois todas as reprodutoras están no inicio da xestación, polo que coa herba seca e 200 gramos de fariña de cebada ecolóxica é suficiente”.

A temporada de pasto comeza en febreiro “cando vemos que o pasto vai recuperando e xa vai ser abundante para non se esgotar, iniciada a rotación polas parcelas”. A finais de marzo aproveitan para realizar unhas mostras coprolóxicas para ver a carga parasitaria. Cando se aproximan os partos aproveitan para facer unha vacinación contra a basquilla. “No caso de haber unha alta carga parasitaria facemos desparasitación do rabaño, no caso de haber baixa carga realízase de forma selectiva naqueles animais sintomáticos. Chegado o mes de abril comeza a temporada de partos que se estende ata xuño, estes cordeiros saíran á comercialización no verán. Neste tempo a alimentación está baseada no leite das nais e no pasto, de forma que únicamente complementamos con fariña aqueles cordeiros máis tardíos e que decidimos reservar para o Nadal”.

A carga parasitaria nos últimas campañas non foi elevada polo que únicamente se realizaron desparasitacións selectivas en animais sintomáticos e máis débiles. Aínda que non existen estudos sólidos, Quico cre que “co pastoreo rotacional rompemos en certa medida o ciclo de vida dos parásitos, permanecendo o gando poucos días en cada parcela.

Para a protección do rabaño, que está 365 días no exterior, os peches son fundamentais. O gando nunca está unicamente protexido coa malla móbil electrificada pois “ao vivir a media hora da explotación temos que garantir a seguridade dos animais e a nosa tranquilidade”. Non houbo ataques de lobo nos últimos anos, “mais ben houbo algún problema con outro depredador, algún mustélido posiblemente, que se manifesta en cordeiros degolados ou sen a cabeza. Para isto comezamos a poñer polo lado de dentro do peche unha malla electrificada, dá traballo pero polo momento temos a situación controlada”.

A combinación dun peche permanente coa malla electrificada crea unha barreira tridimensional

Os primeiros peches, con preto de 20 anos, aínda están en boas condicións

Os primeiros peches, con preto de 20 anos, aínda están en boas condicións

Dentro dos cercados hai varias modalidades. En primeiro lugar está o peche con estacas e malla. “En parcelas a carón do río este sistema ten un problema pois coas crecidas fai represa e acaba tombando as estacas. Nestas zonas, na parte lindante co río, temos a malla polo lado de dentro de xeito que antes de tirar o peche, a malla se desprenda das estacas”. Outro peche máis sinxelo está formado por 5 fíos, 3 deles electrificados e outros 2 a terra. “Polo lado de dentro colocamos a malla electrificada, separada uns 30 centímetros, creando unha dobre barreira tridimensional”. Un terceiro tipo de peche está formado por varios fíos electrificados na parte alta e unha malla, con corrente tamén, na parte baixa e asegurada por medio de illadores ás estacas. “Este tipo de peche témolo nalgunha parcela que non temos contrato a longo prazo pero non é o mellor porque non crea esa dobre barreira tridimensional”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información